A confederación Anpas Galegas presentou este sábado na Casa das Insuas de Rábade un plan educativo específico para o rural, un traballo que analiza as dificultades ás que se enfrontan os nenos e mozos en idade escolar que residen fóra das cidades, pero tamén os obxectivos que hai que perseguir para evitar a sangría poboacional que azouta, fundamentalmente, ao interior de Galicia.
Establecer unha definición de escola rural para poder desenvolver políticas axeitadas á súa realidade, facer unha escola "atractiva", con infraestruturas e dotacións "idénticas" ás dun centro urbano que ofrezan as mesmas oportunidades para un e outro alumnado, independentemente de onde naza, abrir os centros ao territorio no que se atopan e crear servizos de apoio foron algunhas das solucións que se propuxeron durante a presentación do proxecto. Nela, e ante unha trintena de persoas, o presidente de Anpas Galegas, Fernando Lacaci, e a vicepresidenta, Isabel Calvete, tamén debullaron a situación actual.
Unha enquisa realizada a 640 persoas demostrou que menos dun 30% dos rapaces ten acceso a actividades complementarias
Así, coñecéronse os datos dunha enquisa realizada a 640 persoas de 93 concellos. Estes demostran que un 57% das familias cuestionadas ten un dispositivo electrónico na casa e o 6%, ningún, ademais de que o 45% dos enquisados dispón dunha conexión deficiente. Un dato "enganoso", sinalou Lacaci, porque de incluír a aquelas persoas que directamente non contan con conexión "a porcentaxe sería moito maior".
En canto aos servizos vinculados ao sistema, dous terzos das familias consideran insuficientes os equipos de orientación que hai nos centros e só entre un 22 e un 28% dos rapaces participantes no estudo ten acceso a actividades complementarias. En canto á formación, o 97% dos enquisados ve necesario aumentar a oferta de FP e máis do 98%, un plan específico para o rural.
Uso do galego
Non menos preocupantes son as cifras sobre o uso do galego, que reflicten que apenas o 15% do alumnado fala galego sempre e unha cuarta parte non ten competencias na lingua. "É dicir, nin o falan nin o escriben", puntualizou Calvete, quen tamén sinalou que é "moi pouco o profesorado que fala na lingua habitualmente". Todas estas cifras "empeoran" no ámbito urbano, polo que desde o colectivo fixeron un chamamento a non deixar que se perda o idioma e a cultura "no reducto deles, que é o rural".
Porén, desde Anpas Galegas reclamaron políticas que solucionen a "exclusión territorial" e que "poñan a andar unha base económica que permita vivir folgadamente", para así evitar que a xente fuxa cara as cidades, baleirando as escolas rurais. Tamén lembraron que a responsabilidade de que "toda a mocidade teña idénticas oportunidades non é só dos que vivimos no rural, senón de todos".
Desde Anpas Galegas lembraron que a responsabilidade de velar porque toda a mocidade dispoña das mesmas oportunidades "é de todos"
A xornada continuou así mesmo cunha charla, a cargo de Martiño Cabana, sobre a custodia do territorio como ferramenta de xestión para as Insuas do Miño e os Pozos do Ollo, e rematou cunha actuación dos alumnos das escolas de música mancomunadas de Rábade, Friol, Outeiro de Rei e Begonte.