A androlla coróase como raíña da Montaña

Máis de 2.000 persoas achegáronse á Proba de Navia na trixésima edición da festa de exaltación deste produto, do que se serviron 200 quilos na degustación popular. Un total de 32 postos fixeron gala da mellor gastronomía naviega
Algunos de los asistentes a la fiesta. AIDA SOENGASJPG
photo_camera Algúns dos asistentes á festa. AIDA SOENGAS

A androia chegou lonxe no seu trixésimo aniversario. Creceu.Mesmo se pode dicir que rozou o ceo, coroándose como a grande raíña da Montaña. E é que foron milleiros as persoas que onte se achegaron á Proba de Navia para catar un dos seus produtos máis tradicionais.

Hai cousas que trunfan polo cambio, pero outras pola permanencia. A Festa da Androlla é das segundas. Gaitas ao longo do día, produtores co mellor de cada casa, pratos típicos para encantar o padal de veciños e visitantes e un produto que tampouco quixo cambiar de aspecto.

Costela e pel de porco, con pimentón, sal, allo e, ás veces, ourego. Non hai máis truco, salvo as mans expertas que embuten todo isto en intestino de vaca ou porco, e o clima perfecto para afumalos durante cinco días, como mínimo. Iso foi o que puideron comprobar as persoas que se achegaron á degustación das 13.00 horas, o momento máis agardado, no que se serviron un total de 200 quilos de androlla, producidos por dúas empresas locais. Neste caso, o acompañamento foi o pan e a famosa rosca de Navia, pero nos restaurantes tamén a serviron acompañada de cachelos, grelos, repolo ou berza.

Os produtores tamén ofreceron outros derivados do porco, mel, pan, rosca, pastelería e outras elaboracións tradicionais.

Sen embargo, non era só a raíña da Montaña a que penduraba dos postos. A androlla ocupou sete deles, con mil quilos postos á venda. Nos 25 restantes, os produtores tamén ofreceron outros derivados do porco, mel, pan, rosca, pastelería e outras elaboracións tradicionais.

«É unha mágoa non ter capacidade para toda a xente que se achega aquí», indicaba onte o rexedor municipal, José Fernández. A realidade superou as expectativas, con persoas de toda Galicia e Asturias ateigando a Praza da Vila ata ben entrada a tarde.

O ceo despexado e as altas temperaturas desbordaron a previsión inicial, e moitos dos visitantes aproveitaron para coñecer a contorna da vila.

Entre os milleiros de persoas que pasaron por Navia, foi notable a presenza de políticos da provincia. Os deputados de promoción económica e social, Pablo Rivera Capón; cooperación e asistencia aos concellos, Xosé María Arias, e recursos sostibles, Roberto Fernández, non quixeron perder a cita á que a Deputación achega un total de 3.000 euros para a súa organización. Nela, acompañáronse do rexedor naviego, e tamén doutros alcaldes da comarca da Montaña, que celebraron unha comida de autoridades.

O vicesecretario de Participación del PP, Jaime de Olano,estivo tamén presente, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro; os deputados autonómicos Daniel Vega e Encarna Amigo, así como representantes do PP Local e doutros concellos lindeiros.

A deputada do BNG no parlamento de Galicia, Olalla Rodil, tamén se achegou a Navia con outros representantes nacionalistas na provincia, e alí louvou o labor das mulleres rurais, principais protagonistas na elaboración destes produtos.

Pero non só foron as dos políticos as caras coñecidas. Co actor do filme "O que arde", o fonsagradino Amador Arias, máis dun quixo sacar unha fotografía.

Comentarios