‘Antaruxas e sorteiros’ da Fonsagrada

A asociación leva décadas coidando do patrimonio musical e dancístico da zona, que a partir do mes que vén divulgará coa organización de polavilas que se celebrarán cada tres semanas
Emilia Llano, xunto a outras integrantes da asociación. ISMAEL CARCEDO
photo_camera Emilia Llano, xunto a outras integrantes da asociación. ISMAEL CARCEDO

Antaruxas e sorteiros son esas persoas que predín o que vai ocorrer. A asociación que elixiu ese nome na Fonsagrada se cadra non pensaba que o seu futuro sería tan longo cando botou a andar hai máis de 40 anos como grupo de danza e música tradicional. Daquela, era obrigado para os nenos do municipio pasar polo grupo. E ían todiños, de Manolo da Farmacia a Amparito da Carnicería, de María José de Salgueirín a Tana do Padrón, de Carlos de Catalán a Raquel de Bautista. E moitos máis, marcando os puntos da muiñeira con Totó e aprendendo da gaita de Sito Carracedo.

A iniciativa partiu dunha mestra, Berta López Tita, e callou tanto no municipio que hoxe moitos daqueles nenos e nenas son mestres e mestras de música por Galicia adiante. "Hai moita xente que vive da música que comezou na Fonsagrada", di con orgullo Lola Miño, quen estivo á fronte da xunta directiva durante anos. En parte, a boa saúde que goza A Fonsagrada no coidado do seu patrimonio —téñase coma exemplo a Foliada— débese a aquelas primeiras antaruxas, a aqueles primeiros sorteiros que si souberon ver que a tradición tiña que ter futuro.

ASOCIACIÓN. Nos anos oitenta, o grupo transformouse nunha asociación. Os que eran nenos, medraron, pero os traxes axustáronse á súa medida, con grupos de música e danza de todas as idades que levaron por toda a Península a tradición da Montaña, de danzas máis saltarinas, coma os cumes mesmos.

Logo dun ano de suspensión e axuste de actividades, marcado pola pandemia, Antaruxos e Sorteiros segue a argallar propostas.

A entidade continúa con aulas regulares de solfeo, gaita, frauta traveseira, pandeireta, pandeiro e baile tradicional

A asociación renovou a xunta directiva no pasado mes de outubro. Son oito as persoas que xestionan agora o seu funcionamento de maneira conxunta, coa presidencia de Emilia Llano, e con máis de 200 socios e socias de toda a comarca.

NOVOS PROXECTOS. Un dos novos proxectos é a organización de polavilas, encontros que se realizarán cada tres semanas. Se a entidade estaba máis afeita aos escenarios e representacións formais, con esta iniciativa quere recuperar o pracer de xuntarse para aprender puntos de baile da comarca. Para iso, convocarán a xentes da Fonsagrada, Negueira de Muñiz, e tamén da banda asturiana de Santa Eulalia ou de Grandas de Salime, primeiro no local da asociación e máis tarde nalgún lugar ao aire libre. Para estes escontros, Emilia Llano espera "poder contar cos nosos mestres gaiteiros, como son Nela de Bres, Modesto de Murias ou Maca, entre outros", aos que tanto botan de menos por mor das restricións sanitarias.

Tamén continuarán coas aulas de solfeo, gaita, frauta traveseira, pandeireta, pandeiro e baile tradicional, e teñen pensado facer algún curso de castañolas, tarrañolas ou birimbao. Pepe Vaamonde, Ismael Carcedo e Borja da Veiga son algúns dos docentes destas disciplinas. Así é doado adiviñar unha longa vida para as antaruxas, para os sorteiros.

Comentarios