Sardiñadas nos centros de maiores da Deputación para celebran o San Xoán

Usuarios do centro de maiores de Ribadeo festexando o San Xoán. DEPUTACIÓN
photo_camera Usuarios do centro de maiores de Ribadeo festexando o San Xoán. DEPUTACIÓN

Os centros de atención a maiores da Deputación de Lugo celebran o Día de San Xoán con sardiñadas, churrascadas e actividades propias desta festividade. Os usuarios e usuarias das residencias de Ribadeo, Trabada, A Fonsagrada e Pol pasarán este día xuntos dunha maneira diferente e divertida.

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, responsable da área de Benestar que xestiona os centros, explica que “estas actividades fan que os nosos maiores pasen unha xornada diferente, de alegría. Desfrutan moito das actividades, o que mellora a súa calidade de vida e benestar". Así mesmo, Rivera subliña a disposición do cadro de persoal dos catro centros por involucrarse nestas actividades e converter un día normal nun día especial. "Nestes momentos é incluso máis importante promover accións, logo do período de confinamento que vimos de pasar", subliña.

As direccións dos centros planificaron comidas e merendas a base de churrasco, sardiñas e filloas. Incluso esta noite realizarán pequenas fogueiras de maneira simbólica para realizar o ritual de boa sorte das herbas de San Xoán. Ao longo da semana pasada aproveitaron os seus paseos para ir recollendo flores e participaron en obradoiros e actividades para coñecer os ritos e refráns vencellados con esta festividade.

Comentarios