O Corgo baila ao compás da tradición

Os alumnos da aula de música infantil de A Legua Dereita, nun dos seus ensaios. VICTORIA RODRÍGUEZ

A asociación cultural A Legua Dereita leva traballando durante máis de 15
anos arredor da danza e a música galegas. Este último ano, cunha nova directiva á fronte, contaron con 62 alumnos nas súas aulas

"Somos A Legua Dereita do Corgo, e comezamos!". Son estas as palabras que poñen inicio a cada actuación deste grupo de música e baile tradicional creado aló polo 2002, cando varios pais e nais decidiron fixar as actividades extraescolares relacionadas coa danza e fundaron A Legua Dereita.

Dende entón xa nunca deixaron de soar nin as gaitas nin as pandeiretas no concello corgués. Agora énchense os foles e roxen as ferreñas. Decote, nove pares de pés fican quedos á espreita duns pés guías que dirixan o baile. Cinco pesadas capas de roupa penduran das cadeiras das bailadoras e danzan no aire tamén elas ao son dalgunha muiñeira, quizais recollida a algún veciño da zona.

De feito, a importancia que lle outorgan á identidade do Corgo é tal que mesmo o nome da agrupación fai referencia a el. A N-VI configura unha recta moi longa ao seu paso polo concello, por onde antes discorría o Camiño Real a Castela, construído a fins do século XVIII. "Sabemos que é unha legua de distancia porque se conserva un leguario na parroquia de Laxosa e outro en Gomeán", explica Roberto Besteiro, presidente da asociación. "Como é unha legua, e é en liña recta, pois somos A Legua Dereita!", engade riseiro, case deixando entrever unha lección aprendida pola rutina de explicar este asunto moitas veces.

Roberto Besteiro é, xustamente, un dos integrantes do conxunto que leva nel dende os seus comezos. "Cando empezamos, eramos máis ou menos todos da mesma idade, pero agora temos xente dende os tres anos ata algúns de máis de 60", sinala o presidente da asociación. Di que nun principio eran arredor dunha trintena, aínda que neste pasado curso contaron con 62 alumnos nas súas aulas, distribuídos nas clases de percusión, gaita ou baile.

A diferenza de idades e perfís leva consigo variedade nos niveis. Por iso, ofrecen clases de iniciación ou de nivel avanzado en calquera das disciplinas que imparten. "Cremos que todo pai e nai ten dereito ao acceso a este tipo de cultura galega para o seu fillo", apuntan na web do colectivo. Tanto é así que incluso hai membros de varias xeracións convivindo nestoutra familia que crearon a propósito de manter viva a tradición.

Agora, a piques de cumprir un ano dende que a nova directiva se puxo á fronte, fan unha valoración positiva da traxectoria. "Conseguimos aumentar os alumnos. Cando fas cousas agradécese que haxa boa resposta da xente", comenta Roberto Besteiro.

OBXECTIVOS. As metas, non obstante, non variaron. "Conservar, promover e difundir o patrimonio cultural galego" é algo que se mantén dende o nacemento da asociación. Por iso, non só se centran naquilo que ten que ver directamente coa tradición musical galega, senón que tentan abordar outras actividades vencelladas tamén co patrimonio cultural, pero dende outra perspectiva. Explican que organizaron un obradoiro de colares tradicionais e que mesmo desenvolveron unha xornada de concienciación fronte aos incendios forestais. "Agora procuramos centrarnos nos máis pequenos, fundamentalmente", di.

Roberto Besteiro: "En concellos coma o noso depéndese moito da mocidade. Iso penalízanos, pero danos outros beneficio"

Quizais deste xeito consigan transmitirlles aos cativos ese mesmo compromiso pola cultura de noso que desprenden os docentes ao falaren. Algúns deles, coma no caso de Roberto Besteiro, deron os seus primeiros pasos –nunca mellor dito– sendo aínda nenos e hoxe tornaron mestres dos novos alumnos. "Levamos toda a vida alí, vendo o traballo dos que foron os nosos profes. Despois de tantos anos como alumnos non resultou difícil nin estraño ese cambio, porque ao final só somos nós, na nosa casa, axudando os nenos que están empezando", explica Sofía Marbán, secretaria da asociación e bailadora no conxunto dende que este se creou.

RECUPERACIÓN. Porén, ao parecer de Besteiro, en concellos pequenos coma o do Corgo, "queda moito que facer" no tocante á posta en valor do patrimonio cultural. Recoñece certa dependencia da cidade e asegura que "é moi fácil ir a Lugo facer cousas, pero é moi difícil vir de Lugo ao Corgo. Nese sentido igual estamos un pouco penalizados, pero tamén nos trae outros beneficios, claro".

A Legua Dereita pon moita teima nesta cuestión. Un dos motores do seu traballo é a recollida de traxes tradicionais orixinais. Pretenden achegarse á cultura de antano e coñecela tal como era, sen alteracións. Agradecen á "xente amable que ensina os traxes que atopan na casa" porque iso supón un grande avance en materia de preservación patrimonial.

"Si que hai asociacións, coma Arumes, que se preocupan polo tema de recollida de patrimonio, pero queda moito por andar aínda", opina Roberto Besteiro. De feito, perciben que no ámbito do concello "aínda hai un gran descoñecemento" da asociación, malia levar en activo dende o 2002. Para remediar esta eiva, unha das ideas que lles rolda a mente é a de levar a cabo "ensaios itinerantes" por distintas parroquias do Corgo, aínda que recoñecen que non será tarefa fácil ao ter que cadrar os horarios dos diferentes grupos.

ESFORZO. E chegado o día, chega tamén a romaría. Unha das datas máis agardadas no calendario de actuacións de A Legua Dereita lévaos a carón do Chamoso, no propio municipio. É o Festival Folk no Río, en cuxa organización colaboran co Concello do Corgo. Esta é unha cita na que mostran todo o traballo do ano e na que fan "intercambios culturais" con asociacións doutros puntos do país.

Elas visten saia, dengue e cofia; eles, pantalóns, cirolas e polainas. O peso semella disiparse cando se trata de facer o que máis lles gusta. Brincan ao compás da música, lucindo os traxes e xoias que tan grande investimento supuxeron no seu día para a maior parte das familias.

Algúns válense de prendas alleas, pero a maioría acudiu persoalmente á procura das teas e dos detalles precisos para confeccionar a vestimenta tradicional dos días de festa. Iso é algo que sempre intentan deixar claro: os homes e mulleres da época non andaban a diario coa roupa que eles portan, senón que esa é a indumentaria «de gala», a usada para os días de festa.

Con moitas leguas andadas, esta asociación supera os 15 anos de vida e sostén os propósitos fixados no momento da súa creación: espallar a tradición galega leguas ao norte, ao sur, ao oeste e á dereita.