sábado. 06.06.2020 |
El tiempo
sábado. 06.06.2020
El tiempo

JOSÉ LUIS REGUEIRO

"Despois de cada viaxe o vehículo desinféctase cun tratamento de ozono"

José Luis Regueiro. ARCHIVO
José Luis Regueiro. ARCHIVO
Este empresario fonsagradino, licenciado en Ade, é un dos responsables de Salutrans

A PIQUES de cumprir 33 anos, faraos este venres, José Luis Regueiro Fernández conta, con todo, cunha dilatada experiencia profesional tanto como administrador dunha empresa do sector funerario na Fonsagrada, de onde é veciño, como polo seu labor como técnico de transporte sanitario, sendo un dos responsables de Salutrans.

Desde esa dobre faceta profesional, pódese dicir que trata co Covid-19 dun xeito moi directo.

Así é. Aínda que creo que ninguén estaba preparado para o que estamos a vivir e estou convencido que esta pandemia marcará un antes e un despois nas nosas vidas, non só desde un punto de vista profesional senón tamén en moitos dos nosos comportamentos sociais.

Desde que empezou a pandemia, un dos focos de preocupación era o traslado dos posibles infectados. Como se están realizando?

Cando todo isto estalou creo que ninguén soubo ver as dimensións do problema e iso provocou que as empresas do sector, do mesmo xeito que outras moitas vinculadas á sanidade ou as emerxencias, tivésemos problemas para acceder a todos os equipos de protección necesarios para esta nova realidade. Aínda así, no noso caso nunca estivemos desabastecidos e a situación vaise normalizando.

Hai vehículos suficientes?

Si. A actual situación provocou unha menor demanda noutro tipo de traslados, polo que a frota está adaptada para poder cubrir as necesidades actuais e as que poidan xurdir. Ademais, non hai que esquecer que para os traslados máis urxentes están os medios cos que conta o 061.

Cal foi o proceso de formación dos traballadores e preparación dos vehículos para enfrontarse a este virus?

Foi un esforzo grande por parte de todos xa que nunca antes ninguén se enfrontou a unha pandemia deste tipo. Desde o Hula impartíronsenos charlas sobre os protocolos para seguir por parte dos traballadores. En canto aos vehículos, estes desinféctanse con tratamentos de ozono despois de cada traslado co fin de evitar o máis mínimo risco de contaxio. Tamén teño que poñer en valor o alto nivel de compromiso e esforzo de todo o persoal de ambulancias que estes días non dubidan en asumir competencias que van moito máis alá das súas obrigacións e do que creo que toda a sociedade debe de sentirse orgullosa.

Na Fonsagrada rexenta tamén unha funeraria, un sector que desde logo tamén se viu afectado polo Covid-19.

Esta pandemia tamén alterou, e moito, os nosos costumes á hora de despedirnos dun ser querido. A prohibición dos velorios e os actos fúnebres supoñen un duro golpe para moitas familias. Con todo, a maioría delas comprenden a situación e acéptana mesmo nese difícil momento.

Vostede tamén é o portavoz do PP na corporación municipal da Fonsagrada. Como ve esta situación desde o punto de vista político?

O importante é que todos sigamos en casa para saír canto antes de todo isto. A nivel municipal, pedimos a creación dunha comisión de seguimento do Covid-19, co fin de estudiar medidas como aplazamentos o exención de impostos municipais que faciliten a recuperación económica. Creo que neste sentido a Xunta está a facer un bo papel no que son as súas competencias, pero a nivel local o alcalde aínda non respostou á nosa proposta.

Falando da Xunta, vostede forma parte das listas do PP pola provincia de Lugo para as próximas eleccións. Afectará esta crise sanitaria a os seus futuros plantexamentos?

Eu creo que se o partido apostou por alguén tan vinculado a esta comarca como son eu é porque está a facer unha aposta decidida polo rural. Desde logo estou moi agradecido por esa confianza depositada en min e, sexa cal for a miña responsabilidade, o meu compromiso será sempre o de traballar para conseguir todo aquilo que sexa bo para A Montaña

"Despois de cada viaxe o vehículo desinféctase cun tratamento de...
Comentarios