A ave que clama polos humidais

O abetouro común foi a especie elixida este ano pola Sociedad Española de Ornitología para denunciar o deterioro dos seus hábitats ► Na provincia de Lugo hai rexistros anuais dela como invernante ou en paso migratorio, pero non nidifica, como fixo hai décadas
undefined
photo_camera Abetouro común. EP

O abetouro común foi elixido Ave do Ano pola Sociedad Española de Ornitología (SEO) nunha votación popular, con 2.237 votos, fronte aos 2.061 recibidos polo bigotudo europeo e aos 1.093 que obtivo o cullereiro común.

Cada ano, a entidade presenta tres candidaturas nunha campaña que busca chamar a atención sobre a situación alarmante dalgunhas especies de avifauna da Península e dos seus hábitats. Neste caso, o abetouro considérase en perigo crítico no Libro Vermello das Aves de España, e a súa vulnerabilidade está relacionada coa "mala gestión de los humedales en el Estado", segundo declararon dende a SEO.

Na provincia de Lugo, tal e como indica Óscar Rivas, presidente da Sociedade Galega de Ornitoloxía, cada ano hai algún rexistro da especie como invernante ou en paso migratorio, fundamentalmente nas zonas de humidal da Terra Chá. Porén, dende hai décadas non se garda constancia da existencia de parellas reprodutoras. Os rexistros, nese sentido, remóntanse á destrución dos humidais levada a cabo na ditadura.

Por outro lado, eses humidais sofren tamén a día de hoxe dunha xestión deficitaria. "En Lugo, esta especie ten na Lagoa de Cospeito o seu hábitat fundamental, e aínda que o ano pasado se ampliou a lámina de auga deste espazo, en xeral a falta de xestión deste lugar está facendo que se perda", comenta Rivas.

Porén, para comprender esta evolución da poboación da especie no Estado e tamén na provincia de Lugo cómpre trasladarse a un anuncio do ano 1967. Que relación pode haber entre o niño dunha ave e unha páxina do Boletín Oficial do Estado? O 29 de abril dese ano, o BOE publicaba a expropiación de varios montes comunais en Castro de Rei e Cospeito para a instalación de 189 colonos, como parte do proceso levado a cabo no franquismo para incrementar a produción agraria á custa do desaugamento de moitos humidais.

A lagoa de Antela, na Limia; Mar de Campos, en Palencia, ou a Janda, en Cádiz, son os que sempre se poñen de exemplo dese proceso de destrución de hábitats, pero houbo moitos outros humidais que desapareceron. Polas liñas que seguen nesa páxina do BOE vese que ese foi o destino da Lagoa de Cospeito, e tamén da lagoa da Veiga de Pumar, no mesmo concello. Naquel momento, as lagoas deron paso a espazos de intensificación agraria. A recuperación da Lagoa de Cospeito comezou a mediados dos anos 90. A de Antela, na Limia, agarda propostas que concreten o seu proxecto de recuperación, incluído no Plan Estratégico de Humedales.

Hoxe en día, a ausencia total de intervención tamén supón un problema para a súa conservación. Unha certa actividade de pastoreo e o aproveitamento que chegou a facerse das especies macrófitas contribuían a controlar a proliferación do estrato arbóreo. Esa actividade contribuía a manter grandes zonas de carriza e de plantas acuáticas, que dan acubillo ao abetouro. "Polo tanto, o declive da especie ten máis que ver co propio estado dos humidais, que precisan dunha maior xestión", conta Rivas.

Disque o nome do abetouro veulle dado polo seu canto. Esta garza, fuxidía pola súa cor parda que axiña a mimetiza con xuncos e carrizos, é, non obstante, inconfundible polo seu son, semellante a un muxido ou a un bufo. Dicíase que, cando cantaba, espertaba dalgún xeito a cidade asolagada na lagoa: Antioquía na Limia, Valverde en Corrubedo, Alcaián en Coristanco ou Beira, en Cospeito. Porén, o seu silencio alerta dun afundimento maior, do estado alarmante dos humidais nesta época de desastre ecolóxico; un silencio que non se oe, pero que fala para todos.

Outras especies: millafre real e aguia peixeira 

Durante o mes de xaneiro de 2024 a Sociedade Ornitolóxica Galega coordinou os censos das poboacións invernantes de dúas aves rapaces ameazadas, a aguia peixeira e o millafre real.

Millafre real

En base aos datos previos ao ano 2021 o millafre real aparecía en Galicia durante o inverno de xeito escaso e irregular. Nos últimos anos a especie asentou como invernante en distintas comarcas de Lugo e Ourense, seguindo a tendencia doutras comunidades cantábricas, onde foi consolidando a súa invernada dende comenzos deste século. A raíz do censo recente localizáronse en Galicia oito durmidoiros, cun censo mínimo de 458 exemplares. Cinco deses durmidoiros están en Lugo, dous no norte da Terra Chá (Bretoña e Gueimonde) e tres cara o centro sur da provincia (Sarria, Triacastela e O Incio). O resultado provincial foi dun mínimo de 293 exemplares. Estímase que en Europa hai entre 24.000 e 31.900 parellas.

Aguia peixeira

O censo que a Sociedade Galega de Ornitoloxía fixo da aguia peixeira tamén é esperanzador, xa que na provincia de Lugo se localizaron tres exemplares, na ría de Ribadeo, outro na ría de Foz, e outro en Viveiro. Trátase dunha especie invernante, coma o millafre real.

Especies ameazadas

Das 194 especies que figuran no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, só catro teñen plans de recuperación ou conservación aprobados: a píllara das dunas, a escribenta das canaveiras, o sapoconcho e o oso pardo. O resto, ningún, a pesar de estar obrigado o goberno autonómico, neste caso, a impulsalos.

Comentarios