sábado. 11.07.2020 |
El tiempo
sábado. 11.07.2020
El tiempo

A Deputación arranca a formación que acreditará como seguros a 200 establecementos

José Tomé e Pilar García Porto. ARQUIVO
José Tomé e Pilar García Porto. ARQUIVO
O plan formativo ten como obxectivo apoiar aos negocios na implantación de medidas de seguridad sanitaria

A Deputación de Lugo comezou a impartir este luns un programa de formación especializada dirixido aos profesionais e negocios do comercio, a hostalería e o turismo da provincia co fin de apoialos na aplicación de medidas de prevención e hixiénico sanitarias, garantindo a comodidade e o benestar do cliente. Conta con 200 participantes, que ao finalizar o plan, recibirán un diploma que os acredita como establecemento seguro.

Esta acción organizada pola Deputación forma parte da campaña EN LUGO, SI, que impulsa a institución para favorecer a reactivación dos sectores produtivos dunha maneira estable e eficaz ante a crise da Covid-19. 

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, subliña a “importancia de xerar confianza, primeiro confianza en nós mesmos, e logo dende a dirección dos establecementos trasladar esa confianza e profesionalidade á nosa clientela”. García Porto engade que “non é unha tarefa doada, pero estamos observando que os establecementos se están adaptando moi ben. Con esta formación lograrán resolver aquelas dúbidas e inquedanzas que poidan ter á hora de actuar neste novo escenario”. 

Esta acción realízase en liña a través de Internet a partir deste luns e está pensada para apoiar ás empresas e traballadores na aplicación de medidas de prevención e hixiénico sanitarias, garantindo a comodidade e o benestar do cliente. 

O programa consta de tres módulos. O primeiro deles chámase Regreso con seguridade e está dirixido pola doutora en Medicina Alicia González Antelo e nel danse as pautas dende o punto de vista médico sobre a prevención da Covid-19 e sobre as condicións sanitarias, coidados persoais e seguridade no establecemento.

O segundo titúlase Regreso con intelixencia emocional. Dirixido pola licenciada en Psicoloxía Paloma Moure, está centrado nas pautas de conduta e habilidades sobre as emocións e intelixencia para manexalas con seguridade de cara ao público.

O terceiro e último bloque, Regreso e comunicación co cliente, ten como obxectivo comunicar que a actividade está rexida pola seguridade e a confianza sobre as bases da sinceridade e a honestidade. Impárteo a doutora en Comunicación Mar Castro. 

Os módulos desenvólvense con traballos con textos, guías oficiais, normativas, casos prácticos e vídeos, co fin de facer unha ensinanza amena e fluída, prestando atención naqueles aspectos máis útiles para os diferentes sectores para o que vai dirixida a formación. 

Unha vez superado o curso, a Deputación de Lugo entregará un diploma que acreditará que os negocios participantes realizaron esta formación e son, polo tanto, establecementos seguros. O plan formativo, de 20 horas de duración, está dirixido aos negocios dos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, en tanto que o Concello de Lugo xa ten o seu propio programa. 
Inscricións

Malia que o curso deu comezo hoxe luns, o prazo de inscrición queda aberto ata este martes, día 16, ás 23.59 horas. O obxectivo é  que as persoas que xa se anotaron poidan achegar a documentación que lles falta para completar o proceso de inscrición e tamén animar ás persoas que aínda non se anotaron a que teñan unha nova oportunidade para facelo.  O formulario debe cumprimentarse na seguinte ligazón: https://noainnova.com/curso-en-lugo-si/.

Campaña EN LUGO, SI

A campaña EN LUGO, SI impulsada pola Deputación de Lugo, na que se enmarca esta acción de formación, ten como obxectivo reactivar, dunha maneira estable e eficaz, o comercio local, a hostalería, o turismo, e o conxunto dos sectores produtivos da provincia, para saír o máis rápido e da mellor maneira posible da crise provocada polo coronavirus. 

A marca EN LUGO, SI creada pola Deputación simboliza e reflicte todos os valores e fortalezas que ten a provincia como lugar seguro, de confianza, de calidade e de oportunidades para comprar, para consumir, para o lecer, para pasar as vacacións, e tamén para emprender.

A campaña inclúe accións dirixidas, por un lado, aos propios negocios, traballadores e profesionais dos sectores produtivos, para dotalos das ferramentas que precisan para facer fronte á denominada nova realidade e, por outro, iniciativas dirixidas á cidadanía, difundindo, os valores e fortalezas da nosa provincia e do seu tecido produtivo.

Dentro da campaña estanse desenvolvendo os encontros online Abrindo as portas: o rexurdir do turismo, que buscan pulsar o sentir das empresas, colectivos e institucións vinculadas ao turismo co obxectivo de marcar unha folla de ruta que beneficie a economía provincial que depende do sector.

A Deputación arranca a formación que acreditará como seguros a 200...
Comentarios