Confinados na aldea

O medio rural está baleiro e, no estado de alarma, permite respirar aire puro, pero illa aínda máis aos poucos veciños que quedan nas parroquias
Brais Verao nunha foto de arquivo.EP
photo_camera Brais Verao nunha foto de arquivo.EP

A PROVINCIA de Lugo ten milleiros de aldeas agrupadas en 1.266 parroquias, que pertencen a un total de 13 comarcas. Nesas pequenas entidades de poboación reside unha parte moi importante dos máis de 330.000 habitantes da provincia. Eles tamén sofren o estado de alarma que provocou o covid-19 e, anque o nivel de contaxios é moito menor ca nas cidades, a preocupación é grande polo elevado grao de envellecemento da poboación. Na parroquia de Vilabade, no concello de Castroverde, residen Luis Valiño Vega e Mariví Díaz Pin, que teñen unha explotación gandeira. Na Casa da Vica, como se chama o seu domicilio, hai 35 vacas en ordeño e 25 en recría polo que o estado de alarma non mermou o ritmo de traballo. Muxir, alimentar o gando, limpar as cortes e o coidado das fincas marcan a rutina diaria desta parella. A maiores, no mes de marzo toca preparar a horta e xa non hai descanso.

"Está case todo coma sempre, o que tentamos é reducir ao máximo as saídas. Imos ao supermercado só o necesario e incluso atrasei a cita para arranxala PAC", explica Luis Valiño. A diario sube a Vilabade o panadeiro e tamén o camión que recolle o leite. Estes profesionais levan elementos para protexerse e todos respectan a distancia de seguridade.

Luis e Mariví teñen estes día na casa a dous dos seus tres fillos, xa que a actividade na Universidade e nas academias tamén está parada. O outro irmán traballa nunha farmacia e reside en Lugo. O mozo eliminou os desprazamentos a Castroverde porque un dos seus irmáns é perfil de risco e hai que tomar todas as precaucións.

"A preocupación témola, aínda que se leva mellor no medio rural ca na cidade", explica Mariví Díaz. "O primeiro no que pensas é na saúde e despois nas consecuencias a todos os niveis. A xente falaba antes de crise, pero igual a verdadeira crise vén agora" conclúe.

Na parroquia de Goiriz, no concello de Vilalba, viven Clara Naseiro Pérez, o seu home e os seus fillos, de 7 e 3 anos de idade. Clara Naseiro indica que nunha situación coma a actual a vida na aldea simplifica moito as cousas. "As casas da aldea son, por norma, máis grandes ca un piso e, a maiores, sempre hai un xardín, unha aira ou un resío ao que saír tomar o sol ou o fresco sen poñer a ninguén en risco", apunta.

Clara Nariciso cos seus fillos en Goiriz.EP
 

No recuncho no que vive esta familia de Goiriz hai outras vivendas habitadas. Estes días os veciños renunciaron aos cafés conxuntos e saúdanse de lonxe erguendo a man. "Se nos cruzamos mantemos a distancia dunha vara" insiste Clara. "Falamos de illamento, pero isto é temporal, hai aldeas nas que só quedan un ou dos veciños e non ven a case ninguén en todo o ano", argumenta.

Con dous cativos, en Goiriz os días pasan voando. "Tentei manter a actividade do colexio pero non é tan sinxelo. Os pequenos están preocupados, o maior pregunta canta xente máis vai morrer e a nena, con tres anos, pide para ir ao cole", engade. "Intento explicarlles a situación dun xeito positivo, pero é complicado", di.

Hai outras rutinas que tamén mudaron nesta casa co coronavirus. Clara visitaba a diario ao seu pai e á súa avoa, pero a iso tivo que renunciar. Ademais, o seu home traballa cun camión no sector forestal e sae a diario da casa. "Fixen mascariñas para el e para outros familiares e amigos, porque non había maneira de conseguilas", conta.

Artesá da madeira en excedencia dende hai uns anos para coidar dos cativos, esta vilalbesa está especialmente preocupada pola pegada que esta situación pode deixar na saúde mental de nenos e adultos.

RIBEIRA SACRA. A situación non é moi diferente no sur da provincia. Brais Verao é un dos viticultores máis novos da Ribeira Sacra. Unha rara avis que apostou por quedarse no medio rural e darlle continuidade á adega familiar de Cividade, que ten os seus viñedos na subzona de Amandi. As súas son esas viñas das que sacar a colleitra en barca polo río Sil.

Brais está afeito á soidade e a vivir á marxe do balbordo, pero dende que se decretou o estado de alarma o illamento tamén aumentou no lugar de Outeiro, na aldea da parroquia de Bolmente (Sober) na que vive.

"Vou a diario á viña e traballo na adega, iso non cambiou, pero agora non ves a ninguén" argumenta. "Estamos pechando unha das viña da ribeira e alí sempre atopas xente traballando, un veciño vai e o outro vén, pero agora nin iso. Hai medo a saír", explica o rapaz.

Con todo, o que lle quita o sono é que cheguen os contaxios. "Na casa vivo cos meus pais. O meu pai é unha persoa de risco e miña nai traballa no hospital de Monforte —explica—, así que o medo sempre o hai". A maiores, na vivenda do lado reside a súa avoa, que ten 93 anos. "Por seguridade decidimos que só vaia unha persoa atendela e vai o meu pai, pero os demais non porque somos os que máis nos movemos e os que podemos levarlle o virus a ela", comenta.

A cen metros deles residen outros dous veciños. A parella anda tamén nos 90, así que tampouco poden achegarse moito. "Os seus fillos pasan velos e mirar por eles, pero andamos todos con moito coidado porque son xente moi maior", insiste.

Este rapaz está inquedo pola avoa e por seu pai, pero tamén polo negocio. Segundo comenta, a gran parte da súa clientela está en Galicia. "Hostaleiros que teñen os nosos viños na súa carta. Se eles non abren, o viño non sae", di. Así que o medo e as dimensións que poida alcanzar a crise son factores que lle quitan o sono. Brais Verao ralentizou o seu ritmo de vida. Só se move pola casa, as viñas e a adega e vai mercar o xusto e necesario. "É por min, pero especialmente polos que me rodean. Se o virus chega ao rural estamos perdidos", sentencia o rapaz. Onde este días non hai un minuto para aburrirse é na parroquia monfortina de San Xiao de Tor. Alí residen Eva Sánchez Belón e Ramón Fernández Fernández. Ademais, estes días teñen dous netos alí, Sergio e Xián, porque os seus pais pertencen ao sector da alimentación e ao farmacéutico e teñen que acudir a diario aos seus traballos.

A familia decidiu que os pais quedasen en Monforte e os nenos marcharan para a aldea. "Os que saíron gañando son os cativos, que dende as sete da mañá que se levantan non paran de correr. Están no exterior todo o día, algo que no piso non sería posible", explica a avoa, que fai o imposible por manter unha rutina e que os horarios non se alteren. "Pola mañá facemos algo de deporte cun programa que poñen na canle 2 de TVE e seguimos tamén o programa da TVG2. Despois tocan as tarefas do colexio e ese é o momento máis crítico", conta Eva Sánchez.

Os nenos dan faena e hai que cociñar, levar a casa e a horta. "Non paramos e agora é tempo de botar as patacas, así que xa temos outro enredo", explica.

O que máis nota o confinamento é Ramón, que non pode botar a partida e tamén baixou o contacto cos veciños. "Temos unha parella maior moi préto e estamos un pouco pendentes de mirar por eles a diario, ao resto si que os vemos menos e tamén suspendemos as tertulias que facíamos fóra cando o tempo acompañaba. Xa non temos hora do conto", explican.

Dende que se suspenderon as clases e chegaron os netos tampouco se desprazaron a Monforte. "Fixemos aquel día unha compra grande e con iso, a horta e o que temos na despensa amañamos" conclúe Eva.

Comentarios