Catro novas pemes recibirán axudas de Galicia Emprende para implantarse na provincia

Trátase de dous talleres en Lugo e Friol e de dúas clínicas de odontoloxía, tamén na capital en O Saviñao

As axudas do plan Galicia Emprende, promovido pola Xunta, permitirán a implantación de catro novas empresas na provincia: dous talleres mecánicos en Lugo e Friol e dúas clínicas de odontoloxía, unha tamén na capital e a outra no Saviñao. A cantidade total achegada por este programa para estes catro proxectos é de 253.000 euros.

Segundo informou o delegado territorial do Goberno galego, José Manuel Balseiro, con esta orde de axudas convocada pola Consellería de Economía e xestionada polo Igape búscase "fomentar a implantación" de pemes, "que son determinantes no tecido produtivo e para a creación de emprego". 

Ademais desta convocatoria, estanse tramitando as solicitudes da segunda orde de axudas publicada o pasado mes de xuño, e á que se presentaron unha decena de emprendedores en Lugo.

Os interesados nestas liñas poden presentar un custo subvencionable igual ou superior a 25.000 euros e non superior a 500.000, para gastos ou investimentos que deben estar localizados no centro de traballo da empresa en Galicia.

O programa permitiu a creación de 11 pemes en 2017
Balseiro explicou que en 2017 este programa a creación de 11 pemes en Lugo, que sumaron achegas por importe de 570.000 euros e alcanzaron "un investimento apoiado global de 1,6 millóns de euros".

En concreto, botaron a andar cinco empresas en Lugo, tres en Chantada e unha en Monforte de Lemos, Castro de Rei e Vilalba respectivamente.

Comentarios