A Deputación asumirá a suba do custo de cada praza no programa Lugo Termal

Os solicitantes pagarán igual ca en anos anteriores pese á inflación, pero baixa o número de vacantes respecto ao exercicio anterior, ata as 1.025
Pilar García Porto tras a xunta de goberno. EP
photo_camera Pilar García Porto tras a xunta de goberno. EP

A Deputación aprobou este venres durante a súa xunta de goberno as bases dunha nova convocatoria do programa Lugo Termal, que chega á súa duodécima edición marcado pola inflación. Aínda así, será o goberno provincial o que se encargue de asumir o incremento do gasto por cada praza, de xeito que as persoas solicitantes realizarán o mesmo desembolso ca en anos previos. Esta medida suporá un investimento para a Deputación de aproximadamente o dobre con respecto a outras edicións.

A voceira socialista e deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, detallou que se ofertarán un total de 1.025 prazas. Esta cifra supón unha redución de 575 vacantes respecto ao ano previo, cando se chegou ao récord de 1600 debido a que o programa se ampliaba a beneficiarios maiores de 50 anos, en lugar de contabilizar a partir dos 55.

García Porto apuntou que as máis de mil prazas distribuiranse nos tres establecementos que hai na provincia: As Termas de Lugo, Río Pambre de Palas de Rei e o hotel balneario Augas Santas de Pantón.

Da cifra total de prazas, 650 ofértanse en réxime con estancia e 375, sen estancia

Da cifra total, 650 prazas ofértanse na modalidade con estancia, que contempla seis días e cinco noites en pensión completa e con carácter xeral haberá 15 técnicas termais, agás que por razóns médicas sexan desaconselladas, ademais dun recoñecemento médico previo á aplicación das técnicas. Haberá 75 prazas en Lugo, 500 en Pantón e 75 en Palas. O custo máximo por esta alternativa son 300 euros, dos cales a Deputación asume 110,50 e o usuario, o restante (189,50 euros).

As outras 375 prazas encádranse no apartado sen estancia, que inclúe dez días -de luns a venres-, cun mínimo de 30 técnicas termais agás por razóns médicas. Neste caso, haberá 100 vacantes en Lugo, 150 en Pantón e 70 en Palas e os usuarios beneficiaranse dun prezo vantaxoso de 200 euros.

Algúns dos requisitos son ter máis de 50 anos e estar empadroado nalgún dos 67 concellos da provincia

O PRAZO ABRE O LUNS. As persoas que estean interesadas en apuntarse -poden facelo a partir deste luns, día 28- deberán cumprir cos requisitos de ter máis de 50 anos e estar empadroados en algún dos 67 concellos da provincia. Ademais, deberán valerse por si mesmos, non padecer alteracións do comportamento que afecten á convivencia e carecer de contraindicacións médicas.

A documentación poderase presentar a través do Rexistro Xeral -a cita previa pode concertarse a través do teléfono 982.26.00.30- ou na páxina web da sede electrónica da Deputación de Lugo -sede.deputacionlugo.org-.

ATENCIÓN A MAIORES. Na sesión celebrada este venres saíu adiante a licitación -por máis de 200.000 euros- do contrato para o subministro de gas propano e o mantemento dos depósitos das sete residencias de persoas maiores que ten a Deputación.

O contrato é por un ano con posibilidade de dúas prórrogas e afecta ás de Trabada, Pol, A Fonsagrada, Castroverde, Pedrafita, Meira e Ribas de Sil, que se porá en marcha antes de acabar o ano.

60.000 euros para doce entidades
A xunta de goberno aprobou o último paso para o pago das subvencións do Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios, preto de 60.000 euros para doce entidades de once concellos.

Actuacións
Os beneficiarios mellorarán locais sociais, aumentarán a accesibilidade, arranxarán camiños e vías, realizarán instalacións eléctricas ou rehabilitarán fontes públicas.

Concellos
Pertencen a Folgoso, Quiroga, Brollón, As Nogais, Guntín, Castroverde, O Incio, Becerreá, Quiroga, Xermade ou Sober.

55
Son as entidades que participaron neste plan e recibiron un total de 300.000 euros.

Comentarios