Unha cita na casa de Uxío Novoneyra

Un dos cuartos da casa de Novoneyra en Parada do Courel. AEP

O Festival dos Eidos comeza o mércores a súa cuarta edición no Courel; nunha proposta que suma a aldea de Paderne como escenario e que recibirá decenas de artistas

O Festival dos Eidos chega á súa cuarta edición, neste final de agosto de 2018, cunha nova programación de marcado perfil internacional e multidisciplinar, sempre coroado pola mellor poesía e música nas súas diferentes manifestacións.

Este ano o esforzo organizativo elevará a programación a cinco días de duración. Desde o mércores ao 26, e descentralizará a mesma até catro lugares diferentes, engadindo a fermosa aldea de Paderne ao circuíto do festival, xunto aos tradicionais lugares de Seoane, Moreda e Parada. Neste último, localízase a fundación Uxío Novoneyra, espazo central.

As poetas serán Olga Novo, a arxentina Tálata Rodríguez, Teresa Moure, Olalla Cociña, Xiana Arias, Celia Parra, Nieves Neira, o italiano Marco Paone, e os irlandeses Paul Casey, Ciaran MacArtain, Michael O Callaghan, Sue Cosgrave, Katy DArcy, Rosy OReagan e Julie Goo .

Na música estará a electrónica de raíz de Baiuca, Pelomono –o proxecto spin off de Guadalupe Plata–, as Atrás Tigre, Marco Foxo, Sumrrá e Anier, acompañados por DJ como Tristón e Sergio Canay para pechar as veladas de cada noite da programación.

No teatro estarán os portugueses Teatro da Madeira e o teatro de obxectos de Fantoches Baj e, na danza, a referencia mundial Hisako Horikawa. Tamén haberá un programa de audiovisuais que farán dialogar o documentario e a poesía con Vértice de Versos, Versogramas e unha selección de videopoemas seleccionados polos irlandeses do festival Winter Warmer de Cork.

Sucederanse as xa tradicionais visitas guiadas a casa museo e de avistamento de paxaros. Integraranse novas propostas como unha visita descubrimento ao souto da Rubial, conxunto arbóreo protexido, sobre os usos tradicionais das plantas autóctonas. A visita á Ferrería histórica celebrará o Ano Europeo do Patrimonio Cultural.

Tamén haberá tempo para os profesionais ligados ao feito literario e cultural, como a do investigador Jorge Linheira, que presentará o seu novo estudo sobre políticas culturais, ou a do profesor de Princeton Germán Labrador, sobre contracultura.

O programa completarase coa homenaxe a Carlos Oroza nos seus espazos, con degustacións da gastrocultura do mar e a montaña e moitas sorpresas máis.

O Festival dos Eidos forma parte da rede europea LitFest.eu, que aglutina festivais literarios en zonas isoladas.