A Deputación lanza unha campaña co fin de reactivar o comercio local da provincia

A marca EN LUGO, SI apela aos “valores e fortalezas que ten a provincia como un lugar seguro, de confianza, de calidade e de oportunidades”, afirmou José Tomé
Presentación de EN LUGO, SI. CEDIDA
photo_camera Presentación de EN LUGO, SI. CEDIDA

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presentou este xoves no exterior do Pazo de San Marcos a campaña EN LUGO, SI; que lanza a institución provincial para “reactivar, dunha maneira estable e eficaz, o comercio local, a hostalería, o turismo, e o conxunto dos sectores produtivos da provincia, para saír o máis rápido e da mellor maneira posible da crise provocada polo coronavirus”.

Tras unha rolda de contactos co tecido económico da provincia, desde a institución provincial apostouse por este proxecto. No acto desta mañá, acompañaron a José Tomé, ademais da Deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, as dúas áreas provinciais con maior peso na campaña, o secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), Jaime López, e os presidentes da Federación de Comercio, José María Seijas, e da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo (APEHL), Cheché Real.

Tomé Roca explicou que a marca EN LUGO, SI “simboliza e reflicte todos os valores e fortalezas que ten a provincia como lugar seguro, de confianza, de calidade e de oportunidades para comprar, para consumir, para o lecer, para pasar as vacacións, pero tamén para emprender”.

O obxectivo da campaña é revitalizar o tecido económico da provincia e, con iso, o emprego nas pequenas e medianas empresas, microempresas e autónomos. “Por unha banda inclúe accións dirixidas aos propios negocios, traballadores e profesionais dos sectores produtivos, para dotalos das ferramentas que precisan para facer fronte á denominada nova realidade e, pola outra, iniciativas dirixidas á cidadanía, difundindo, os valores e fortalezas da nosa provincia e do seu tecido produtivo”, explicou o Presidente.

A primeira das accións será un programa formativo en liña a través de Internet, pensado para “apoiar aos negocios e profesionais do comercio, da hostalería e do turismo na aplicación de medidas de prevención e hixiénico sanitarias, e para que o fagan ademais, garantindo a comodidade e o benestar do cliente, é dicir, mostraráselles como orientar esas pautas para que non resulten incómodas para os clientes”, afirmou José Tomé.

Comentarios