sábado. 04.07.2020 |
El tiempo
sábado. 04.07.2020
El tiempo

O butelo gánalle o pulso ao frío

A feira tamén contou cun posto de artesanía. J. VÁZQUEZ
A feira tamén contou cun posto de artesanía. J. VÁZQUEZ

Consolidou o seu tirón na súa feira anual na Fonsagrada, que viviu un cheo. O ferreiro Oliveiro Álvarez será homenaxeado hoxe

O butelo volveu reinar onte na montaña e ganoulle con solvencia o pulso ao frío, un ano máis, ao atraer centos de visitantes á Fonsagrada na súa feira de exaltación anual, organizada polo Concello.

Este embutido foi a estrela do primeiro día dunha cita onde gastronomía e artesanía comparten protagonismo e que continuará hoxe cunha homenaxe ao ferreiro local Oliverio Álvarez, entre outros actos.

Na xornada inaugural, os 60 expositores abriron ao público de dez da mañá a oito da tarde -horario que se repetirá hoxe- nunha carpa instalada en pleno centro da localidade.

Aínda que preocupaba que o tempo condicionase as visitas, o temporal de neve dos últimos días deu unha tregua, as estradas estiveron en perfectas condicións e A Fonsagrada viviu un cheo, tanto no mercado como nos restaurantes, onde moitos fieis a esta cita cumpriron coa tradición de quedar a comer un cocido, en familia ou cun grupo de amigos, co butelo entre os ingredientes estrela do prato.

Nos postos acondicionados na carpa, este embutido foi o máis reclamado e, cumprindo coa tradición, houbo moitos fieis a este e outros podutos cárnicos que se achegaron a facer a súa compra anual na feira.

Ademais, e como proba da boa saúde da que goza este mercado, non faltaron as caras novas no recinto feiral e, á vista da impresión que lles causou, a maioría repetirán.

Á marxe dos produtos gastronómicos, tamén se puideron conseguir distintos obxectos de artesanía. Algunhas pezas mesmo se confeccionaron en directo, suscitando eses traballos grande interese entre o público congregado na carpa. Entre eles contouse, un ano máis, con representantes provinciais e comarcais de forzas políticas como o PSOE e o PP.

Coa primera xornada a punto de finalizar, o alcalde fonsagradino, o socialista Argelio Fernández Queipo, amosábase satisfeito do desenvolvemento da mesma. «Circulouse sen problemas polas estradas e a carpa encheuse», subliñou. Sinalou que, aínda que o balance de vendas se fará cando remate a feira, os produtores estaban onte contentos polas transaccións realizadas.

PROGRAMA PARA HOXE. Ademais de continuar hoxe a actividade na carpa, o ferreiro Oliverio Álvarez recibirá o Butelo de Ouro nun acto ás 13.00 horas no concello. Durante a mañá actuarán o grupo Illa Pancha e os integrantes de Antaruxas e Sorteiros.

O butelo gánalle o pulso ao frío
Comentarios