A Casa Museo de Manuel María celebrou o VII Concurso Escolar de Recitado

Dunia Sánchez, do Ceip Canosa-Rus de Coristanco, Paula García, do Ceip Península da Paz de Cervo; Carme Pereira, do colexio Maristas A Inmaculada de Lugo; e Lucía López, do IES Basanta Silva de Vilalba, impuxéronse en cada unha das catro categorías do certame Rosalía Sempre Viva 
Finalistas da terceira e cuarta categoría. CASA MUSEO
photo_camera Finalistas da terceira e cuarta categoría. CASA MUSEO

A Casa Museo Manuel María de Outeiro de Rei organizou a sétima edición do Concurso escolar de recitado Rosalía Sempre Viva, unha convocatoria que ten como obxectivo potenciar a expresión oral e a creatividade e que contou coa participación de estudantes dos seis aos 18 anos chegados dende distintos puntos de Galicia.

Dende a organización destacaron o "nivel altísimo" dos recitadores, que declamaron textos de Rosalía de Castro ou de Manuel María

Premiadas e mención honorífica das categorías de primaria. CASA MUSEO
Premiadas e mención honorífica das categorías de primaria. CASA MUSEO

Na primeira categoría, para escolares de primeiro a terceiro de primaria, o xurado proclamou gañadora a Dunia Sánchez Costa, do Ceip Canosa-Rus de Coristanco, polo recitado do poema Caracol de Manuel María. Paula García Vázquez, do Ceip Península da Paz de Cervo, co poema O cuco, impúxose na segunda categoría, na que participaba o alumnado de cuarto a sexto de primaria.

Finalistas de primaria. CASA MUSEO
Finalistas de primaria. CASA MUSEO

Na terceira categoría, a de Eso, a mellor recitadora foi Carme Pereira Troncoso, do colexio Maristas A Inmaculada de Lugo, co poema Tristes recordos de Rosalía de Castro, mentres que na cuarta categoría, para bacharelato e ciclos formativos) a vitoria foi para Lucía López Alvariño, do IES Santiago Basanta Silva de Vilalba, grazas ao recitado de Eu ben vin estar o moucho de Rosalía de Castro.

Carmen, Lucía e Sara, na entrega de premios. CASA MUSEO
Carmen, Lucía e Sara, na entrega de premios. CASA MUSEO

O xurado tamén lle concedeu sendas mencións de honra a dúas alumnas do CPI de Xanceda, Lara Arias Sanjurjo, co poema de Manuel María A natureza, e a Sara Martínez Quindimil, con Cando a luniña aparece.

 O alumnado finalista xa participara nunha fase previa que se celebrou nos distintos centros educativos de Lugo, Vilalba, Foz, Monterroso, Cervo, As Neves, Ponteareas, O Porriño, Vigo, Vilagarcía, Xanceda, Pontedeume, Fene, Coristanco,  Arzúa, Melide e O Barco que se sumaron a este certame aberto a estudantes de ensino non universitario.

Comentarios