Lumes e seca. Ou seca e lumes. O clima está cambiando e en Galicia tamén se ve. O verán é tempada quente tamén para o presidente da Confederación Hidrográfica?
Dende logo que si. É unha tempada complexa. Hai que pensar que este é o ano máis seco da serie histórica, dende 1980, todo iso leva a que haxa escaseza de auga.
Cre que os cidadáns somos conscientes de que isto non é algo puntual e estamos preparados para facer cambios no xeito de vivir?
A xente en xeral adoita escaparlle aos problemas. É moi difícil trasladar isto mentres a poboación en xeral non vexa o seu modus vivendi alterado. Hai moitos sitios nos que empezan a aparecer problemas de abastecemento. A día de hoxe na nosa cunca hai 29 concellos que teñen problemas. Sete están na provincia de Lugo. O futuro está por escribir, pero eu creo que xa se empeza a falar entre a xente de que algo está cambiando. É certo que tampouco é a mesma concienciación e sensibilidade a que hai nas novas xeracións que a que teñen as xeracións maiores.
A peculiaridade da nosa cunca é que en xeral as poboacións se abastecen de ríos e mananciais. Non hai auga almacenada e iso fainos máis vulnerables.
Efectivamente, e é así porque nunca fixo falta represar os ríos, ou facer encoros, a diferenza da cunca litoral.
Cre que habería que pensar en encorar ou isto é algo anacrónico?
O que hai que pensar é en optimizar e mellorar o sistema de abastecemento. Calcúlase que, como media, se produce unha perda no abastecemento por deficiencias na rede, tanto en alta como en baixa, de arredor do 40%. As redes teñen moito tempo, están obsoletas…, e as roturas nas conducións de auga son algo cotián, non en todos, pero en moitísimos concellos. Hai que empezar a modernizar as conducións. E facer un uso máis racional e máis comprometido da auga. Ata agora era como un privilexio que ano tras ano viña do ceo e a ninguén lle preocupaba.
Hai 29 concellos con problemas de subministración e estamos autorizando captacións alternativas
Que papel xoga a fraude?
É unha cuestión que existe, pero nunha porcentaxe pequeniña. Serían os enganches ilegais. E iso é competencia dos subministradores, os concellos.
E nos regadíos?
A Asociación Española de Abastecemento e Saneamento da Auga estima que os consumos non autorizados supoñen un 2%. Na nosa cunca non son representativos.
A CHMS está dando apoio onde hai problemas de abastecemento?
A responsabilidade do abastecemento é da administración local. Nós estámonos dirixindo aos concellos para facilitarlles, cando se ven apurados, unha autorización temporal o máis áxil posible para que poidan captar en máis puntos. Levámoslles recordando dende febreiro a situación que se viña sobre as nosas cabezas, que fosen previndo evitar baldeos, gastos de agua que non foran prioritarios, en xardíns, campos de xogo, elementos ornamentais… E dende xullo estámolles instando a que controlen ao 100% a auga.
Cre que pode verse afectada a actividade empresarial, como xa sucede nalgunhas zonas de Galicia, ou a do sector primario?
O funcionamento industrial non se prevé que poida verse interrompido, pero temos xa demanda, sobre todo en Ourense, de explotacións que teñen dificultades para subministrarlle auga ao gando. Xa estamos dispoñendo autorizacións temporais e dicíndolles aos concellos que, se prevén que pode haber problemas, vaian pedindo xa autorización.
Que medidas levarán a cabo para tratar de evitar que as cinzas nas zonas que arderon cheguen aos ríos e aos puntos de captación?
Puxemos en marcha unha planificación para investir o máximo que nos permita o noso presuposto, sobre todo en Valdeorras, Invernadoiro e O Courel. A partir de setembro, nas zonas por onde baixan os cauces poñeremos barreiras vexetais. Xa se fixo despois dos incendios de 2017 no Xurés e é un elemento complementario ao que entendemos que vai facer Medio Rural, que é poñer palla que amorteza esas choivas.
Á CHMS é vista como un organismo híperprotector e que ás veces pon atrancos e, ao mesmo tempo, con frecuencia sinálaselle o descoidados que ten os ríos.
Ese desleixo é froito do abandono do medio rural por parte da poboación, social e economicamente, que non existía hai 50 anos.
Tampouco había tantas dificultades para actuar sobre o territorio.
É certo que hai que pedir autorización, e iso dificulta. Isto está a punto de cambiar porque xa hai un borrador dun novo regulamento do uso do dominio público hidráulico que esperemos que se poida aprobar a máis tardar a principios de ano. O que antes esixía autorización pasará a ser unha declaración responsable. É un cambio que vai ter unha repercusión sobre o territorio. Pero se non hai xente que o queira facer... O ano pasado, a CHMS gastou en limpeza de marxes de ríos na provincia de Lugo 1.180.000 euros. Pero son tantísimos os cauces que teñen este problema que nos é imposible telos limpos todos. Na nosa cunca temos cartografiados 20.000 quilómetros lineais de río, con dúas marxes. O que non pode a CHMS é dedicarse a limpar todos os ríos, porque hai que sumar Ourense, o sur de Pontevedra e a parte do Bierzo. Estamos gastando uns 4,3 millóns de euros ao ano.
Calquera cidadán pode bañarse en calquera parte do río en Lugo, tamén na zona que usa o Club Fluvial
Non corremos o risco de, nuns anos, vernos en situacións comprometidas cos ríos como nos vemos xa cos lumes nos montes?
As previsións do cambio climático son máis temperatura, menos precipitación e concentración en fenómenos extremos. E iso vai ter un impacto moi grande no noso territorio, de aí o labor de concienciación da importancia que ten o coidado dos elementos naturais.
O que non hai, de momento, é previsión de cambios na presidencia da Hidrográfica? É algo do que se vén falando recorrentemente.
Iso nunca se sabe. Este é un posto de libre designación, de ida e volta, pero de momento estamos traballando con total normalidade.
Nos últimos anos tivo moitas veces os focos enriba polo seu papel como número dous do PSdeG. Bota de menos a vida orgánica?
Non, non, vívese máis tranquilo así, aínda que teña preocupación polo discorrer, polo presente e polo futuro, non cabe dúbida de que se vive máis tranquilo. Bastante movido é xa o mundo das augas como para botar de menos outros. Estou en segunda liña, de observador, botando unha man no que se poida en plan construtivo.
Quen non deixou de todo a primeira liña foi o seu exxefe, Gonzalo Caballero. Cre que volverá dar a batalla no partido?
Pois non teño nin idea porque non manteño o contacto con el. Son un home de partido. Hai unha nova dirección e para min é a que marca o camiño e a que merece o respecto e o traballo en positivo, porque vénse enriba un reto moi importante, as eleccións municipais, e hai que estar concentrados en facelo o mellor posible.
As cousas no partido non se están poñendo fáciles para afrontar ese reto. Como ve as siglas?
Pois facéndolle fronte aos retos, son moitísimos e é unha tarefa nada fácil. Pandemia, volcán, guerra, inflación, enerxía…
Inxustamente ou non, a situación pasaralle factura ao PSOE?
Especulacións non quero facer. Imos pouco a pouco. O escenario é tremendamente complexo e temos todos que remar na mesma dirección.
A estrutura de baño que prevé o Concello cumpre todas as condicións de seguridade
Chove pouco e vai calor e en Lugo non nos podemos bañar en condicións no río.
Calquera cidadán pode beber ou bañarse no río, son actividades que non están prohibidas. Se me fala do proxecto do Concello para acondicionar unha zona de baño, a Xunta cos seus informes parece que está por entorpecer e evitar que se poida instalar. Teño que dicir que para a CHMS o proxecto cumpre todos os requisitos dentro do noso ámbito competencial, que é localización, planos, subxección de estruturas, o tema dos caudais, como se comportan as estruturas respecto aos caudais, os calados... Agora estamos á espera de que o Concello presente informes que dalgunha maneira rebatan o de medio ambiente e demostren que a incidencia ao río é mínima, porque algunha sempre hai. Nesas estamos.
A Xunta fai consideracións e pon en dúbida a seguridade desa estrutura en caso de aumentos ou descensos do caudal importantes. A autorización da CHMS tivo en conta eses aspectos?
Iso son opinións da Xunta, pero nós consideramos que cumpría, e cumpre, todos os requisitos en todos eses aspectos de seguridade das estruturas, os caudais e os calados.
Di que calquera pode bañarse en calquera lugar do río. Tamén no treito que usan os socios do Fluvial, cuxo acceso está pechado?
Tamén. O río non é privado. Aí hai un tema que nos parece ‘sangrante’, que é que teñen pechado o paso de servidume. Miraremos de abrilo, aínda que sexa subsidiariamente, pero temos que esperar a que se resolva o contencioso-administrativo que puxo o club e que ten paralizada a extinción da concesión. Se perde ten que levantar a piscina infantil que está no río, porque é unha anomalía, non ten autorización para ela, e abrir o paso de servidume. De momento, a xustiza vénnos dando a razón e ten que devolver ao estado orixinal o aparcadoiro que fixo na zona de piragüismo e pagar unha multa de 50.000 euros.
E calquera cidadán podería usar a zona de servidume que o club ten pechada?
Pode usarse como zona de paso, non de estancia.
Como é posible que centos de persoas se poidan bañar nesa zona do río, e haxa estruturas nel, e uns metros máis arriba ou máis abaixo sexa tan difícil obter os permisos ambientais? Está o río morto xa nesa zona?
Pois habería que preguntarllo a medio ambiente da Xunta, por que nun sitio si e noutro non.
Cre que é compatible o uso lúdico do río coa protección ambiental? Nun contexto de crise climática e de crise económica, que cre que debe pesar máis?
Eu creo que é compatible. É posible actuar no río con respecto ambiental, evidentemente, con actuacións que non sexan agresivas para o medio natural.