Miércoles. 21.11.2018 |
El tiempo
Miércoles. 21.11.2018
El tiempo

Cervantes dá a volta ao mundo

A camiseta de Cervantes en Islandia.EP
A camiseta de Cervantes en Islandia.EP

A Asociación de Veciños de Balgos puxo en marcha en redes sociais unha iniciativa para dar a coñecer o concello. O reto é sinxelo: posar coa súa camiseta en cada recuncho do mundo

Cervantes está dando a volta ao mundo. Os seus atractivos e a súa riqueza, cunha paisaxe única en pleno corazón dos Ancares, estanse coñecendo en cada recuncho do planeta. O nome do municipio sona xa nos lugares máis insospeitados e esta exitosa tarefa de promoción débese a unha iniciativa posta en marcha nas redes sociais desde San Felipe de Valgos pola Asociación de Veciños de Balgos. A idea é sinxela: que a xente leve o seu sentimento polo municipio alá a onde vaia e inmortalice o momento posando cunha camiseta da entidade.

"A única finalidade deste reto é intentar levar o máis lonxe posible o nome do noso concello", explica Manuel Trabado, membro da entidade cervantega que naceu hai pouco máis dun ano. Nos seus comezos, os veciños deseñaron unhas orixinais camisetas para poder financiarse. Na parte dianteira levan plasmado un tetrasquel -símbolo celta que é o logo da entidade- e por detrás lucen o seu lema: "Cervantes, quedarás prendado".

Estes deseños, dos que xa se venderon máis de 400 unidades, son os protagonistas desta campaña de promoción. Os veciños crearon no seu Facebook un álbum de fotografías baixo o nome de "Cervantes polo mundo" para que amigos, coñecidos e toda a xente que o desexe suba as súas imaxes desde o punto do mundo onde se atopen coa camiseta posta. "Algúns son fillos de xente de aquí, outros son coñecidos nosos e tamén hai persoas que non teñen ningún tipo de vinculación co concello", explica Trabado.

O éxito da campaña foi tal que hoxe en día as camisetas cervantegas xa percorreron boa parte de Europa. O sentimento polas terras dos Ancares xa chegou a Milán, a Holanda, aos Cárpatos polacos, a Islandia e ao mesmo Parlamento Europeo, pois desde Bruxelas exhibiu a camiseta o eurodiputado lucense José Blanco.

"Quedamos asombrados de toda a xente que nos mandou imaxes", remarcan desde a asociación e sinalan que o fundamental é que se recoñeza o punto xeográfico no que se fan as fotografias.

Orgullo. O amor e orgullo da veciñanza de Balgos pola súa terra é tal que eles mesmos locen as camisetas por toda a comunidade cando participan en competicións deportivas ou fan excursións. Actualmente xa teñen catro deseños e animan a quen o desexe a lucilas e a compartir o momento no seu Facebook (AA VV San Felipe de Balgos). Así, a fermosura de Cervantes seguirá deixando prendada a xente de norte a sur do planeta.

Cervantes dá a volta ao mundo
Comentarios