Catalogada como BIC a Pena Castrela de Friol por iniciativa de Patrimonio dos Ancares

O afloramento granítico situado no monte do Pedrido contén manifestacións de arte rupestre e forma parte da memoria oral do concello

Pena Castrela. PATRIMONIO DOS ANCARES
photo_camera Pena Castrela. PATRIMONIO DOS ANCARES

O Servizo do Patrimonio Cultural en Lugo vén de comunicar que a Pena Castrela foi incluída no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia —petición que partiu do colectivo Patrimonio dos Ancares— como Ben de Interese Cultural (BIC).

Segundo o artigo 93 da Lei do Patrimonio Cultural de Galicia do ano 2016, a pena pasa a ter esa consideración e a máxima protección legal por conter manifestacións de arte rupestre. Situada no monte do Pedrido, entre as parroquias de Lea e Narla, é a máis emblemática e visitada do concello de Friol grazas ao labor de veciños e asociacións.

A Pena Castrela é un afloramento granítico cunha altura máxima de doce metros cun pé no que se abre un espacioso acubillo que pode dar cabida a varias persoas. Hai máis de trinta anos, os investigadores Juan Núñez Jato e Laura Rodríguez Varela xa documentaran algúns dos petróglifos e a sona que a pena tiña en Friol, pero aínda así non fora catalogada ata agora, logro polo que Patrimonio dos Ancares amosa a súa satisfacción.

A Pena Castrela debe a súa fama á lenda dunha moura que ía coa súa filla polo monte do Pedrido. A filla levaba unha ola de mazar o leite, e a nai, ao tempo que fiaba, transportaba unha enorme pedra sobre a cabeza. Cando chegaroná pena, a moura esvarou e a pedra que levaba matou á filla e rompeu a ola. Chea de rabia, colleu unha gran pedra e lanzouna contra a Pena Castrela ao tempo que exclamaba: "Pena Castrela,/ rompíchesme a ola/ matáchesme a nena/ heiche fender dende o rabo á orella". A pena quedaría partida, e os seus longos sucos gravados dícese  son as unllas da moura arrabuñou a pedra, e as cinco pequenas coviñas as marcas dos seus dedos.

Dende Patrimonio tamén comunicaron a Patrimonio dos Ancres a catalogación dun sartego antropoide de época medieval en Gondai, preto da igrexa de San Xoán de Parada en Outeiro de Rei, que presenta a peculiaridade de estar pensado para dous corpos.

Comentarios