Cal é o teu sitio favorito de Lugo?

Unha ducia de ollos alleos descubren os atractivos das terras lucenses
Touriñán, Isabel Risco, Xabier Díaz, Guadi Galego, Paco Lodeiro e Esther Estévez. EP
photo_camera Touriñán, Isabel Risco, Xabier Díaz, Guadi Galego, Paco Lodeiro e Esther Estévez. EP

Mar, montaña, natureza, historia, tradición e boa xente. Son os principais atractivos que a provincia de Lugo ten para Paco Lodeiro, Xabier Díaz, Esther Estévez, Guadi Galego, Isabel Risco e Xosé Antonio Touriñán. 

Pedíuselles que escolleran un lugar da provincia de Lugo que lles gustase e todos responderon o mesmo: é difícil elixir. Pero nunha segunda peneirada conseguiron facer algunhas propostas que ben poderían valer como guía de viaxe para este verán. 

VARIEDADE. A diversidade da escolma garante o éxito, pois hai destinos para todos os gustos, desde a praia ata a montaña, coa natureza como protagonista, ou roteiros cargados de cultura, de historia e de tradición. Os convidados de hoxe non esquecen tampouco a gastronomía, que por si soa xustifica unha parada en terras lucenses. 

Mondoñedo destaca por ser a referencia tanto de Paco Lodeiro como de Xosé Antonio Touriñán. O primeiro gaba a contorna de Viloalle, á beira do Masma, e goza cos paseos polo casco vello, onde lle gusta sentarse tranquilamente a tomar un café. Touriñán valora a vertente literaria desas rúas. Recoñece nelas a inspiración de Cunqueiro e pode imaxinar os seu da cidade. A montaña tamén ten moito atractivo para o actor, que di que "todo o mundo ten unha aldea e a miña é Froxán". 

Polos cumios tamén se decanta Xabier Díaz, que nos anos 90 percorreu as terras dos Ancares, lugar por lugar, para escoitar o que as cantadoras e tocadoras de pandeira tiñan que contarlle e que cantarlle. Di que esa aventura lle "petou no peito", igual que a xenerosidade dos poboadores da montaña. 

Isabel Risco tamén cre que esa xente "ten unha forza especial" e goza compartindo espazo e tempo polas terras de Muras, de Cadoalla ou perdéndose no bosque dos Grobos, un lugar máxico onde penedos e castiñeiros se alternan para crear escenarios propios dunha novela de Tolkien. "Fálase moito das paisaxes de Escocia e témolas moi semellantes aquí ao pé". 

E da montaña ao mar vaise nun brinco. Esther Estévez e Paco Lodeiro propoñen unha visita ás praias lucenses. Din que os areais da Mariña non teñen as altas temperaturas doutros de Galicia, pero iso pode mesmo ser un atractivo en días de moita calor. 

Estévez tamén destaca o valor patrimonial de Lugo e gústalle pasear pola muralla romana. Ao pé dela está o recuncho preferido de Guadi Galego, a praza de Santa María, onde xa ten tocado. Valora o bo recibimento que sempre lle fan os lucenses e define Lugo coma unha "cidade afable".

Cunqueiro observa a catedral de Mondoñedo. J.Mª ÁLVEZ (AEP)

Paco Lodeiro: Natureza, historia e gastronomía

O presentador de A liga dos cantantes extraordinarios, da TVG, di que lle gusta erguerse ás beiras do río Masma, en Viloalle (Mondoñedo) e dirixirse cara á Rapadoira, en Foz, para camiñar ata a praia de Llas. Aproveita a visita para degustar bonito de Burela e procura rematar a tarde cun paseo polo casco vello de Mondoñedo e un café na praza do concello.

Piornedo. AEP

Xabier Díaz: Tradición e boa xente

Xabier Díaz conta que quedou impactado pola música que aprendeu das mulleres dos Ancares, cando nos 90 percorreu Galicia facendo gravacións. "Foi como descubrir outro país dentro do meu, un mundo novo e ancestral ao tempo", di. Gústalle a natureza da montaña, pero "sobre todo a humanidade da súa xente: Pasai e bebede... e logo xa falaremos". 

PEÑASCOS VOLCANICOS EN LA PLAYA DE SAN ROMAN DE O VICEDO-JM ALVEZ

Esther Estévez: Das praias á muralla romana

A presentadora do espazo #DígochoEu, da TVG, di que lle gusta pasear polo casco antigo da cidade de Lugo e pola muralla romana, pero no verán opta polas praias da Mariña, "aínda que non teñan as temperaturas doutras". Esther é de Verín e está afeita á calor, pero goza buscando un respiro de vez en cando na costa lucense, que considera "espectacular".

Bosque dos Grobos. VIAMAGICAE

Isabel Risco: Na procura da montaña máis recóndita

A actriz coñece ben a provincia e por iso lle custa escoller. Inclínase por Muras e Cadoalla. "Son sitios cunha natureza espectacular, postais. Teñen unha paz que hai que reivindicar e a xente de alí pode estar ben orgullosa". Destaca tamén o bosque dos Grobos, entre Becerreá e As Nogais, "con pedras enormes que parecen dun libro de Tolkien", e o castelo de Doiras.

Praza de Santa María de Lugo. XESÚS PONTE (AEP)

Guadi Galego: Na alma da cidade

A cantante Guadi Galego afirma que lle gusta todo Lugo, pero se ten que escoller un recuncho opta pola praza de Santa María: "Xa toquei nela e cando volvo gústame sempre pasar por alí". Valora especialmente o xeito de ser dos lucenses e a boa acollida que sempre lle dan. "Lugo é unha das cidades máis afables que coñezo de Galicia", sentenza.

Froxán. L.CARBALLO

Xosé Antonio Touriñán: De Froxán a Mondoñedo

O actor non pode elixir entre aldea e cidade. Tenlle especial cariño a Froxán, no Courel, a onde volta sempre que pode e ten participado na pisa da castaña. Pero tamén sente debilidade por Mondoñedo. "Cunqueiro é un referente literario para min e Mondoñedo lémbramo. Cando paseas por esas rúas parece que podes atopar a Merlín en calquera esquina", comenta.

Comentarios