Campás, redes sociais do século pasado

O ritmo cotián das aldeas marcábase con toques únicos que están caendo no esquecemento ante a falta de campaneiros

O campaneiro da igrexa de Laiosa, no Incio. EP
photo_camera O campaneiro da igrexa de Laiosa, no Incio. EP

AO IGUAL que hoxe se utilizan as redes sociais para estar ao día dos últimos acontecementos e de todo o que sucede ao redor, antano eran as campás as que cumprían este labor e marcaban o ritmo cotián das aldeas. Cando o seu maxestuoso son rompía o silencio da parroquia todo o mundo se poñía alerta. Que estará sucedendo? O redobrar do grandes moldes de bronce podía anunciar un feito lutuoso ou mesmo festivo e as expertas mans dos campaneiros eran as encargadas de levar o compás dos monumentais instrumentos.

Co paso do tempo este oficio foi quedando relegado ás persoas de maior idade e esta íntima forma de comunicación foi caendo no esquecemento, substituída por impersoais e xélidos sistemas electrónicos. Co obxectivo de recuperar todo este patrimonio sonoro a asociación pontevedresa Os Chichisos está levando a cabo por toda Galicia xornadas de gravación de son e demostración de toques da man dos campaneiros de cada zona. Mañá achegaranse á igrexa fonsagradina de San Martiño de Suarna e o veciño Roque Santamarina será o encargado de traer a nostalxia á súa aldea.

Rafael Quintía: "O repique non só estaba vinculado aos actos relixiosos; era unha chamada á reunión"

"Comecei a repicar sendo só un cativo. Aprendín de meu avó, que era bastante relixioso e axudaba nos labores da igrexa. Nese tempo a todos os rapaciños nos deixaban subir ao campanario tocar; de feito, organizabamos turnos para participar", sinala. O home recorda que as campás eran "o noso medio de comunicación, posto que non había outro" e o seu son tiña o poder de congregar multitudes. "Nada máis escoitar un toque todo o mundo acudía á chamada", lembra con melancolía.

Roque Santamarina: "Aprendín a tocar sendo só un neno e agora cando podo subo ao campanario para traer nostalxia á miña aldea"

Sinala que na súa aldea había infinidade de toques nos que se alternaban as dúas únicas campás da capela. "Servían para alertar dun incendio, avisar do comezo da misa, xuntar os veciños, anunciar un falecemento...". Toques que el aprendeu da man dos máis lonxevos: "Moitos lémbroos de escoitarllos tocar a campaneiros como Pedro do Ferreiro ou Atilano da Pena". O fonsagradino indica que se converteu en campaneiro afeccionado para seguir co legado de seu avó. Non obstante, lamenta que hoxe en día o oficio estea desaparecendo. "Cando teño oportunidade subo ao campanario e a xente agradécemo moito porque lle trae recordos do pasado", comenta. Pese a todo, asegura que nada volveu ser o mesmo. "Na nosa igrexa tiñamos infinidade de toques e hoxe en día xa só nos limitamos a avisar dos actos relixosos. Ademais, sempre se tocaron as dúas campás e agora só se repica a grande e sen subir ao campanario".

A campá máis antiga de Galicia, do século XIV, chámase Petra e anunciou o nacemento de Álvaro Cunqueiro en Mondoñedo

CampanaSONS PARA O FUTURO. Na xornada de San Martiño de Suarna tamén se presentará o libro A linguaxe das campás. Etnografía dos signos, do antropólogo Rafael Quintía. O experto recolle en papel e en formato dixital os sons de cada un dos sitios aos que os membros de Os Chichisos foron nos últimos anos. "Hai moitos toques que se están perdendo porque xa non se empregan ante a ausencia de xente que toque as campás diariamente", engade.

A decadencia deste oficio deixou paso a sistemas electrónicos que non captan "os pequenos matices que as mans do campaneiros si que remarcaban", di o autor, quen sinala a importancia de concienciarse do valor inmaterial que deixan as campás. "Son instrumentos cunha linguaxe de comunicación única que non só marcaban acontecementos relixiosos, senón que eran unha chamada á comunidade á que representaban. Temos que ter en conta que se trata dunha arte singular que diferenciaba a parroquias limítrofes, pois cada unha tiña os seus propios repiques que os habitantes do lugar coñecían á perfección", precisa.

Na provincia lucense, ademais de na Fonsagrada, o colectivo inmortalizou os sons da igrexa de Laiosa (O Incio) e da catedral de Mondoñedo. Neste último concello Valentín Insua leva media vida facendo "cantar" as famosas Paula, Ronda ou Prima, que xunto con outras sete campás engalanan os oídos dos mindonienses desde tempos inmemorais. "Un privilexio", como el mesmo define, que herdou de seu pai e seu tío "para que non desaparecese a tradición". Unha tradición de máis dun século de vida que precisa agora de novas xeracións para non caer no esquecemento.

Comentarios