Correos habilita en sete oficinas un servizo de transporte de castañas

O produto enviarase a toda a Península a un prezo reducido desde Becerreá, Chantada, Escairón, Mondoñedo, Quiroga, Samos e Sarria
Castañas. ARCHIVO
photo_camera Castañas. ARCHIVO

As oficinas de Correos de Becerreá, Chantada, Escairón (O Saviñao), Mondoñedo, Quiroga, Samos e Sarria ofrecerán durante este outono un servizo especial para distribuír castañas a calquera punto da Península.

Este servizo, que nas campañas de 2017 e 2018 repartiu máis de cinco toneladas de produto, ofrecerá un prezo reducido con descontos respecto á tarifa estándar desta modalidade de paquetería.

As sete oficinas seleccionadas para esta campaña permanecen abertas ao público de luns a venres, en horario de 8.30 a 14.30 horas, e os sábados de 9.30 a 13.00 horas.

Ademais, os propios carteiros rurais destas zonas irán recollendo os paquetes co produto e trasladaranos ás oficinas postais de cabeceira.

Esta iniciativa pretende facilitar os envíos entre os produtores locais e os seus compradores ata o 15 de novembro, para favorecer o desenvolvemento desta actividade que dinamiza a economía do interior lucense durante o outono.

MEDIDAS. A embalaxe para as castañas é o denominado como Paq Premium Caixa Mediana, que conta cunhas medidas de 39x28x19 centímetros. Desde Correos explican que os interesados poderán introducir neste paquete a cantidade de produto que desexen, coa recomendación de que os usuarios o sequen ben e o metan en mallas.

Os produtores poderán decidir se entregan o produto nas propias oficinas ou se desexan que sexa recollido no su domicilio, nunha empresa, un local comercial ou algún outro lugar.

NOTIFICACIÓNS POR SMS. O servizo inclúe tamén notificacións a través de SMS e do correo electrónico para o destinatario. Ademais, todos os envíos contan cun seguro especial incluído, que ofrece unha maior garantía ao contratante do servizo.

Desde a empresa postal precisan que con esta modalidade de envío pretenden garantir que "a entrega das castañas se realice con urxencia e efectividade". Tendo en conta que é un produto alimentario, Correos quere ofrecer un sistema de envío "con rapidez e seguridade no desplazamento e a entrega".

Comentarios