viernes. 19.07.2019 |
El tiempo
viernes. 19.07.2019
El tiempo

Os Ancares no cordal da transhumancia

Gandeiros nos Ancares. NIEVES NEIRA
Gandeiros nos Ancares. NIEVES NEIRA

O desprazamento estacional dos animais é, nos Ancares, tan antigo como os camiños. Hoxe mantéñeno 18 ganderías de Cervantes. Os últimos en percorrer a vintena de quilómetros na busca dos mellores prados de altura leoneses foron os de Moreira

ANTONIO GÓMEZ lembra percorrer por primeira vez con cinco anos a trintena de quilómetros que separan a súa aldea de Moreira, en Cervantes, da leonesa Campo del Agua, no Bierzo. Na serra veciña, Novoneyra escribía sobre un camiñante que atravesaba terras "tan súas que ó velas/ xa non sabe si olla ou nembra". Ese home que non sabe se olla ou lembra podería ser Toño. Sesenta anos de idas e voltas prendéronlle cada paso na memoria.

A memoria, porén, non é só súa. A transhumancia é, nos Ancares, da mesma idade dos camiños. Da mesma idade, incluso, que as palabras que dan nome ás cousas. A ladeira de A Mallada ou o lugar da Cabana dos Extremeños, á nosa volta, dan noción dunha tradición de pastores e animais de distintos lugares da Península en movemento até estes camiños de cumes.

Punta da Lanza NIEVES NEIRA

A mesma orixe da palabra transhumancia xunta "trans" -ou "máis alá"- e "humus" -ou "terra"-. As terras máis alá. Máis alá, neste caso, do cordal que debuxan o Mustallar, Penalonga, Punta de Lanza, Corno Maldito, Tres Bispos e Pena Rubia, ese "gran boi deitado" que Novoneyra vía na fisionomía dos tesos. Quixéronse semellantes o lombo e o cordal.

DÍAS LONGOS. O día da transhumancia é o que máis cedo comeza para Antonio Gómez, que nesta ocasión acompaña a outros tres veciños de Moreira: Hipólito González, Antonio del Pueblo e Juan González. Ás cinco da madrugada xa estaban xuntando ás súas vacas. Non a todas. Quedan as que están a piques de parir ou xa pariron; as que, en definitiva, son máis vulnerables para pasar o verán sen estabular nos prados de altura de Campo del Agua.

Eles son os últimos gandeiros en acometer esta viaxe no único lugar de Galicia onde aínda se mantén o desprazamento estacional dos animais. As campañas veterinarias de saneamento retrasaron a súa saída; os outros 14 gandeiros do municipio que manteñen esta tradición xa reuniron do outro lado do cordal ancarés 150 animais, que visitarán semanalmente, por quendas, até a volta. A demora ten as súas vantaxes: uces, xestas, piornos, carqueixas, e ata a máis esquiva xanzá. Todo o monte semella alfombrado para engalanar o paso das súas 43 vacas.

O día que comeza máis cedo é tamén o que máis tarde termina. "Onte deixamos as vacas ás oito da tarde aquí", comenta Hipólito en Campo Redondo, a poucos quilómetros de Piornedo, onde eles pasaron a primeira noite. Pero aínda queda unha xornada máis, a máis dura, a de entornar o Corno Maldito, a 1.800 metros. Sen embargo, o gando non agardou por eles. "As vacas aquí coñecen moito", di. Atoparémolas máis adiante, cruzada a Veiga Cimeira, entre Penalonga e Agulleiro, pasada a pena Churmela, no Meixón.

Alí, o encontro dos pastores cos animais transforma o silencio nunha sinfonía de chocas e os bastóns, ata agora fieis á terra, demostran a súa pericia no ar. Os pastores sírvense deles, da voz e do seu ir e vir entre as vacas para conducilas, para estreitar a súa presenza espallada na braña no camiño polo que comezará a subida máis dura.

A Juan fáltanlle tres. Antonio suxire dar marcha atrás para atopalas, pero el está confiado. "Estas xa viñeron máis veces, sonche expertas no camiño", indica, e o tempo dálle a razón.

Toño e Hipólito NIEVES NEIRA

Os 17 quilómetros de Piornedo a Campo del Agua multiplícanse para os pastores, nese cerciorarse de que o gando vai con eles. Aos ollos inexpertos semella imposible levar ese control, sobre todo nas zonas arbustivas. Pero saben os pastores que levan todos os animais, como sabe unha familia que leva todos os seus membros.

En Cervantes, as gandarías precisan deste desprazamento ante a falta de superficie de pastos, unha carencia que se agudizou nos anos 60 coas plantacións descontroladas de piñeiros "dos que agora ninguén quere a madeira", comenta Antonio del Pueblo. El é o máis novo de todos, e esta é a súa segunda transhumancia, en contraste con aquel neniño que aos seus cinco anos xa estaba afeito ao "camín". "Agora os nenos xa non se moven así", pensa Toño. "Agora xa só temos un neno na aldea", di Juan.

TRADICIÓN SEN FRONTEIRA. Ese cordal que é facción nos seus rostros e fronteira entre Lugo e León non quere ser un límite. Os 18 gandeiros que continúan atravesándoo pertencen á cooperativa A Carqueixa, que busca novas vías para a comercialización. O cooperativismo, neles, ten raíces fondas. Pasado o Corno Maldito, na Boca do Campo, Juan recorda unha palabra que xa ninguén atopará no diccionario, "viceira". "Os veciños traiamos aquí o gando, e faciamos quendas en función do número de animais que tiñamos. Iso é "facer viceira"", explica, como mostra dese traballo comunal.

Pero, quen seguirá facendo viceira, ou levando as vacas a Campo del Agua dende Moreira e Piornedo? Quen seguirá pronunciando o nome que aquí teñen todas as cousas para que a terra non quede durmida? Hoxe semella acordar co son das chocas. Cada rabaño ten o seu son, e os de Moreira llo deben, en parte, a Juan. Da súa adolescencia cortando leña en Navarra trouxo unhas chocas de son máis grave. "Sorprendíame ver que alí cada ovella levase unha. Pero se as ovellas cargaban con iso... non o ían facer as nosas vacas!", exclama.

O son das chocas concéntrase nas campas, e espállase xa en As Charcas. "Por aquí xa é máis difícil levar as vacas, xa queren quedar", di Antonio del Pueblo. Aínda non chegamos a Campo del Agua, pero si ao territorio que elas percorrerán, cando o calor aperte na zona máis baixa; un dos territorios máis biodiversos de Europa grazas á presión que no chan exerce a gandaría extensiva.

Os rabaños pasarán varios meses nestas 700 hectáreas leonesas que os gandeiros alugan por dez anos a unha comunidade de montes, e coas trabas dunha burocracia non afeita a cruzar fronteiras que, na cultura, non son tal.

Iso si, pola noite, as 200 vacas cervantegas repártense por rabaños. "Son coma nós, que cando iamos ás festas os dunha aldea sempre nos retirabamos xuntos", di Juan, xa na comida onde todos comparten os embutidos de cada casa, feitos polas súas mulleres, noras e irmás.

O humus que contén a orixe da palabra "transhumancia" é iso, ese pouso de pasos, camiños, merendas, nomes e chocas que laboriosamente deron forma a unha terra e tamén a un horizonte, agora na busca dunha permanencia, máis alá do cordal.

A Carqueixa ► O sabor dos Ancares
A cooperativa A Carqueixa, á que pertencen a vintena de gandeiros transhumantes dos Ancares e outros 180 que tamén practican a gandaría extensiva, habilitou hai un mes e medio a web O sabor dos Ancares para comercializar a carne do seu gando. "Dende entón recibimos 500 pedidos de toda Galicia, e tamén de Cataluña, onde os gandeiros envían partes dos seus xatos para a familia e os amigos", indica Román Rodríguez, o xerente.
A cesta da compra
A biodiversidade do territorio, a xestión forestal, a cultura agrogandeira tradicional, os camiños e os seus nomes, os prezos xustos para os gandeiros, a fixación da poboación nuns Ancares que perderon de media o 30% dos habitantes nos últimos 15 anos... A Carqueixa defende que todas estas cuestións están presentes ao facer un pedido, pensado para o consumo mensual de carne de dúas a catro persoas.
Paisaxe
Para que as persoas coñezan ese vínculo, entre a responsabilidade como consumidores e o coidado do territorio, os socios de A Carqueixa están dispostos a recibir os visitantes que desexen coñecer in situ as paisaxes dos Ancares, puídas grazas á relación entre os gandeiros e os seus animais
 

Os Ancares no cordal da transhumancia
Comentarios