A Deputación de Lugo pon en marcha un servizo gratuíto de inserción laboral 

Varios profesionais atenderán persoalmente aos interesados nunha oficina presencial no Pazo de San Marcos

Sonsoles López Izquierdo. DEPUTACIÓN DE LUGO
photo_camera Sonsoles López Izquierdo. DEPUTACIÓN DE LUGO

A deputada de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo, Sonsoles López Izquierdo, presentou este luns o novo servizo público de inserción laboral na provincia, que a entidade ofrece de forma gratuíta a veciños, empresas ou colectivos lucenses. 

Segundo indicou, conta cunha oficina presencial no Pazo de San Marcos, onde profesionais atenderán persoalmente e de maneira individual aos interesados, ofrecendo asesoramento ás persoas que busquen traballo, ás que desexen mellorar a súa situación laboral ou ás que queiran emprender. 

Tamén prestarán este servizo aos representantes de entidades ou asociacións da provincia que estean a buscar novos traballadores, orientándoos sobre os perfís que requiren. 

Ademais desta oficina presencial, porase en marcha unha plataforma web na que se poderá trasladar á Deputación toda esta información. "Contaremos con dúas importantes radiografías da provincia, a da oferta e a da demanda de emprego, que poremos en común para facilitar a inserción laboral dos nosos veciños nos establecementos lucenses", destacou López Izquierdo. 

O obxectivo desta 'Axencia de Colocación' é "inserir no mercado laboral da provincia aos lucenses que busquen traballo nas empresas ou entidades que estean a buscar novos traballadores", así como "contribuír á xeración de novas entidades, axudando aos emprendedores", dixo a deputada. A oficina presencial iniciará a súa actividade este xoves e estará aberta de luns a venres de 9,00 a 14,00 horas.

UN SERVIZO "MÁIS HUMANO". Trátase, dixo Sonsoles López, dun servizo "moi humano, próximo e fiable", que terá en conta a oferta e a demanda de emprego dentro da provincia. 

Tanto a oficina física como a telemática permitirá ás empresas ou colectivos da provincia que necesiten traballadores "trasladar os perfís laborais que requiren ou que buscan para poder traballar ou mellorar o rendemento dos seus establecementos". Ademais de proporcionarlles candidatos, os axentes da oficina ofreceranlles asesoramento "individual e continuado", en encontros ou reunións, para definir as súas necesidades laborais. 

Os veciños da provincia, pola súa banda, "poderán trasladar os seus currículos" e os axentes poranos en contacto con empresas ou colectivos que busquen perfís similares. Tamén lles ofrecerán un "asesoramento individual e continuado, en encontros ou reunións, para axudarlles a atopar emprego". Finalmente, os emprendedores contarán con asesoramento individual en todos os aspectos para a posta en marcha dos seus establecementos. 

López Izquierdo lembrou que "foron centos" as empresas e veciños da provincia que "solicitaron perfís laborais e traballo a través das distintas edicións do programa Ben Empregado", unha iniciativa que se sitúa como xerme desta oficina. 
 

Comentarios