Quin malvivía nunha parcela de Castroverde con outra vintena de cans ata que os axentes o sacaron do seu inferno para derivalo á Protectora luguesa, onde atopou baixo un banco o seu particular fogar durante meses. Alí, agochado, é onde encontraba a soidade que lle permitía respirar tranquilo.
Quen lle salvou a vida foi unha familia de Oleiros (A Coruña) que o integrou como un máis, o quinto compoñente do equipo que xa formaban Esther Rey, o seu marido Antonio Fernández, e os seus fillos, Alberto e Raquel. Quin chegou con medo e "indefensión aprendida, sen ningún tipo de instinto de supervivencia nin reflexos para defenderse", relata a súa dona sobre ese mesmo medo que o forzou a fuxir monte adiante despois de escoitar o estrondo duns fogos artificiais e que se recolleu, con todo detalle, no libro solidario Non deixarei de buscarte. A historia de Quin, que vén de editar Galaxia e cuxos beneficios se destinarán a refuxios e asociacións que rescatan e coidan animais porque quedan moitos, incontables, que aínda non coñecen a sorte como a coñeceu Quin, pese aos obstáculos.
O animal escapou tras oír o estrondo dos fogos artificiais e pasou 42 días só, refuxiado nunhas canteiras abandonadas
Foi en Ponteareas, na vivenda dos sogros de Esther e lonxe da súa casa, onde Quin escapou. Volver cos seus semellaba difícil. Tanto que pasou 42 días só, mentres a súa familia non perdía a esperanza de dar con el. "Moitos dicíanme que o máis probable é que non o atopásemos, pero eu tiña algo dentro que me forzaba a seguir buscando", recorda. Así que moitas chamadas e pistas erróneas despois, conseguiron velo.
Fixera dunhas vellas canteiras, con pozas nas que se acumulaba auga nas que nadar, o seu refuxio, e dunha potiña con comida que lle traía Gabino, un veciño do lugar, o seu sustento. "Aquel home contounos que todos os días escoitaba chorar un canciño, así que comezou a deixarlle a diario e durante uns 20 días, sempre entre as 21.30 e as 22.00, comida nun prado. Un día quedou a ver se o vía, pero Quin non baixou, así que Gabino non sabía que cor ou que aparencia tiña aquel can".
A obra orixinal que deu pé a este libro foi autoeditada en Círculo Rojo no ano 2019
Versión en galego
O final feliz deste border collie que xa anda polos once anos, ao que lle gusta o repouso pero estar sempre acompañado, que foxe dos conflitos e que atopou entre tanta mala sorte un raio de esperanza, pode lerse agora tamén en galego, versión da obra orixinal autoeditada en Círculo Rojo que viu a luz en 2019.
Detrás das 56 páxinas que recollen as andanzas de Quin en palabras dos pequenos Alberto e Raquel, están a propia Esther, Antonio e Alicia Tojeiro, a mestra que meteu o relato nas aulas para sensibilizar aos máis pequenos logo de coñecer a historia a través das redes sociais, as grandes aliadas da familia para dar con Quin. Os textos que ditaba en Lengua Castellana eran o parte diario da busca que colgaba Esther no seu Facebook.
As redes sociais foron as grandes aliadas da familia para poder atopar a Quin e concienciar sobre o maltrato animal
Con este libro, cuxas datas de presentación por Galicia aínda están pendentes, búscase que nenos e adultos "tomen conciencia de que un can non é un xoguete, que teñen necesidades, e que hai que poñer o foco no maltrato animal, que só se erradica a través dos valores e da educación", explica a dona do protagonista do libro mentres acariña a Quin, que dorme porque sabe que onde está, está protexido.