A amiga cegoña quérelle ben a Lugo

As temperaturas suaves do inverno e a facilidade para atopar alimento durante todo o ano fan que esta ave de longas patas e impoñentes ás migre por menos tempo, apenas saíndo da Península, e regrese antes ao niño que deixou atrás
As cegoñas senten querencia polos postes e as altas árbores, polo que non é difícil ver os seus niños ao longo da provincia. XESÚS PONTE
photo_camera As cegoñas senten querencia polos postes e as altas árbores, polo que non é difícil ver os seus niños ao longo da provincia. XESÚS PONTE

Dúas esbeltas patas coroadas por un pomposo corpo branco ao que abrigan impoñentes ás negras, cunha pequena cabeciña e un longo pico, despuntan desde o alto dun poste, dun campanario, dun piñeiro, de calquera elevación que facilite a vista e garde do perigo. As cegoñas asoman case todo o ano e xa apenas permiten que se lles bote de menos. O motivo? As temperaturas, máis suaves no inverno, e o alimento, que atopan con facilidade durante todo o ano, ao non xear como antano e pola existencia de vertedoiros.

Ao rumor de que agora as cegoñas non marchan, o presidente da Sociedade Galega de Ornitoloxía, Óscar Rivas, confirma que algún exemplar, efectivamente, non chega a irse, pero son minoría. "As adultas comezan a marchar en agosto e moitas regresan a finais de outubro. A súa viaxe é máis curta; as reprodutoras xa non abandonan a Península, quedan en Estremadura ou Andalucía", explica o biólogo cun matiz, o dos exemplares novos, que seguen voando ao continente africano nas primeiras migracións. Á volta, as reprodutoras regresan ao mesmo niño, pero os novos deben buscar nova casa, aínda que "acostuma ser na comarca na que naceron".

Así, o crecemento continuado da poboación de cegoña na provincia ao longo das catro últimas décadas -a finais dos 80 só había unha parella na Terra Chá e no vertedoiro que había na parroquia luguesa de Teixeiro foi onde se percibiu unha das primeiras colonias- favoreceu a expansión. Duns anos para aquí, a especie pode verse máis alá: "Menos na Montaña e na Mariña, as cegoñas están por toda a provincia e xa se poden ver tamén no norte de Pontevedra e en puntos da Coruña como Teixeiro, en Curtis. Aí foi onde asentaron polos orixinarios da Chaira", relata Rivas en consonancia coa adaptabilidade que leva demostrada esta ave ante os cambios, sobre todo os agrarios.

Ver niños sobre postes ao longo de quilómetros e ducias de zancudas nos prados revelan que son auténticos bioindicadores, tal e como sinala o experto: "A cegoña é detectora de contaminantes e biocidas; no sangue dos polos chegamos a atopar pesticidas que levan anos prohibidos aquí e que se seguen empregando, por exemplo, en lugares de África". "E os datos que ofrece", engade el, "son estatisticamente moi relevantes, ao ser unha poboación sá, e moito máis reais que os que se extraen de grupos de especies ameazadas, cuxos hábitats están alterado".

Rivas incide tamén en que o número de cegoñas "tenderá ao equilibrio", se ben a expansión continúa. Estima que na provincia pode haber 800 parellas e só na Terra Chá, entre 400 e 500

Niños do Corgo

Veciños do Corgo achacaban aos niños de cegoñas repetidos cortes de luz. Naturgy, tras inspeccionar un treito de catro quilómetros entre o núcleo corgués e o polígono, detectou tres niños que interferían na rede. A solución pasou por recortar algunhas ramas e contan xa coa autorización da Consellería de Medio Ambiente para a retirada dos mesmos cando non afecten á nidificación. Ademais, instaláronse proteccións nas crucetas de 40 postes e disuasores.

Pola súa parte, as interferencias detectadas recentemente nos arredores de Lugo foron solventadas, segundo a eléctrica Begasa.

Comentarios