O Campus Terra impulsa un proxecto de sustentabilidade en cinco concellos

Serán os de Muras, Friol, Mondoñedo, Cervantes e Sober ► A experiencia vén do Instituto Politécnico de Viana do Castelo
Presentación de Nutrir Galicia na Casa do Saber. SEBAS SENANDE
photo_camera Presentación de Nutrir Galicia na Casa do Saber. SEBAS SENANDE

O Campus Terra da USC presentou onte o proxecto Nutrir Galicia, unha iniciativa de intervención territorial a prol da sustentabilidade agroalimentaria que comezará como proxecto piloto nos concellos de Cervantes, Friol, Mondoñedo, Muras e Sober -correspondentes a cada un dos GDR da provincia-, e despois do éxito logrado do proxecto homónimo no Norte de Portugal.

Así o indicaron onte na Casa do Saber o reitor da USC, Antonio López, e Monserrat Valcárcel, vicerreitora de coordinación do campus de Lugo, na presentación da iniciativa. De forma significativa nun proxecto que pretende involucrar a todos os axentes presentes no territorio, a presentación contou coa presenza do conselleiro de Medio Rural, José González; a parlamentaria autonómica Elena Candia; os rexedores dos municipios piloto; a directora de Agader, Inés Santé; e tamén cos colegas portugueses, o vicepresidente da rexión Norte de Portugal, Belardino Pinto; o coordinador de Nutrir Portugal, Nuno Brito de Vieira; e o presidente do Insitituto Politécnico de Viana do Castelo, Carlos Rodrigues.

Nutrir partiu, de feito, deste centro de investigación portugués que se dedica á transferencia do coñecemento científico para lograr melloras no territorio, e que pedira no seu día para a súa posta en marcha o apoio do Campus Terra, por compartir materias de estudio e aplicación.

O rector manifestou a súa satisfacción por colaborar neste proxecto cos veciños portugueses

O apoio que a USC prestou nun inicio retorna a un territorio, o da provincia, que comparte co portugués os mesmos problemas e no que agora se buscan as mesmas solucións. Trátase de concellos moi castigados pola emigración pero que poden dispoñer dun valor engadido asociado aos produtos agrogandeiros e á riqueza ambiental. Neste sentido, Valcárcel apuntou que xa foron analizadas as capacidades produtivas destes municipios nos sectores da carne, o mel, a horta, a viticultura, o queixo, o ceral, a castaña ou a micoloxía. A estes específicos súmanse os transversais no eido da nutrición e a educación medioambiental.

O proxecto, como explicaron os socios presentes, busca que a academia impulse ese valor engadido de produtos, paisaxes e modos de facer que "xa son resilientes, que resistiron incluso heroicamente", según comentou Belardino Pinto. O conselleiro de Medio Rural fixo da súa presenza unha "declaración de intencións" para apoiar unha iniciativa, que se vertebrará coa colaboración dos produtores, dos GDR, de Agader, dos concellos, da Deputación e do Miteco.

O rector manifestou a súa satisfacción por colaborar neste proxecto cos veciños portugueses, "unha alianza natural, pois temos os mesmos intereses e problemas".

Comentarios