sábado. 16.10.2021 |
El tiempo
sábado. 16.10.2021
El tiempo

Camiñar e escribir da man de Uxío Novoneyra

undefined
Laura Casielles, Arancha Nogueira, Agnes Marton, Luís López Alonso e Pilar Astray, na ruta. MIGUELANXO LAR/ N.N
Poetas de distintos países saíron do Cebreiro coa segunda edición das residencias literarias itinerantes Ámeto Mítico no Camiño de Santiago, para escribir sobre as rutas xacobeas e compartir os seus textos en centros educativos, inspirados no último libro de Novoneyra e da man da fundación que coida o seu legado 

Un caligrama abre o último libro publicado por Novoneyra, 'Arrodeos e desvíos do Camiño de Santiago e outras rotas'. O único, en toda a súa obra, que xa non tensa palabras: simplemente un trazo, un círculo sobre outro ao que chamou "o enguedello do Camiño, que vai e volve".

Este pasado xoves locía, ese enguedello, nas camisetas dos e das poetas participantes na segunda edición das residencias literarias itinerantes Ámeto Mítico, organizadas pola Fundación Novoneyra co apoio do programa O Teu Xacobeo, da Xunta de Galicia.

Agnes Marton, húngara residente en Luxemburgo; Laura Casielles, asturiana que vive en Madrid pero ten metade do corazón no Sáhara; Pilar Astray, madrileña filla de nai emigrante galega; Luís López Alonso, a quen o Camiño lle pasa pola casa en Sarria; Arancha Nogueira, ourensá que vive na Compostela onde remata e Adam Wyeth, que se sumou este sábado dende Irlanda, enguedellaron tamén destinos, historias, linguas, pasos.

E continúan, até o venres, de camiño a Santiago, para durante a fin de semana dar un recital na sede da Fundación en Parada do Courel e, a semana seguinte, compartir a súa experiencia e escrita en seis centros educativos, cinco deles da provincia.

undefined

Pódese dicir, por documentos que garda o arquivo da Fundación Novoneyra, que o poeta xa imaxinara este proxecto. Que os camiños, que se debuxan a base de transitalos, pisasen tamén na lingua, en todo o que pode acordar na lingua cando nela baten os poetas. Que as rutas xacobeas, que transportaron influencias que, como as provenzais, fixeron florecer a nosa lírica cando Santiago era a Roma da Idade Media, volvesen circular como lugares de palabra.

"Algunhos saberedes que aquil 'verdor' da poesía medieval galega, que era un dises raros verdores que por veces nos brindan as eras, os tempos, como saíndose da historia, como escapando do poder, do poder que a rixe", dicía Novoneyra no ano 1988 aos galegos emigrados a Xenebra.

Arancha Nogueira, Luis López Alonso, Pilar Astray, Laura Casielles, Agnes Marton e Adam Wyeth son os participantes 

Pois, aínda que o Camiño vaia do Cebreiro a Triacastela, e de Triacastela a Samos e Sarria, para ser palabra, ten que desviarse, ten que entrar nese labirinto.

O Cebreiro-Triacastela. O sol loce na mañá do Cebreiro. O Capeloso queda atrás despexado na banda do Bierzo. As palabras queren traducir ao inglés 'centeo', para que Agnes entenda como se trenzan alí os teitos das pallozas, esa "palloza a raxos desnevia" que Novoneyra deixaba tamén atrás no seu camiñar polas serras .

O día empeza, pois, nun dos lugares máis circulares da nosa arquitectura, tamén polo carnabudo, que colga con froitos vermellos de todas partes. Era unha árbore ben querida por Uxío, por iso a súa imaxe deu portada ao libro no que se inspiran estas residencias, e que viu a luz no ano 1999.

Moito teñen que ver os 'Arrodeos e desvíos' coa intención que trouxo a Pilar até aquí, a de achegarse á lingua da súa nai, pero non materna, a dos idiomas, aínda, por descubrir. Tamén Agnes Marton recuperou nos últimos tempos a escrita en húngaro, e dela fala, facendo xogos de semellanzas co turco.

Laura Casielles (que foi Premio Nacional de Poesía Joven en 2011) conta algo da tese que defendeu hai poucos meses e na que partiu da poesía en castelán escrita por mulleres saharauís. "Imos acabar falando en galego", di, logo de que Arancha, xenerosa, a fixese camiñar pola lingua. Ela, curiosamente, xa coñecera a Adam, nunha entrevista que lle realizara para a súa tese sobre os afectos entre a poesía galega e irlandesa.

Claro que no Camiño a palabra tamén se fai silencio, e baixo a capa impermeable do chuvasqueiro, vólvese permeable a outros sons, os dos pasos ou, como repara Laura, os das pingas de auga que caen na capucha. Vaise o sol, pero talvez só con choiva se poida entender esta terra que tamén, coma o enguedello, se borra entre néboas.

Din no mesón do Alto do Poio que estamos sete metros por riba do Cebreiro, a 1337. Xa só queda baixar, até Triacastela. Pero antes, a mesa, a comensalidade. "E Novoneyra, tiña poemas sobre a comida?", preguntan. Dicía o poeta do Courel que hoxe a xente non se atrevía con eles, que non os consideraban poesía, e lamentaba que, dende o Renacemento, se perdese ese lugar de palabra. Luís tamén o defende e o practica.

O poema está na mirada. E na mesma mesa, na escrita colectiva dun texto na que todos participan, asoma unha frase que chama a todo o que pode abrir o apetito. A televisón apagada no fondo da sala. Fotografías do Cebreiro en branco e negro. Por debaixo de cada plato, un mantel co mapa de Galicia. "Todo indica que imos comer no sitio certo", óese dicir.

Desvíos. Cada un dos poetas buscará, nestes días, a súa 'razón de trobar'. A razón que lles fai ir cara a palabra, poñerse en camiño, tal e como Novoneyra fixo no seu libro, nese recorrido de celebración por todo o amado, por todo o que próximo ou lonxano chega até nós. Cos textos que creen a partir desta experiencia, a Fundación Novoneyra editará un volume ao que se sumarán os textos da edición anterior, no 2019.

Os colexios de Pedrafita do Cebreiro e Seoane do Courel e os institutos de Becerreá, Palas de Rei, o Lucus Augusti de Lugo e o Xelmírez de Santiago acollerán as lecturas tamén no recordo de quen prefería ser chamado 'dicidor' antes incluso que 'poeta', e que recorreu todos os centros educativos de Galicia como un dos grandes divulgadores da poesía galega de todos os tempos, contemporánea sempre que se fai alento.

"Deixa o teu lugar de honor porque a rota mesma o é". Con esta cita de Rumi quixo Uxío acompañar o enguedello do Camiño, dar a benvida ao seu Ámeto Mítico que, coma calquera camiño, nunca é solo dun. "O poeta non é un só", escribía.

undefined

"Creo que nos perdimos", comenta Laura. Estamos a poucos quilómetros de Triacastela, pero tanto tempo pola estrada fai sospeitar. E non se agocha certa felicidade nesa posibilidade. "Por rodear e me deter/ de terras son pelegrín/ non por dar cabo ó camín/ e anque ir e volver/ me coste cóstamo a min", din os versos dese libro que para o poeta tamén foi como pechar un círculo, un círculo que, ben mirado, nunca se pecha, para que outros poidan prender do cabo solto, do trazo libre, e continuar.

Recursos
O libro no que se inspiran estas residencias pode atoparse na web www.ametomitico.com. A Fundación Novoneyra tamén participa no programa europeo Rurallure, de promoción das grandes rutas culturais de peregrinación europeas.
A próxima semana, a estadía dos poetas en Compostela coincidirá coa celebración do festival de poesía Alguén que Respira!, organizado por Antón Lopo.

 

Camiñar e escribir da man de Uxío Novoneyra
Comentarios