En busca do cole no que medrar

A piques de rematar o prazo de admisión en infantil e primaria, os centros rurais ansían novos alumnos que afasten posibles recortes

Un recreo no Ceip do Castro de Ouro, de Alfoz. AEP
photo_camera Un recreo no Ceip do Castro de Ouro, de Alfoz. AEP

O colexio é moito máis que o lugar no que aprender. É onde os pequenos de hoxe dan forma aos adultos de mañá, onde se medra. A piques de rematar o período de admisión de novos alumnos de infantil e primaria -o prazo pecha mañá-, os centros do rural lugués debuxan o vindeiro curso, non sen antes mostrar o mellor de si para atraer estudantes. Xornadas de portas abertas e atractivas actividades son habituais, pero tamén hai centros que escapan á norma e ás ratios, sobre os que sempre pesa a sombra do recorte.

Con esa peculiaridade están o Ceip Antía Cal, de Muras, e o Ceip de Negueira. En ambos son doce os alumnos, con catro en infantil e oito en primaria no primeiro caso, e sen infantil no segundo.

É unha matrícula moi cambiante; todos os alumnos residen en Negueira, pero ningún é natural de aquí"

Gladys Enríquez é mestra no Antía Cal xunto a Sesé Couto e, ademais, responsable do centro. Conta que durante ese período de captación non ofertan nada especial, só "ter todos os días as portas abertas para os que nos queiran coñecer". Polo momento agardan un neno novo fronte á pequena de 6º que marcha para o instituto, pero a mestra recorda que "tamén hai alumnos temporais", cuxas familias chegan a Muras por traballo. Este curso aterraron dúas nenas coas clases iniciadas. "Isto é unha casiña", di Gladys, que defende que "estes pequenos deben ter as mesmas posibilidades que calquera", por iso explotan ao máximo os seus recursos e borran fronteiras a través do seu proxecto "Muras e os mil mundos".

Isto é unha casiña e nós temos as portas abertas todos os días para que se acheguen aqueles que nos queiran coñecer"

En Negueira saben ben tamén como vai iso de aproveitar recursos propios ante as limitacións económicas e territoriais. Aida Soto e Paula Fernández son as profesoras do Ceip. A primeira, tamén responsable, explica que moitas das matrículas fanse en período extraordinario. De feito, para o curso que vén non se cubriron solicitudes. "É unha matrícula moi cambiante", xustifica, "todos viven en Negueira, pero ningún é natural de aquí; chegan doutros lugares para instalarse en Ernes, Vilar, Foxo...". A maiores, Aida enxalza a participación das familias: "É unha vantaxe, e os alumnos teñen un pensamento diverxente, todos os proxectos saen adiante, pero teñen unhas interaccións moi limitadas", por iso buscan saídas aínda que requiran un plan especial: "Teñen ata unha hora de traxecto no bus para vir ao colexio", explica, porén, non deixa de ser "gratificante".

Aida Soto, do Ceip de Negueira de Muñiz, Gladys Enríquez, do Ceip Antía Cal, de Muras, e Noelia Pillado, do Ceip de Samos.
Aida Soto, do Ceip de Negueira de Muñiz, Gladys Enríquez, do Ceip Antía Cal, de Muras, e Noelia Pillado, do Ceip de Samos.

Pola súa parte, no Ceip de Samos, con 23 alumnos, dirán adeus a catro estudantes de 6º e incorporarán polo menos un escolar máis, aínda que Noelia Pillado agarda que esta cifra medre. "Temos seis familias interesadas", di, á vez que lembra que o centro ten as portas abertas todo o ano: "Intentamos difundir todo o que podemos as nosas actividades para que a xente vexa o que facemos e o implicados que estamos coa educación dos nenos".

Intentamos difundir as nosas actividades para que se vexa o que facemos e o implicados que estamos coa educación"

Moi preto, no Ceip Ricardo Gasset, do Incio, este ano son 26 e a previsión é que a cifra se manteña. Pero non se perde a esperanza de medrar, xa que hoxe rematan as súas xornadas de apertura das instalacións: "Este curso fue un gran año, porque contamos con cinco nuevas matrículas, pero la tendencia es a la baja", di a directora, Alba Vázquez, que recoñece que aumentar dous ou tres alumnos ao ano é "todo un logro".

Cunha cifra similar están no colexio de Bretoña, onde hai 27 escolares. Este ano marcharán tres pero a previsión é aumentar. Pablo Fernández explica que "non facemos nada especial máis alá de falar coas familias da nosa área", que se estende pola metade do concello da Pastoriza, e difundir o seu plan educativo, que inclúe unha auxiliar de conversación de Estados Unidos para traballar a expresión oral en inglés, plástica e ciencias da natureza.

De volta na Montaña, Pablo Gómez, do CPI de Cervantes, con 30 nenos de infantil e primaria, numera as súas actividades: Radio Castaña, o horto e o galiñeiro, propostas achegadas ao territorio para darlle valor nun concello no que "non queda moita xente" e que, no caso do límite con Becerreá, a elección dun ou outro centro non só depende do bus e da distancia: "Xa hai unha ideoloxía que busca un trato máis persoal".

Xa en Alfoz, o Ceip do Castro de Ouro prevé manterse: son 35 "y tenemos cinco solicitudes, igual que los que se marchan de 6º", apunta Adrián Suárez, que di que antes de saber esta cifra "la firmaba porque veníamos matriculando, como mucho, a tres o cuatro niños". Ademais, fala dun "cambio en los hábitos de vida", onde moita xente volta ao rural, e sinala que "no digo que seamos mejores que los colegios grandes, pero peores tampoco".

Así mesmo, no Ceip do Vicedo, con 51 alumnos, destacan a súa "atención individualizada y familiar", destaca Magda Álvarez, que lembra o programa de Madrugadores con almorzo, a posible ampliación da ruta do bus ao límite de Viveiro ou o cambio do timbre tradicional por música para os nenos con autismo. "Estamos contentos porque desde el primer día tuvimos una matrícula superior, vemos que las pequeñas ideas pueden dar su fruto", conclúe.

Comentarios