O documental 'Negro Púrpura' proxectarase en seis localidades lucenses

A peza, dirixida por Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva, afonda na relevancia económica, social e cultural do caruncho do centeo na Galicia de mediados do século XX

Cartaz do documental 'Negro Púrpura'. EP
photo_camera Cartaz do documental 'Negro Púrpura'. EP

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora coa produtora Illa Bufarda na distribución do documental Negro Púrpura por distintas localidades da provincia.

Lugo, Vilalba, Monterroso, O Saviñao, Sarria e Meira serán os lugares onde se proxecte esta peza dirixida por Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva, que afonda nos usos e na relevancia do caruncho do centeo na Galicia de mediados do século XX.

O documental fíase con testemuños de persoas que entraron en contacto con este fungo alucinóxeno que medra na espiga do centeo por seren recoletoras ou vendedores, por empregalo para usos médicos ou por telo presente no seu imaxinario popular. E liga esas vivencias persoais, con información sorprendente e pouco coñecida arredor do que supuxo o caruncho en diversos campos de estudo, desde a antropoloxía  ata a farmacoloxía e a medicina, e das súas implicacións sociais e económicas. Así, por exemplo, sitúao como recurso para as economías familiares pero tamén como orixe dun dos primeiros medicamentos comercializados pola farmacéutica viguesa Zeltia.

A vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, subliñou a colaboración de Cultura coa distribución deste filme "pola importancia de recuperar unha parte da nosa historia, que aínda a día de hoxe nos poden contar persoas que viviron ese tempo e que aquí se aborda con novos enfoques achegando información novidosa para moitas e moitos de nos". Ademais, quixo agradecer "a todos os concellos, entidades e asociacións que prestarán os seus espazos para a proxección do filme, unha peza de moito valor para o audiovisual galego con gravacións nalgúns lugares da provincia como Xermade e O Saviñao".

DATAS DAS PROXECCIÓNS
O primeiro lugar onde se porá a disposición do público esta peza documental será o Salón de Actos da Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo, o día 5 de novembro ás 12 horas, en colaboración coa USC.

O mesmo día ás 20 horas chegará ao Auditorio Municipal de Vilalba, lugar co que garda especial relación ao recoller mencións a Concha da Reina, primeira comadroa titulada, en colaboración co Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA) e o Concello de Vilalba.

Da man do Instituto de Estudos Ulloáns (IEU), o filme proxectarase o 6 de novembro ás 19 horas no Salón de Actos do Centro Sociocultural de Monterroso. A última data do mes de novembro será o día 20, facendo parada no Círculo Recreativo do Saviñao ás 19 horas.

Xa en decembro, están programadas dúas datas. A primeira, o día 4 ás 19 horas na Casa da Cultura de Meira, en colaboración coa Asociación Cultural Eme de Meira, e a segunda, o 10 de decembro ás 19 horas, na Casa da Cultura de Sarria co apoio da Asociación Cultural Sarricanta.

Comentarios