A bioconstrución foi protagonista no Lugar de Reque

A Vicepresidencia da Deputación organizou un obradoiro sobre o tema que incluiu partes teóricas e prácticas
Efrén Castro, nunha visita ao curso de bioconstrución. EP
photo_camera Efrén Castro, nunha visita ao curso de bioconstrución. EP

O Espazo Permacultural Lugar de Reque, que a Vicepresidencia da Deputación promove en Reque, no paseo do río Rato, albergou durante as fins de semana de novembro un curso de bioconstrución, unha das actividades que se levan desenvolvendo no lugar ao longo do ano.

O curso, que destaca polo seu carácter pioneiro e que remata este domingo, foi un éxito de participación. O arquitecto Víctor González, da asociación Espiga, foi un dos mestres deste obradoiro. "Houbo moi bo ambiente, a xente ven aprender e a verdade é que se está moi a gusto. Os alumnos están moi interesados, preguntan moito, e eu creo que están contentos. Todos estamos a aprender, sexamos alumnos ou profesores, porque este mundo é enorme e moi complexo", sinala.

Víctor González explica o que é a bioconstrución. "Trátase dun tipo de construción sustentable, respectuosa coas persoas que habitan nese espazo e co medio ambiente. Tamén se busca eficiencia enerxética, que nos tempos que corren é bastante importante, sobre todo a autosuficiencia enerxética. E unha mirada á tradición construtiva, usando materiais como a madeira, o cal, a pedra ou o barro. Utilizando materiais tradicionais, pero dunha maneira contemporánea, actualizando sistemas construtivos, os materiais e engadindo outras cousas que non pertencen á tradición, como as placas solares e outro tipo de instalacións", sinala.

"O curso consistiu nunha introdución á bioconstrucción a nivel teórico, explicando en termos xerais en que consiste, materiais e sistemas. Un dos apartados da bioconstrución é a bioclimática, que é o aproveitamento da contorna, do sol, coidarse dos ventos que non interesan e todo iso. E tamén, en paralelo, fixemos unha práctica, que é o interesante deste curso, que é teórico e práctico", engade.

Na parte práctica, os alumunos fixeron un illamento interior do taller de cestaría que hai en Reque, con illamento de cortiza, agarrado con cal e o acabado final en barro. "A arxila ten unhas características higroscópicas moi interesantes, porque é un regulador da humidade, porque outro dos apartados importantísimos da bioconstrucción é o confort hidrotérmico, non só de temperatura, de estar en dentro dunhas marxes adecuadas para estar confortable no espazo interior das vivendas, pero tamén a humidade relativa, que iso en Galicia é bastante importante", indica quen foi mestre do obradoiro.

Aínda se poden facer cousas ben feitas e con respecto ao medio ambiente e á paisaxe, e témonos que apuntar a iso

No grupo de alumnos había xente interesada a nivel persoal, porque igual está a arranxar a súa casa, ou ten idea de facela máis adiante. E logo perfís máis técnicos, como arquitectos e xente que vén do mundo da construción, carpinteiros, albaneis, aparelladores, etc etc.

Estos dous grupos converxen en Elena Belgrano, alumna do obradoiro. "Está a ser moi interesante e a min interésame dobremente, porque son arquitecta e profesionalmente sérveme para achegarme á parte teórica e a coñecer a técnica. E tamén porque así podo entrar en contacto directamente cos materiais, a manipulalos e a utilizalos, neste caso sobre todo os tipos de arxila, e o cal. Unha cousa é saberse a teoría e outra é porse ao choio e ver como facer as mesturas, como reacciona o material, cales poden ser os problemas prácticos, etc etc. E eu persoalmente estou rehabilitado a miña casa e intento que sexan sostibles, respectuosas co medio ambiente e coas persoas que habitan as cousas", apunta.

Elena, italiana de nacemento e lucense de adopción, destaca o potencial que ten a bioconstrución nun lugar como Galicia. "Vivín en moitos sitios, noutros países de Europa e tamén en África. O gran recurso de Galicia, e de Lugo en particular, é o medio ambiente. Aínda se poden facer cousas ben feitas e con respecto ao medio ambiente e á paisaxe, e témonos que apuntar a iso. A nivel de cantidades non podemos competir con outros lugares, pero en calidade, si. Na construción é un pouco o mesmo. Temos moitísima dispersión, algo que favorece que haxa vivendas unifamiliares, se estas apuntan a ser autosuficientes a nivel enerxético facilitará o aforro", comenta.

Efrén Castro destaca que todos os obradoiros cubriron as prazas que se ofertaron 

Efrén Castro, deputado provincial de artesanía e deseño, valorou a evolución do proxecto Espazo Permacultural Lugar de Reque. Castro destacou que "a boa acollida e o interese polas actividades que se programaron neste primeiro ano de actividade demostran o acerto de revitalizar e dotar de novo contido este espazo natural, situado nunha contorna privilexiada. Apostamos por facelo a través dunha disciplina como a permacultura, novidosa no ámbito institucional, pero moi conectada con prácticas tradicionais na agricultura e tamén coas necesidades do presente e do futuro, que pasan porque adoptemos modelos de produción e de consumo sostibles", sinala.

Efrén Castro, no Curso de deseño en permacultura en Arqueixal. EP
Efrén Castro, no Curso de deseño en permacultura en Arqueixal. EP

O deputado destaca que "todos os obradoiros que se desenvolveron ao longo do ano, desde formacións puntuais sobre plantas medicinais ou cosmética natural ata cursos máis longos, sobre aproveitamento enerxético ou bioconstrución, completaron as prazas, e moitas persoas quedaron fóra por falta de espazo".

Lembrou que "a través desta programación formativa, foronse xenerando vínculos co Campus Terra da USC, co que colaboramos no obradoiro de agricultura rexenerativa, que se desenvolveu, en parte, na finca de práctica de San Fiz da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría,  e tamén con iniciativas privadas, como Arqueixal, onde se realizou un curso intensivo de deseño en permacultura". 

Efrén Castro adiantou que "o vindeiro ano reforzaremos o investimento neste proxecto,  afondando na formación relacionada coa agricultura rexenerativa e a bioconstrución, que xenerou moito interese en diferentes perfís profesionais, e avanzando na transformación do espazo a través do deseño de permacultura".

Actividades ao longo do ano
Esta é a relación de actividades que se desenvolveron ao longo do ano no Espazo Permacultural Lugar de Reque.
Obradoiro de cosmética natural
▶ Nesta formación, afondouse no uso dos recursos naturais para facer produtos de hixiene que coiden do entorno e da saúde. As persoas participantes puideron elaborar xabrón sólido, aceite corporal de alove vera, dentífrico sólido ou desodorante solido..
Obradoiro de consumo responsable
▶ Tratou o impacto dos hábitos de consumo no medioambiente, na saúde e no tecido social, profundizando no concepto de consumo responsable e os seus beneficios. Ademais, propuxéronse receitas con ingredientes saudables, seleccionados con criterios de consumo responsable.
Botiquín familiar natural
▶ Neste obradoiro xa realizado compartíronse nocións básicas sobre coidados caseiros con métodos naturais, aprendendo a recoñecer algunhas plantas e elaborar infusións, decocións, tinturas ou emplastos.
Curso de estufas de barro de alto rendemento
▶ As persoas participantes experimentaron como a mestura entre materiais naturais e tecnoloxía apropiada permiten crear inxenios cos que obter grandes rendementos enerxéticos sen necesidade de contaminar nen esgotar recursos.
Obradoiro sobre educación na natureza. EP
Obradoiro sobre educación na natureza. EP

Curso de agricultura rexenerativa
▶ Formación téorica e práctica en técnicas e estratexias para facer un eficiente uso do solo na produción orgánica de alimentos, ao tempo que se mellora o seu rendemento.
Obradoiro de creación de espiral de aromáticas
▶ Creación dun espazo de cultivo de plantas aromáticas e medicionais en espiral, imitando patróns naturais. Abordaáronse as bases teóricas e desenvolverase o traballo manual.
Obradoiro de cestería
▶ Afondou nas técnicas, formas e materiais máis axeitados para a construción deste habitáculos e tamén nos beneficios da biodiversidade para o equilibrio dos espazos naturais. Coincidiu cos Días Europeos da Artesanía.
Primeiro Festival Eco Familiar Lugar de Reque.
▶ O evento, celebrado o pasado 16 de xuño,.reuniu propostas musicais, escénicas e lúdicas pensadas para desenvolverse en contacto coa natureza e dirixidas a público de todas as edades. Destacou a presenza do músico, luthier, docente e ambientalista brasileiro Nanan, recoñecido pola súa participación en diversos proxectos ambientais e de difusión da permacultural, que pechou o festival cun concerto.
Curso de aprendizaxe na natureza
▶ Este curso ofreceu unha formación vivencial sobre a educación na natureza, proporcionando as bases teóricas que sustentan este modelo pedagóxico e tamén o seu desenvolvemento no día a día.  Tratarase a importancia do acompañamento respectuoso coa infancia e tamén as súas multiples linguaxes, sinalando como se dan as aprendizaxes en contacto coa propia natureza.
Curso de bioconstrución
▶ Nesta formación amósanse as bases técnicas da bioconstrución, unha técnica que conta cada vez con máis adeptos. Destaca pola seu carácter pioneiro e conta con partes teóricas e prácticas. Finaliza hoxe.

Comentarios