Darío Campos: "O que lle importa á xente é que resolvamos problemas, non as leas, e estámolo facendo"

O presidente da Deputación afronta o que queda de mandato, xa sen Martínez no goberno, convencido de que seguirá logrando pactos en beneficio dos lucenses

Darío Campos. J. VÁZQUEZ
photo_camera Darío Campos. J. VÁZQUEZ

O executivo provincial liderado por Darío Campos encara o final do mandato con Manuel Martínez xa fóra do goberno, tras un regreso ao grupo socialista que non serviu para curar as feridas abertas dende de que o becerrego facilitou o paso efémero pola presidencia da popular Elena Candia.

Foi un erro a decisión de reincorporar a Martínez ao goberno?
Non, nunca me arrepinto do que fago. A responsabilidade é miña porque fun quen máis apostou por darlle esa segunda oportunidade co ánimo de integrar. Pensaba que era bo para o partido e o goberno. Intenteino de veras, ás veces en contra do que pensaba algún compañeiro. É certo que na reunión que tivemos en Nadela para que regresase, el recoñeceu que non tiña gana de volver, que só o faría se era presidente de Suplusa. Aceptámolo pero, visto o visto, creo que nunca tivo a intención de integrarse. A nosa proposta era sincera, pero nese pacto díxenlle que tiña que votar co resto do grupo socialista e incumpriu.

Séntese traizoado por el?
Traizoado, non, pero si decepcionado. Foi unha aposta miña e decepcionoume como actuou.

"Martínez ten unha enfermidade crónica que se chama besteirismo e só se cura cun psicólogo ou cun psiquiatra"

Complica o final de mandato a súa saída, ao quedar o goberno con só dez de 25 deputados?
Preséntase igual, sempre estivemos en minoría e sacamos adiante as cousas con traballo e humildade. Logramos aprobar os orzamentos de 2016, 2017 e 2018, os últimos por unanimidade. Haberá que chegar a consensos con todos os grupos, agora con outro máis. A miña máxima é seguir traballando para os veciños e niso estamos, non paramos un momento pese a todo o que pasou.

Como cre que perciben os cidadáns todos os cambios que houbo en tan pouco tempo no executivo?
Á xente impórtalle moi pouco o que pasa aquí dentro e as leas da política, o que lle importa é que resolvamos os seus problemas e estámolo facendo. Pode haber cansazo dos políticos, pero desde que estamos aquí non paramos de traballar. Coas leas que houbo, todos os anos logramos unha porcentaxe moi alta de execución do presuposto. Somos a institución que máis inviste en obra pública, emprego, onde sacamos máis de mil postos de traballo e imos sacar outros 200, cultura, deporte... Que obra está facendo a Xunta ou o Goberno central en Lugo? Vese aí como discriminan a provincia.

Teme un bloqueo Martínez-PP no pleno, como na anterior etapa do becerrego como non adscrito?
Supoño que farán o mesmo xogo, e é irresponsable. Ao goberno hai que fiscalizalo, controlalo, pero deixando que traballe. Poden criticar as accións que levemos a cabo, pero non poden paralizalas. Os deputados estamos en representación de todos os lucenses, non dun mesmo ou dun partido.

Acúsano de incumprir os acordos plenarios que non apoia o PSOE.
Non se pode aprobar un presuposto, que é limitado, e despois pedir máis financiamento para outras cousas. Podemos pedir a lúa, pero non podemos conseguila, temos que estar cos pés na terra. Un non pode pretender que se saque máis diñeiro de onde non o hai.

"En setembro ou outubro haberá centros abertos e con prezos asequibles"

Retirar a Suplusa a xestión das residencias foi unha manobra política contra Martínez?
Non, todo o contrario. Cando se me advertiu de que había irregularidades e de que as residencias debería levalas a Deputación, e non Suplusa, expliqueille ese problema e ofrecinlle levalas desde vicepresidencia, e el dixo que non. Ofrecinllo tres ou catro veces.

Por que se negou?
Habería que preguntarllo a el. Algo escuro, algo raro ten que haber porque non ten sentido. Foi unha resposta infantil a unha proposta que era sincera.

El ve unha man detrás, sinalando veladamente ao expresidente Gómez Besteiro, e fala de intereses para beneficiar a empresas...
Martínez ten unha enfermidade crónica que se chama besteirismo e só se cura cun psicólogo ou cun psiquiatra. A lei de Montoro di claramente que non se pode contratar persoal. Esta é unha actividade que vai ser fixa e non podemos contratar persoal fixo, só podería ser temporal. Explicóuselle e os informes así o indican. Faremos xestión directa, contratos de servizos pero con control da Deputación. Se levase os centros Suplusa non controlariamos nada, ese si sería un modelo privatizador.

Con Martínez enrocado na presidencia de Suplusa, teme a xudicialización dese proxecto?
Non me preocupa. Imos seguir coa nosa folla de ruta, os informes técnicos da Deputación así nolo aconsellan e tamén os secretarios dos concellos que asinaron convenios. El e o PP teñen que ser responsables e non paralizar algo tan importante para a provincia; xa que a Xunta non saca prazas en residencias, que non poña atrancos. Tampouco pode dar leccións: as súas residencias en Baleira, Cervo e Foz levan tres anos listas e seguen pechadas.

Que lles diría aos veciños dos concellos onde constrúen os centros?
Que teñan paciencia. Garanto que este ano, en setembro ou outubro, vai haber residencias abertas e con prezos asequibles.

Outros temas pendentes son a RPT e o próximo orzamento.
Non se entende que PP e Martínez votasen en contra da RPT e puxesen os funcionarios nunha situación tan difícil, porque houbo por primeira vez un apoio unánime de todos os sindicatos. Haberá que volver iniciala ou deixar sen efecto o acordo plenario. E sobre o orzamento, saqueinos ano tras ano e espero facelo tamén no 2019. Serán similares e se votan non porque non, de forma ditatorial sen pensar nos veciños, terán que darlles explicacións.
 

"Penso que é difícil para unha candidatura independente sacar un deputado provincial"
Cre que vai haber unha candidatura independente provincial nas eleccións, mesmo con socialistas? Pode pasarlle factura ao PSOE e chegar á Deputación?
De momento son rumores; non se sabe quen está aí. Hai que ver en que acaba, se hai lista. Penso que é difícil para un proxecto así sacar un deputado, non digo imposible. E se se dividen as forzas, réstalle votos a todos, non só ao PSOE.

Podería condicionar o próximo goberno provincial?
Se non houbese maiorías, pero primeiro hai que ver que xente hai e onde fan listas, porque non é fácil facelas en concellos pequenos.

Aspirará a seguir de alcalde pontenovés e de presidente provincial?
Na Pontenova vou intentan seguir e acabar un proxecto turístico coas minas e a residencia. E se gobernamos a Deputación, se mo piden seguirei, pero se prefiren que non, nunca serei un problema.

Comentarios