Citas coa primavera

Medran os días e falta fai para dar abarcado o programa de espectáculos naturais que ofrece a estación na provincia de Lugo. Son efímeros, así que hai que andar lixeiros.
419567569_754745863432922_8487978191212905168_n
photo_camera Narcisos entre a neve no entorno de Piornedo. PIORNEDO ANDA

A natureza explosiona na primavera e ofrece espectáculos irrepetibles. Son tan singulares como efímeros, así que non hai tempo que perder. A prioridade é botarse a andar para aproveitar ao máximo as instantáneas que fauna, flora e espazos naturais ofrecen neste tempo. Os astros alíanse co espectador e cada día proporcionan uns minutos máis de luz e de contemplación.

Quen non oíu falar das cerdeiras do Jerte, dos campos de tulipáns de Holanda ou das aves de Doñana? Pois sen saír dos marcos de Lugo hai hábitats naturais tan singulares coma eses, que non teñen nada que envexar e que resultan máis accesibles e asequibles.

Se algo hai chamativo na primavera son as flores. En Lugo hainas moi singulares, como as 25 especies de orquídeas que medran no Courel e que xa comezan a florear. Nos Ancares tamén hai algunhas, pero o que deslumbra estes días son os narcisos, que desafían o frío e agroman entre a neve para dar cor ás campas. 

Pero se hai unha extensión floral por excelencia do ecosistema lucense é a do nabo. Non hai plantación de xirasois nin tulipáns que lle faga sombra aos nabais da Terra Chá. Onde antes houbo nabizas e grelos, hoxe hai floriñas amarelas, moitas hectáreas delas e, a diferenza dos campos de Holanda, ninguén ten perda de que o visitante pasee entre elas para facer a foto de rigor.

A fauna é un capítulo á parte. Os humidais reviven tras as enchentas invernais. As lagoas de Cospeito e Caque reciben as aves que marcharon no outono para escapar do frío e as Insuas do Miño volven estar accesibles, tanto para os animais como para os humanos que queiran observalos.

No capítulo da auga hai que ter presentes as seimeiras, que amosan a súa mellor cara e presumen da forza acumulada no inverno.

E no das aves non hai que esquecer as cegoñas, que xa parecen autóctonas porque pasan cada vez máis tempo en Lugo. Marchan a finais de agosto e algunhas xa empezan a regresar en outubro. Agora teñen os niños cheos de poliños que estiran o pescozo coa curiosidade propia da infancia.

Os Ancares ▶ O paxaro carpinteiro máis grande da Península xa canta entre os narcisos

417696319_751862120387963_2901518952134038847_n
Narcisos nos Ancares. PIORNEDO ANDA

Na montaña oriental de Lugo aniña o peto negro, o paxaro carpinteiro máis grande da Península Ibérica. Está en tempada de cortexo, marcando territorio, polo que é fácil escoitar a súa chamada, un relincho sostido, e o tamborileo nas árbores propio dos carpinteiros. Pode escoitarse mentres se pasea polos campos de narcisos, flor que nos Ancares chaman papoula. Tamén se deixan ver a aguia real, o rebeco, o corzo, a marta e, con sorte, pódese atopar o rastro dalgún oso. As femias andan coas crías nacidas en xaneiro, polo que non é doado velas.

Terra Chá ▶ Os campos de nabos son tan dignos de ver coma os de tulipáns

nabos web
Plantación de nabos. C.ARIAS

Se hai unha flor autóctona de Lugo é a do nabo. Onde no inverno houbo nabizas e grelos, hoxe hai extensións de flores amarelas que ben poderían ser obxecto de visita coma os campos de tulipáns en Holanda ou os de xirasois en Castela. As plantacións de nabos relocen ata cando chove e poden contemplarse en lugares de gran tradición greleira, como Santaballa ou Abadín.

O Courel ▶ 25 especies de orquídeas en flor

G
Unha orquidea do Courel.

En abril comezan a florear as orquídeas do Courel. A serra atesoura 25 especies de 13 xéneros diferentes. No mes de maio estarán no seu máximo esplendor. A Asociación Galega de Custodia do Territorio habilitou cinco microrreservas para protexer estas plantas, que contribúen á existencia de bolboretas diversas, algunhas en perigo de extinción.

Belesar ▶ As cerdeiras preludian a primavera

G
Cerdeira en Belesar.

As ribeiras de Belesar, entre Chantada e O Saviñao, son estes días parada obrigada para recrear a vista. As cerdeiras tinguen de branco a paisaxe e ofrecen o seu espectáculo, moi efímero porque só durará uns días e este ano vén adiantado. Pasear entre as árbores é unha experiencia recomendable, pero tamén velas en conxunto. Unha boa opción é desde San Pedro de Líncora.

Lagoas de Cospeito e Caque ▶ Os humidais reciben novos inquilinos

DCIM\104GOPRO
Lagoa de Cospeito.

O complexo húmido formado pola lagoa de Cospeito e a de Caque, en Castro de Rei, é un espazo perfecto para a observación de aves. Nesta época, chegan especies novas que marcharon no inverno a terras máis cálidas e poden verse outras de paso, que van de África cara a Europa. Agora mesmo, nos humidais da Terra Chá poden observarse como novidade, o zarapito trinador, a cerceta carretona e algunhas rapaces como o milano negro, a aguia calzada ou o falcón pequeno, entre outros.

A Fonsagrada ▶ Seimeiras en ebulición

Generated by  IJG JPEG Library
Generated by  IJG JPEG Library
Seimeira de Vilagocende.

As seimeiras de Vilagocende e Queixoiro son dignas de ver na primavera. Aínda que en meses pasados puideron levar máis auga, é na primavera cando se pode desfrutar do seu espectáculo completo, cun caudal considerable e nun entorno que comeza a despertar tras a invernía. Son espazos de doado acceso e que quedarán gravados na retina e no oído.

Canóns do Sil ▶ Viaxe en catamarán con prismáticos para cazar aves

sil
Mirador sobre o río Sil en Sober.

As viaxes en catamarán polos canóns do río Sil son sempre atractivas, pero na primavera é aconsellable levar uns prismáticos e alternar a contemplación da tradicional ribeira, sempre espectacular, coa observación do ceo. Nesta época as alturas están moi concorridas. As aves rapaces exhiben o seu maxestuoso voo e a súa precisión na caza.

Da Chaira á Ulloa ▶ As cegoñas teñen descendencia

Generated by  IJG JPEG Library
Cegoñas á procura de miñocas.

As cegoñas están en plena época de cría e nos niños asoman pequenas cabeciñas de poliños curiosos. Os proxenitores procuran miñocas nas terras aradas para alimentalos. É bo momento para dar unha volta pola Terra Chá, onde está a colonia máis numerosa destas aves, pero tamén as hai na comarca de Sarria, Lugo, Monforte e A Ulloa. A súa presenza, antes limitada ao estío, é xa case continua. Marchan en agosto e as menos frioleiras xa volven en outubro. A maioría xa non voa ata África, senón que agarda no sur de España a chegada do bo tempo para regresar.

Insuas do Miño ▶ A baixada das enchentes abre camiños singulares

Generated by  IJG JPEG Library
Un pescador no Miño.

As Insuas do Miño están asolagadas no inverno e estas enchentes son precisamente as que marcan a singularidade da súa flora e da súa fauna. Na primavera, o nivel da auga baixa e abre a porta a rutas fáciles de percorrer, que animan a camiñar por un conxunto de prados visualmente espectaculares. A ribeira do Miño recupera a actividade tras o asolagamento invernal e a fauna vaise facendo co espazo. É doado observar londras, merlos rieiros ou martiños peixeiros, entre outras especies interesantes.

A Mariña ▶ As aves de paso paran na costa lucense

G
Ave en Ribadeo.

A costa de Lugo merece unha visita antes do verán. Así o pensan tamén as aves que regresan de terras cálidas e van camiño do norte de Europa. Na súa travesía é común velas na ría de Ribadeo ou nos areais de Foz, onde recuperan folgos para continuar a viaxe. Na ría de Ribadeo hai varios observatorios para facilitar a observación e a toma de imaxes.

Comentarios