O control por satélite das axudas da PAC xa funciona na comarca de Lugo

A instauración do sistema completarase no 2022 e supervisará á totalidade de beneficiarios
Fernando López, xefe de servizo do Fogga, no seu despacho. SABELA FREIRE
photo_camera Fernando López, xefe de servizo do Fogga, no seu despacho. SABELA FREIRE

A comarca de Lugo é a primeira da provincia onde se instaura o novo sistema de control das axudas da Política Agraria Común (PAC) baseado na interpretación das imaxes dos satélites Sentinel. Ao inicio da última campaña implementouse a modo de ensaio na contorna de Lugo, pero a previsión é que no 2022 este sexa o método empregado en todo o territorio.

Fernando López, xefe de servizo do Fondo galego de garantía agraria (Fogga), explica que as diferenzas fundamentais coa supervisión que se viña facendo ata agora -que consistía en enviar técnicos a realizar controis aleatorios a unha mostra do cinco por cento dos terreos inscritos na PAC, complementados con imaxes aéreas- son dúas. Por un lado, con este novo método revisarase o cen por cen dos expedientes. Faranse inspeccións de xeito periódico nas que o satélite mide a intensidade da actividade en cada parcela, que se contrasta co que declara o agricultor para comprobar se coincide ou non.

A outra diferenza é que se pasa dunha estratexia baseada en sancións a outra de vixilancia continuada. "Agora se se atopan infraccións descóntaselle na declaración ao agricultor e pode haber penalizacións. Co novo sistema notifícanse as irregularidades que poida estar comentendo e dáselle opción a que se comunique con nós e xustifique a súa actividade, e se non pode váiselle permitir modificar a solicitude para que coincida coa realidade", expón o xefe de servizo do Fogga. Engade que de non facelo si que haberá sancións.

O proceso está automatizado case na súa totalidade, pero tamén prevé a avaliación dun técnico e das aportacións fotográficas do propio titular nos casos nos que o sistema faga unha valoración dubidosa. se vai considerar a inspección presencial naquelas situacións que non se resolvan por ningunha destas vías.

López considera que o feito de que agora se requira a participación activa dos perceptores da PAC "pode ser traumático ao principio, pero a medio prazo vai resultar máis cómodo, tanto para eles como para nós". A clave está en que o número de sancións se vai ver reducido polo novo procedemento, xa que ofrece primeiro a opción de reparar os desaxustes.

A Xunta organiza un curso en Castroverde sobre a xestión dixital das axudas

A Consellería de Medio Rural, a través da Axencia galega de calidade alimentaria (Agacal), organiza en Castroverde unha acción formativa para instruír aos profesionais do sector agrario no uso das aplicacións informáticas para a xestión da PAC. O curso será o vindeiro luns 23 no salón de actos de CPI de Castroverde en horario de 15.45 a 20.45 horas.

Esta programación enmárcase dentro dun ciclo de actividades de formación que pretenden formar aos titulares de explotacións para que poidan adaptarse aos novos procedementos que se lles requiren, derivados da dixitalización do sector. A de Castroverde está relacionada con outras que xa se realizaron na comarca de Lugo, que é a zona afectada polo cambio no paradigma de control da PAC.

O novo sistema de vixilancia satelital vai requerir a participación activa dos perceptores das axudas, que deberán comunicarse dixitalmente coa administración para enmendar as irregularidades detectadas polo sistema. O curso inclúe a presentación das aplicacións acondicionadas para o caso –Sga@pp e SgaFoto– e outras.

Os interesados deben cubrir a solicitude dispoñible na páxina web da Consellería de Medio Rural e remitila ao enderezo electrónico jose.rocha. [email protected]. Tamén é posible chamar ao número de teléfono 982.29.49.36 para recibir máis información.

Escenario Dous mil casos en vixilancia satelital

Hai preto duns cen usuarios notificados por infraccións detectadas polo novo método de control na comarca lucense.

Expedientes analizados

Na última campaña rexistráronse 11.300 solicitantes da PAC na provincia. Na comarca de Lugo cóntanse case dous mil, que son os que están a ser supervisados por medio de control satelital.

51%

A provincia de Lugo recibe máis da metade –51% na última campaña– das contías destinadas ás axudas da PAC de Galicia. Dos case douscentos millóns de euros da campaña do 2020, máis de cen foron para Lugo. Diferenciando os dous tipos de achegas, o 49% do orzamento das axudas directas, financiadas pola Unión Europea (UE), foi para a provincia lucense. No caso das axudas ao desenvolvemento rural, cofinanciadas pola UE e a Xunta, a cifra supera a metade do presuposto e alcanza o 62%.


 

Comentarios