Os concellos estudan como recuperar a actividade das feiras a partir do 11 de maio

A norma estatal recomenda incrementar espazos ou comezar cun 25% dos postos e deixa que sexan as administracións locais as que decidan cando volven as ducias de citas da provincia
A Feira da Tenreira Galega de Láncara, nunha edición pasada. ARQUIVO
photo_camera A Feira da Tenreira Galega de Láncara, nunha edición pasada. ARQUIVO

As previsións da desescalada do Goberno inclúen, na súa fase 1, a partir do 11 de maio, a posibilidade de recuperar as feiras e mercados —incluídas no grupo do comercio minorista— e depositan en cada Concello, na maior parte dos casos responsables directos da súa organización, a decisión de reiniciar a actividade.

As ducias de citas que cada mes se organizan en toda a provincia poden volver, pero non coma antes. E é que a previsión é que se amplíe a superficie destinada a estas, o que en moitos casos non é posible por cuestións espaciais, ou que se limite a presenza de postos a un 25% do total habitual, que se incrementaría a un terzo na seguinte fase e a ata o 50% na terceira, xa no mes de xuño. T

amén se deberán incrementar as medidas de seguridade e hixiene e establecer uns protocolos que, no caso galego, a Consellería de Medio Rural xa definía nunha orde do 23 de marzo cando tamén decretaba a súa prohibición provisional ata o 31 de marzo, que logo estendía un mes máis. O prazo expira hoxe mesmo e dende o Goberno autonómico están á espera de que o Executivo Central dea resposta á súa consulta sobre a posible reapertura, para a venda de produtos agroalimentarios, formulada hai uns días.

Mentres as administracións superiores fixan as normas, sempre a expensas de como evolucione a crise sanitaria, os concellos comezan a estudar como levar a cabo, con garantías, a recuperación de citas tan emblemáticas coma a feira dominical quincenal de Meira, que ata conta dun decreto real de 1707 que impide que outra se celebre na mesma data nun radio de 30 quilómetros.

“Falaremos con todas as administracións e estudaremos que facer, porque preferimos pecar de prudentes”

“Non temos decidido como imos facer, estámolo estudando porque hai que facer moitas adaptacións”, di o tenente de alcalde meirego, Agustín Méndez, que lembra que a súa feira, que se celebra no centro da vila, suma de media uns 70 postos. O domingo 17 tocaría feira, máis aínda non poden asegurar que ese día se organice ou que haxa feirantes dispostos a acudir.

Coa de Meira altérnase a de Castro de Rei, que dende o Concello estiman que non será difícil de organizar. Máis preocupados están pola feira semanal de Castro, que pode chegar aos 50 postos. “Estamos perfilando o tema para poder ter algo xa o día 13, empezando polo mercado tradicional”, avanza o alcalde, Francisco Balado, que cre que o tradicional posto do polbo non estará ata a seguinte fase, dado que non tería sentido estando a restauración case pechada.

Máis lonxe está aínda a volta doutra cita emblemática, a feira de Parga. Non sería ata o 31 cando lle tocaría volver, unha marxe que a Asociación de Veciños do Campo da Feira de Parga, encargada da súa organización, agradece para poder analizar como se organizan outras citas similiares.

“Falaremos con todas as administracións e estudaremos que facer, porque preferimos pecar de prudentes”, indica o presidente da entidade, Suso Barreiro, que entende que se hai límites de aforo e de postos —unha boa feira pode superar os 100— non tería sentido facela, sobre todo se non repercute no pobo, con negocios aínda pechados, e tendo en conta que a venda da planta deste ano xa se perdeu.

Comentarios