Así non casa calquera

Unha voda nas Vegas, outra no medio dun furacán, outra por un rito ancestral. Cada un celebra o amor como lle peta e só queda dicir: Parabéns!
!cid_33E3F892-E394-4539-849E-7E8F3FCF0158
photo_camera Manuel Vázquez e Eugenia Iglesias, cos seus convidados nas Vegas.

Estase poñendo de moda facer trasnadas nos casamentos. Sempre houbo quen dera a nota para chamar a atención, pero ultimamente semella que casar con discreción está mal visto. Carretillas de arroz, paseo dos noivos en tractor, trituradora lanzando calquera cousa para emporcallar aos máis acicalados...

Ser orixinal nunha voda é cada día máis difícil, parece que xa está todo inventado, pero non. As parellas que falan a continuación non pretenderon destacar, pero conseguírono. Simplemente seguiron os seus impulsos, cumpriron os seus gustos e desfrutaron do seu día, como todos os noivos merecen.

Eugenia Iglesias e Manuel Vázquez, co Elvis que os casou nas Vegas.
Eugenia Iglesias e Manuel Vázquez, co Elvis que os casou nas Vegas.

NAS VEGAS. Manuel Vázquez e Eugenia Iglesias casaron o 22 de marzo do 2014 nas Vegas, na mesma capela que antes o fixera Angelina Jolie con Billy Bob Thornton. Iso soubérono despois, "porque estaba alí a súa foto de voda", explican, pero a parella de Ribadeo tiña decidida a ubicación desde había tempo.

Manuel e Eugenia coñecéranse en Ribadeo e levaban tres anos de noivos cando el tivo que marchar para traballar na costa oeste dos Estados Unidos. "Tiñamos falado de que nos gustaría casar nas Vegas e levar algúns amigos para festexalo. Cando eu marchei para aló vimos a oportunidade e fixémolo", explica Manuel Vázquez.

É unha cidade que lles gusta, xa a visitaron varias veces, e parecíalles divertido e orixinal selar a súa unión nese ambiente de película americana.

Eugenia e Manuel escolleron para casar a mesma capela que Angelina Jolie, nas Vegas

O noivo explica que as cousas non son tan sinxelas como parecen no cine. "Se queres que o matrimonio sexa legal tes que tramitar bastante documentación. Levounos un tempo. Despois reservamos capela, restaurante, reportaxe fotográfica...", rememora.

E chegou o gran día. Dúas parellas de amigos viaxaran aos Estados Unidos para asistir á cerimonia. Unha limusina trasladou a Manuel e a Eugenia desde o seu hotel ata a capela. El entrou cos convidados e a noiva, do brazo de Elvis Presley, que foi o encargado de oficiar a cerimonia.

O dobre do cantante atreveuse incluso a interpretar tres temas do rei do rock no transcurso do casamento, que durou uns dez minutos.

"O Elvis falaba en spanglish, aquilo non era nin español nin inglés, e cantou tres cancións. Despois fomos facer fotos polas Vegas e celebramos a voda nun restaurante nun rañaceos. Ao ano seguinte nese restaurante houbo un tiroteo, un atentado contra a xente dun concerto porque desde alí había moi boa visibilidade", narra Manuel Vázquez.

O día estivo repleto de anécdotas. Todos os recunchos das Vegas o están. Remataron a xornada con música. "Tiñamos un reservado no concerto do Dj Avicii, un rapaz que morreu uns anos despois", apunta.

Un dobre de Elvis Presley oficiou a cerimonia e cantou varios temas para os noivos

Eugenia Iglesias é farmacéutica e Manuel Vázquez rexenta a produtora audiovisual El Farero. "Polas miñas mans levan pasado as reportaxes de voda de máis de 200 parellas", comenta, polo que tiña moi claro o que quería facer na súa e como deseñar ata o último detalle.

Aínda que sempre pode haber imprevistos e por pouco quedan sen o vestido da noiva. "Entrou nos Estados Unidos polo aeroporto de Chicago e a Policía revisoulle a maleta. Preguntáronlle por que levaba un vestido de noiva e ela explicou que ía casar nas Vegas, pero ao axente non lle convencía moito a resposta e preguntáballe por que. Tivo que defenderse como puido co seu inglés básico para que a deixaran pasar e levar o vestido», explica o noivo.

Xa de volta, a documentación do matrimonio tiña que ser revalidada por un xulgado español. "A voda é legal nas Vegas, pero para que teña efecto en España hai que solicitar unha apostilla. Fómolo deixando e aínda non o fixemos", comenta Manuel Vázquez.

Non é algo que lle quite o sono á parella. Desfrutaron do casamento que querían, ao seu xeito. Festexárono como lles apeteceu, con moito humor e orixinalidade e, como a efectos legais en España seguen solteiros, deixan a porta aberta a casar de novo en Ribadeo ou en calquera outro lugar do mundo cando lles cadre.

Generated by  IJG JPEG Library
Generated by  IJG JPEG Library
Teresa Fernández e Manuel Díaz, na celebración das vodas de ouro.

NO MEDIO DUN FURACÁN. O 5 de febreiro de 1972 pasou por Galicia un furacán que deixou un morto e 20 feridos. Pero nin un vendaval de tal calibre foi quen de frear a Manuel Díaz e Teresa Fernández, que ese día casaron en Vilalba. "Era a data que tiñamos escollida e non lle demos importancia porque estabamos moi felices", lembran medio século despois.

Levaban seis anos de mozos e xa lles tardaba formalizar a súa relación, así que un pouco de frío e algo de vento de máis non ían estragar a súa celebración. Tiñan uns 150 convidados para xantar na casa de comidas A Roxa, xa desaparecida, e non os ían defraudar.

Manuel e Teresa casaron en Vilalba un día de furacán e acaban de festexar os 50 anos desa data

Conseguiron casar sen demasiado problema, pero o temporal empeorou na sobremesa. Manuel Díaz lembra que para correr o frío "tivemos que poñer unha estufa de gas debaixo da mesa e estragoulle o vestido a Teresa". Conta tamén que o vento, que rexistrou refachos de 170 quilómetros por hora, levantou tellados e desfixo o coche dun dos convidados.

Estes mozos vilalbeses (el de Sancovade e ela de Lanzós) tiñan claro que non ían permitir que nada estragase os seus plans. Marcharon de lúa de mel á Coruña, como tiñan previsto, pero só chegaron ata Baamonde. As árbores que o vento atravesou na estrada cortáronlles o camiño. "Tivemos que facer noite no bar Galicia e ata o día seguinte non demos chegado á Coruña", lembran.

Ían de lúa de mel á Coruña, pero non puideron pasar de Baamonde polas árbores caídas

 

Manuel e Teresa poden presumir de ter un amor a proba de furacáns e medio século despois veñen de celebrar as vodas de ouro. Neste caso, o tempo axudou e puideron festexar os seus 50 anos de matrimonio acompañados polo seu fillo, a súa nora e o seu neto.

Foi inevitable lembrar as peripecias do día da voda, moitas xa convertidas en anécdotas, e que lles levan dado moito que falar ao longo deste medio século xuntos.

c323a33c-18bf-4658-8d54-94d5666bb261
Jesús Ferreiro e Mary López, no do seu casamento en Sarria.

O AMOR NON TEN IDADE. Outros que están orgullosos do seu amor e decididos a celebralo son Mary López e Jesús Ferreiro, que casaron recentemente en Sarria polo rito celta. 

Ela ten 82 anos e el, 74. Coñecéronse por internet, entablaron amizade no Facebook e durante uns anos mantiveron conversas virtuais. Tras un longo tempo de intercambio de mensaxes, decidiron que era o momento de verse. Jesús, que vivía en Lugo, tomou a iniciativa e foi ata Sarria para "tomar un café" con Mary.

Foi un acerto porque se gustaron, empezaron a quedar en máis ocasións e "al cabo de unos meses nos hicimos pareja", conta a moza. Diso hai uns oito anos.

Mary e Jesús uníronse en Sarria polo rito celta aos 82 e 74 anos, respectivamente

 

Desde entón comparten vida, pero eles tiñan gana de festa e decidiron organizar un evento para celebrar a súa unión oficialmente e por todo o alto. "No es una boda de papeles. Es una boda y punto", comenta Mary.

O oficiante foi un parente da noiva, que se decantou polo rito celta para facer "un canto a la vida" en homenaxe á parella. Eles acudiron vestidos para a ocasión, cos seus padriños. Mary chegou nun coche clásico e foi recibida con música de gaita. Jesús esperaba impaciente para poder intercambiar aneis coa muller que enche o seu corazón.

Tiñan ganas de festa e organizaron unha voda para celebrar que o amor non ten idade

 

No lugar da celebración, o pazo de Treilán, en Sarria, congregáronse uns 70 convidados. "Todo fue perfecto, precioso, y la gente lo pasó muy bien", explica Mary. Ese era o seu obxectivo. "Somos gente mayor, pero con mucha ilusión de celebrar esto todos juntos".

Mary e Jesús teñen pendente agora desfrutar da lúa de mel. Teñen plans para iso, pero decidiron retrasar a viaxe un pouco. Agora están a punto de marchar para A Mariña, onde teñen unha casa, coa intención de pasar alí o verán e desfrutar dunha das súas afeccións compartidas: "Pasear junto al mar, con la tranquilidad que requiere la edad".

Comentarios