A CHMS comeza os traballos para limpar o río Mao

Investirá 55.000 euros na retirada de árbores e vexetación da contorna do caudal ao seu paso polo concello de Bóveda
O río Mao, ao seu paso por Bóveda. EP
photo_camera O río Mao, ao seu paso por Bóveda. EP

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) anunciou un investimento de 55.000 euros para limpar de árbores e vexetación a contorna do río Mao ao seu paso por Bóveda. Os traballos prolongaranse ata os comezos do vindeiro mes.

O obxectivo desta intervención é evitar que se produzan colapsos nas infraestruturas de paso e inundacións nas fincas próximas. Nunha inspección previa, a CHMS detectou tamén a presenza de moitas árbores que ameazaban con caer á auga, unha situación que provocaba dificultades para que discorrese correctamente.

A zona de actuación atópase dentro do espazo protexido LIC Río Cabe. A CHMS precisou que conta coa pertinente autorización da Consellería de Medio Rural para executar os arranxos, incluídos nos encargos á empresa Tragsa para conservar e restaurar os ríos da demarcación Miño-Sil.

Os traballos no río Mao son realizados por un equipo de catro operarios especializados e un capataz. A CHMS detallou que as actuacións consisten no acondicionamento e limpeza do leito en dominio público e zona de servidume, incluíndo a poda de ramas baixas e a tala, troceado, amontoamento e retirada das árbores secas.

Quiroga explicou que esta situación xera importantes problemas á capacidade dos ríos de desaugarse e mingua a calidade das súas augas

Os restos vexetais son retirados da zona e transportados ao xestor autorizado. No caso dos amieiros aplícanse as medidas ou recomendacións profilácticas para evitar a propagación do patóxeno Phytophtora Alni.

"As actuacións de conservación, restauración e rehabilitación do dominio público hidráulico son sempre necesarias e imprescindibles para o bo estado dos nosos ríos", subliñou o presidente da CHMS, José Antonio Quiroga, quen engadiu que en anos de choiva abundante "esta necesidade faise máis patente, porque o intenso caudal dificulta a filtración de máis auga e provoca inundacións, debilitación do terreo e arrastres de maleza".

Quiroga explicou que esta situación xera importantes problemas á capacidade dos ríos de desaugarse e mingua a calidade das súas augas.

Comentarios