Por algo lle chaman o home do Entroido

Maragato en Santiago de Arriba ou felo en Maceda, Xosé Manuel Seixas sabe que se coce dentro da mascarada
Maragato, volante e oso. EP
photo_camera Maragato, volante e oso. EP

O pai de Xosé Manuel Seixas tiña un xeito de calcular o tempo do Entroido que nada tiña que ver coa Pascua. "Lúa de xaneiro, fenicida de todo/ primeiro martes, martes de Entroido". El, de neno, viviu apenas os últimos toques desta festa en Souto de Torres, en Castroverde, cos veciños de casa en casa. Pero hoxe lembra as palabras do seu pai cando fala, por exemplo, do oso de Salcedo, que disque tamén mira a lúa para saber se chegou o momento de saír da cova do inverno. Se brilla moito, fica dentro. Se non, é que xa chegou o tempo da primavera, de baixar do monte para enfeluxar a xente, que tamén é borrar o branco das caras, a mesma lúa que cadaquén leva consigo no rostro.

A Xosé Manuel Seixas chámanlle o 'Home Entroido'. Un día pódeselle ver como maragato en Santiago de Arriba, en Chantada, e outro como felo en Maceda, en Ourense. O luns, mentres contaba de onde lle veu este interese no Entroido, recollía as máscaras que levara a un instituto en Ponteareas; antonte estivo falando en Palas de Rei, e a semana que vén dará charlas en tres centros educativos de Lugo. "Eu conto o que me contaron, non concibo gardarme as cousas para min", di. E que sabe do Entroido o Home do Entroido? Sabe que é coma un funil, que á súa volta xira o teatro, a vestimenta, os rituais de paso...moitas dimensións distintas da vida social, como o entende a antropóloga Josefina Roma i Riu.

HISTORIA. Todo comezou hai 30 anos, cando se lle deu por ir a Laza, cando o señor Henrique lle deixou, a el e aos amigos -chegaron a ser 45- durmir na palleira, cando descubriu que existe algo que é o 'modo Entroido', esa orde do mundo distinta, coas súas regras, na que todo o mundo, con ou sen disfrace, participa. E un ano levou a outro, como leva Laza a Xinzo, ou o interese a formarse con Marcelino de Santiago -o 'Kukas'- ou con Manolo e Jorge Fernández, felos, pai e fillo, de Arteixo, para dar xeito ás carautas.

Ata que, un día, el mesmo caeu no caldeiro. A cousa é que, no sorteo do Entroido Ribeirao, tocoulle o cocho. E iso fixo que tivese que volver por alí, que coñecese mellor a parella que traballou arreo nos últimos tempos para que a festa non se perdese, Juan González e Marisé Rey. Pouco despois xa se viu con eles rizando os pétalos de papel para facer as flores do pucho, ese sombreiro que os volantes levan para pisar as hortas, coma se por vez primeira se pisase a terra. O ano seguinte foi meco, e todos os que logo viñeron, ata agora, maragato.

Xosé Manuel Seixas, coa carauta do maragato. MERCEDES L. RUBÍN
Xosé Manuel Seixas, coa carauta do maragato. MERCEDES L. RUBÍN

E non, non é o mesmo caer no Moredo, o campo da festa de Santiago de Arriba, coma un paracaidista, que vivir estes días dende dentro. Porque isto, o Entroido, ten un dentro. No lugar dos traxes ninguén pode entrar, como dicía aínda Marisé o outro día, tras lamentar que un fotógrafo non cumprira esa norma. Non, non hai cámara que dea pasaporte a certos lugares, non hai status que sele o paso. Diso vai o Entroido. Para pensalo, Seixas refírese a Bakthtín, o teórico ruso que fixo do Entroido unha idea fundamental da súa teoría literaria e dos discursos sociais. O Entroido subverte o dominante, e é o pobo quen impón as súas leis, con personaxes distintas que quebran o relato único do mundo. "Iso é a cultura popular, que é a cultura que se autoorganiza", comenta. Iso é o Entroido.

Por iso os poderes viron este tempo como unha ameaza. Por iso sufriu tanto da man do franquismo e da igrexa. E, aínda así, son emocionantes os relatos que narran como a xente conseguiu zafarse da autoridade. En Santiago de Arriba, por exemplo, a Garda Civil requisara o cinto dos volantes, esas 25 campaíñas que os veciños demoraban días en pedir pola redonda, e que espertan a terra ao seu paso. E que fixeron? A través dun contacto que tiñan, déronlle o 'cambiazo', por campaíñas de valor moito menor. E non houbo favores ao cura que freasen, finalmente, este tempo que hoxe segue correndo polas hortas.

Xa caído no caldeiro, xa dende dentro, un lugar levouno a outro, sempre da man da xente que os mantén vivos. "O Entroido é xenerosidade", di desas casas abertas e mesas longas, compartidas. E así Seixas mergullou tamén en Buxán, no Bolo, ou na Mezquita. Ou mesmo en La Vijanera, en Cantabria, onde estivo a comezos deste ano. Pero o certo é que, xa non a nivel da península Ibérica, senón en termos europeos, non hai lugar que teña tantos entroidos como Ourense. "Os entroidos que hai en Ourense non os hai nalgún Estado», di. "E a mascarada de Viana do Bolo é a máis importante a nivel estatal", engade.

Así e todo, o que para el é máis importante é que se vas a Laza, ou se vas a Viana, todo o mundo está nese ¡modo Entroido'. "E non hai maiores punkis ca algún dos vellos que podes atopar no bar, ao mesmo tempo moi serios, pois o Entroido é unha cousa moi seria", comenta. Enténdase por serio algo que transforma a vida, que decide se é tempo ou non de saír da cova do inverno.

As máscaras de Lugo

Maragato, volante e oso. EP
Maragato, volante e oso. EP

Así se ven algunhas das máscaras máis representativas do Entroido lugués polo ollo de Xosé Manuel Seixas. De esquerda á dereita, a primeira é a do maragato, 'personaxe negra' que el asume cada ano en Santiago de Arriba. A súa carauta pode chegar aos 20 quilos, con cranios de becerro, cornos de cabrito e pelicas de ovella, cordeiro ou cabra. A súa función é protexer o volante, ‘personaxe branca’, que leva a seguinte máscara presentada aquí arriba. Para facela, antano os veciños pasaban pola casa que gardaba o molde de madeira.

Hoxe é Juan González quen as fai. A terceira máscara é a do Oso de Salcedo. Presente en moitas mascaradas en Europa, disque foi a primeira máscara que un ser humano colocou no rostro. "Noutros lugares o oso sae atado, condúceno os gardas, mentres que aquí, na Pobra do Brollón, el é o xefe", di Seixas.

Da Ribeira á Montaña

En Lugo, ademais do Oso de Salcedo e do Entroido Ribeirao, Seixas destaca o Entroido de Val de Francos, en Castro de Rei, ou mesmo os reiceiros do Cebreiro, que este ano recuperou Branca Villares, para o que Seixas fixo a máscara de coello do carantoña.

"Os reiceiros do Cebreiro son unha mascarada de inverno. Teñen personaxes típicos da mascarada, coma o carantoñas e o mochilero. E aínda hai testemuñas en Navia de Suarna, pola zona de Rao, de moitos outros personaxes asociados aos cantos de Reis", comenta.

En Piornedo, aínda que non haxa un personaxe específico, persiste o entroido nas fachas que se prenden co lume dunha fogueira nos Picos da Torre, dende onde se corría, para botar o ‘entroiro’ a outros núcleos.

Comentarios