miércoles. 18.05.2022 |
El tiempo
miércoles. 18.05.2022
El tiempo

Contar o mundo dende Penarrubia

Eduardo Álvarez e Lucía Gómez, en Penarrubia. EP
Eduardo Álvarez e Lucía Gómez, en Penarrubia. EP
Eduardo Álvarez e Lucía Gómez recollen en penarrubia.gal unha exhaustiva historia da parroquia de Baralla

Eduardo Álvarez González recorda, de neno, a Pena Painzal ou a Pena das Aguias no horizonte das serras de Penarrubia. Para este filólogo e veciño da parroquia, o seu topónimo debe estar relacionado con elas, e tamén, seguindo o apuntado por Antón Santamarina, pola cor das queirogas en flor. Escríbeo nunha das moitas entradas que contén a web penarrubia.gal, impulsada por el e pola súa sobriña, a mestra e escritora Lucía Gómez, da Casa do Costureiro. Lamentablemente, hoxe xa non hai pena que asome entre as plantacións de piñeiros, pero tío e sobriña quixeron gardar os nomes para continuar a falar coa terra e para que ela tamén siga falando de nós.

Nomes de lugares
A iniciativa inclúe a maior investigación de toponimia da parroquia
A páxina ofrece o maior estudo até agora da toponimia da zona. Con el, Eduardo quita unha espiña cravada dende que rematou a carreira e na universidade lle ofreceran realizalo, algo que tivo que rexeitar por outro traballo. Acometeuno agora, seguindo os camiños abertos por outros investigadores.

Na páxina é posible atopar agrotopónimos, relacionados coas actividades agrícolas, como As Barcias, Seara do Trigo ou Campa Cernadas; antropotopónimos, como Casar de Monín ou Ilarín, formados por nomes de persoas; hodónimos, nomes das vías de comunicación, como As Cruces ou A Ponte da Silvela; fitónimos, que veñen de nomes de plantas, como Linarelle –solución que el mesmo dá a un termo vacilante–; orónimos para designar montañas ou outros accidentes do relevo, como Navallos ou Mazuco; hidróninimos como Neira ou Fontes da Devesa, e os oicónimos das catorce casas de Penarrubia, que se refiren aos apelidos ou alcumes das familias que as habitan (Martiz, Moreno, Lopo, Preto, Ribeiro, Cota, Vazque, Miguelín e posibelmente Mofín), ás actividades que se practicaron nelas (Ferreiro e Costureiro), ao lugar en que se sitúan (Carrocheiro, Agro e Valado), á súa forma (Casela) ou a trazos fisionómicos dos moradores (Ruán).
O proxecto comezou cando Eduardo, depositario dos documentos da Casa do Costureiro –o máis antigo é do 1845–, comezou a lelos e transcribilos. Os foros, a desamortización, o réxime das terras e dos montes, as quendas da augas... a parroquia debuxouse nun quebracabezas maior con esa lectura demorada na que se enfía a historia de Galicia e a relación entre as persoas e o territorio.


Dende o confinamento, adicaron tempo cada día para ordenar a información, que completaron con visitas aos arquivos histórico e diocesano de Lugo, ou ao arquivo de Simancas. "Levounos moito tempo ler os documentos do Catastro da Ensenada, porque a tinta do escribán da fregeuesía traspasou o papel, e confúndese o escrito nunha cara co escrito no reverso", conta, un dos moitos detalles que fan brillar a microhistoria co aceno da parroquia.

O estudo vai do Antigo Réxime ao século XX e toca temas como a toponimia, a igrexa, a propiedade das terras ou a biodiversidade

Eduardo adicouse ao Antigo Réxime, aos séculos XIX e XX, á igrexa, aos lugares, ao monte, aos regos e ás fontes e á toponimia, e Lucía, sobre todo, á biodiversidade. Levada ao papel, a web contería o equivalente a 250 páxinas con contidos documentados que buscan gardar o coñecemento dun mundo que dende os anos 50 viviu unha transformación radical.

Posesión das terras

Conta Eduardo Álvarez que, en primeiro de carreira, na materia troncal de Historia, o docente, José Ángel García de Cortázar, díxolle a el e aos seus compañeiros que se crían entender como funcionaban os foros e señoríos probablemente estarían equivocados, dada a complexidade do réxime de posesión de terras, que el agora se propuxo esmiuzar. Así, na páxina atopamos un importante estudo sobre o sistema foral que perviviu en Galicia ata o 1973, a través das propias compras da Casa do Costureiro ou das redencións no seu favor, e que pode extrapolarse a outros lugares de Galicia.

Preitos que chegaron ao tribunal de Rota polo beneficio de curado –que tiña a familia fidalga Santiso Ulloa, o que explica que haxa tantos párrocos nela–; a historia do polémico párroco de comezos do século XX Emilio López, ao que os veciños lle penduraron un cartaz que indicaba "O cura deste curato/ como mañá non se vaia,/ ha quedar como o gato"; a introdución do cultivo da remolacha no século XX ou a desaparición do paínzo, o millo miúdo; as viaxes do bus La Directa; a desaparición do topónimo Neira de Xusá –substituído polo de Baralla para nomear o municipio–; a produción de carbón nas foias do monte abertal ou as aves que aniñan en soutos e fragas son algúns dos puntos polos que bordan esta historia de historias, este mundo contado dende Penarrubia.

Demografía
Cantos veciños e quen veñen sendo
A demografía é outro dos asuntos tratados en penarrubia.gal. Na páxina indican que o censo de 1528, realizado por orde do emperador Carlos I, establece en Puebla de Neyra e Jusaos 264 habitantes. Eduardo Álvarez estima que, excluídos os clérigos e os fidalgos, é posible considerar que a poboación de Neira de Rei achegaríase aos 140 veciños no primeiro terzo do século XVI.

No século XVIII
En 1760, segundo o Expediente de Comprobación, na freguesía de Penarrubia existían 51 veciños, o equivalente aproximadamente a un terzo da totalidade da veciñanza da xurisdición de Neira de Rei en 1528. Na páxina inclúen arrieiros, fidalgos, ferreiros, tecelás ou clérigos con nome e apelido.
Eduardo Álvarez e Lucía Gómez, en Penarrubia.
Gandaría: A primeira cooperativa
Na páxina aparece a historia da Cooperativa de explotación comunitaria, creada en 1968 por catro casas de Penarrubia, entre elas a do Costureiro, á que pertencen os impulsores da web.
Eduardo Álvarez e Lucía Gómez, en Penarrubia.
Os camiños: E os carreiros
Para documentar os camiños do municipio, a meirande parte deles hoxe pechados, Eduardo Álvarez usou as fotografías tomadas polo coñecido como Vuelo Americano do ano 1957.
Eduardo Álvarez e Lucía Gómez, en Penarrubia.
O presidente de EE UU: Pola parroquia
John Adams, o segundo presidente de EE UU, atravesa o Reino de Galicia en 1779, e pasa pola parroquia. Nos seus diarios falou da escaseza das terras e de que "só os curas están gordos".

Contar o mundo dende Penarrubia
Comentarios