Begonte, Friol e Mondoñedo apostan polas actividades para dinamizar

Ofrecer un amplo e variado programa sociocultural é un obxectivo común, tanto para atraer visitantes e peregrinos como para mobilizar a veciñanza
Participantes na derradeira das mesas redondas 'De catedral a catedral', celebrada na antiga cámara agraria de Begonte e moderada por José María Álvarez Vilabrille, de El Progreso. C.P.
photo_camera Participantes na derradeira das mesas redondas 'De catedral a catedral', celebrada na antiga cámara agraria de Begonte e moderada por José María Álvarez Vilabrille, de El Progreso. C.P.

OS concellos de Begonte, de Friol e de Mondoñedo son conscientes de que a unión fai a forza. Tíñano claro, e o ciclo De catedral a catedral, apoiado por El Progreso, moderado por José María Álvarez Vilabrille e que vén de rematar en Begonte facendo unha radiografía sociocultural dos tres municipios, contribuíu a consolidar o propósito de crear sinerxias e de desenvolver proxectos conxuntos para avanzar en todos os eidos. A posta en común que supuxo este foro foi un paso máis na aposta por dinamizar os respectivos concellos, para o que todos os relatores coincidiron en que resulta clave, malia o esforzo económico que implica e que non sempre é fácil de asumir por unha administración pequena, manter unha programación estable e variada de actividades socioculturais e deportivas.

Nesa liña, o alcalde de Begonte, José Ulla, incidiu en que cada ano tratan de incrementar a oferta. "Para nós son moi importantes tanto a cultura como o deporte e durante os últimos anos incidimos en mellorar a programación cultural e deportiva en todo o ámbito territorial e no Camiño", precisou, apuntando que a "multiculturalidade" que a ruta xacobea conleva atrae unha gran "cantidade de visitantes de distintas nacionalidades, o que tamén supón un aporte cultural importante".

Mais para desenvolver unha programación regular, tamén é importante contar cun espazo adecuado, que é xusto o que están tratando acadar. "Tiñamos un hándicap importante por non ter unha instalación para facer certas programacións culturais para que poida vir xente", explicou Ulla, detallando que o recinto con máis aforo é a casa da cultura, "rehabilitada hai uns anos e que conta con escenario e patio de butacas que non chega á centena de persoas". Para paliar esta eiva e favorecer a organización de "actividades con repercusión importante", impulsan un auditorio en Baamonde, punto de paso do Camiño Norte, con capacidade "para 300 e pico persoas", que permitirá, como salientou o rexedor, que o municipio poida contar "cunha programación xa máis estable, dirixida a un amplo público e ao redor do Camiño de Santiago".

As novas infraestruturas, que inclúen tamén unha sede para a escola de música, servirán para "desenvolver as actividades da banda e todas aquelas que poidamos dentro do ámbito cultural, que poden ser compartidas cos concellos da contorna e cos que puxemos en marcha esta inciativa, Mondoñedo e Friol", indicou Ulla, que aludiu tamén a unha nova proposta que foi "un éxito" e se repetirá, o Mercado do Nadal.

Este serviu de escaparate para artesáns da zona xa que, aínda que Begonte non conta cunha gran tradición artesán, máis alá da pegada dos canteiros, si se potenciou a creatividade a través de distintos cursos, cuxos alumnos poideron agora ensinar as súas obras. E nesa nova convocatoria da cita, Ulla non descartou a presenza de creadores de Friol ou de Mondoñedo, amosando a súa disposición para "seguir colaborando en calquera proxecto que redunde en beneficio para a nosa veciñanza e para os nosos concellos".

Os rexedores avogaron por desenvolver iniciativas colaborativas que redunden en beneficio da veciñanza

Levan tempo facéndoo, por exemplo a través da escola de música mancomunada —xestionada pola asociación Músico Crisanto, representada nesta mesa por Armando Morales—, á que tamén pertence Friol, cuxo alcalde, José Ángel Santos, incidiu igualmente na importancia de ter unha oferta de actividades para veciños e visitantes. "Despois da pandemia conseguimos ter actos todas as fins de semana», lembrou, en alusión a unha proposta realizada no verán pasado que acabou por ter "unha acollida espectacular", o que fixo que dende o Concello este ano se apostase por un amplo calendario de actividades de todo tipo, que xa deu comezou coa idea de estendelo ata mediados de setembro.

Nesa liña dinamizadora tamén figuran a colaboración co CPI Doutor López Suárez, cuxo director, Felipe Barata, tamén interviu ao foro, a convocatoria de premios, coma o de investigación histórica, cultural e etnográfica, que vai xa pola cuarta edición, ou a posta en valor e a visibilización dos recursos patrimoniais do municipio —Santos aludiu a San Paio de Narla ou a vella arela de ver rehabilitada a Torre de Friol, do século XIII—, que é xusto o que se persegue co novo proxecto de cartelería a través do que se van identificar todos os elementos salientables das seis parroquias de Friol polas que pasa a ruta xacobea "para que o visitante ou o peregrino se informe e vexa o que hai".

Precisamente, a posta en valor, a conservación e a sinalización do seu "rico patrimonio" é o que levan anos a facer en Mondoñedo, tal e como lembrou o alcalde, Manuel Otero, quen recoñeceu que aínda así non chega, e hai que darlle "máis empuxe" para que turistas e peregrinos saiban que existe todo un mundo en Mondoñedo máis alá da catedral medieval, un dos epicentros da actividade cultural, pero non o único.

"Hai programacións durante todo o ano, que se reforzan no verán", indicou o rexedor, que falou de concentracións de motos e de coches, do Mercado Medieval, das San Lucas, dos actos que se fan nas parroquias ou do Merlín Fest, que todos os sábados ofrece unha actuación.

Tamén hai visitas guiadas programadas, lembrou Otero, os martes e venres ás 12.00 horas con saída dende a catedral, que percorren espacios salientables, coma o barrio dos Muíños, un antigo enclave obreiro reconvertido en poboado artesán que é un "puntal básico" e ofrece un "valor engadido", segundo puxeron de manifesto o arqueólgo Abel Vigo e o ceramista Marcelo Scapinachis. "O importante é darlle vitalidade ao concello e que calquera persoa que veña e que saía á rúa vexa que hai vida e que pode aprender moito culturalmente", concluíu o rexedor mindoniense.

Comentarios