Elena Candia: "Sería un erro para o partido pensar en algo que non sexa en como axudarlle á xente"

É dona dunha frenética actividade a varios niveis: como presidenta provincial do PP, tenente de alcalde en Mondoñedo e deputada en Santiago
Imagen de Elena Candia. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Imagen de Elena Candia. JOSÉ Mª ÁLVEZ

Esta semana tivo traballo presentando unha nova lei que ten como obxectivo, nada menos, que buscar un futuro para o eido rural galego. Elena Candia explícaa con coidado porque di que o máis importante de todo é que a xente ten que entender "que non vai contra ninguén" e de feito asegura que agora entra na súa etapa máis importante, "a das aportacións doutros partidos políticos e dos axentes sociais e veciños". Pero namentres, ten tempo para aclarar o acontecido co alcalde de Friol, que ela non ve como un ataque persoal, ou de anticipar que polo de agora o seu partido non quere nin oír falar de procesos sucesorios na provincia: "Neste momento o que nos toca é traballar". E para Mondoñedo pide un arranxo a fondo da Nacional 634 "e non é nada político, é de xustiza".

É a presidenta provincial do Partido Popular, pero tocaríalles ir afrontando nova etapa nun momento tan particular. Está con ánimos de volver presentarse?
O partido segue cos mesmos obxectivos de sempre e, se cadra, agora é máis necesario que nunca ter eses obxectivos ben presentes. Ten que estar a disposición da xente e ser un enlace entre as institucións e a xente. tamén coa oposición, que sexa a voz da maior parte posible da xente representando á maior parte da poboación posible. Isto é, evidentemente, porque estamos nunha situación excepcional, moi difícil, e creo que temos que dobrar esforzos e estar máis que nunca ao lado da xente axudándolle a resolver os seus problemas. Neste contexto, baixo o meu punto de vista, sería erróneo pensar en nós mesmos.

A título persoal, proporase cando chegue o momento continuar?
Eu sigo traballando coa mesma intensidade e ilusión de sempre con ese concepto de que o Partido Popular é unha familia e eu estarei onde a miña xente queira que estea. Sempre participei e aos sitios aos que cheguei foi porque antes me apoiaron, e esa seguirá sendo a programación que faga, o obxectivo que me marque. Sinceramente creo que con esta situación se pensásemos agora na nosa organización interna, en congresos... iso estaría mal visto pola xente porque nin é correcto nin prioritario. Temos que facer esforzos para ser accesibles e cando esto vaia mellor, a ver o que pasa.

Cando mellore esta situación sanitaria, indubidablemente tocará ver que é o que opinan os militantes

Pero o PP ten que seguir a funcionar dun xeito regulado.
O noso obxectivo como partido segue a ser o mesmo: estamos nas entidades locais e provinciais. Na maioría gañamos aínda que non gobernamos, noutras perdemos pero o respaldo é importante e o que acadamos nas autonómicas foi o mellor e iso, dígoo con humildade, pero penso que é algo a ter en conta. Cónstame que moitas veces non se visualizan cousas que facemos. No meu caso moitas veces nin saco fotos dos actos ou reunións nas que estou porque non é unha prioridade neste momento. E tamén é certo que máis adiante, cando mellore a situación sanitaria, indubidablemente tocará elixir cos instrumentos que usamos e ver que opinan os militantes. Pero xa digo que a curto prazo tanto eu como a nosa xente debemos saber que no que nos temos que centrar é en sermos o máis útiles posible.

Hai pouco tivo un disgusto co alcalde de Friol que houbo quen interpretou como un ataque persoal a vostede. 
Somos un partido moi grande, con moita xente que ten moito criterio, moita autoridade e personalidade... O obxectivo noso é ter sempre un proxecto equilibrado, que una sensibilidades... Si que se producen debates internos interesantes e enriquecedores. Calquera outra manifestación só serve para ser usada pola oposición e desvirtúa calquera cousa. Dito esto, penso que ese caso concreto non se percibu realmente como un ataque contra min.

E vostede como o viu?
Penso que é moi normal que haxa discrepancias e cando se expoñen internamente, non hai ningún problema. En todo caso, dicir que estas cousas deben facerse internamente porque eu apoio aportacións e críticas construtivas. En casos coma este, mediante mecanismos internos.

É normal que haxa discrepancias, pero sinceramente penso que se deben tratar a través dos mecanismos internos

Agora mesmo é a cara visible da Lei de Recuperación de Terra Agraria, que defendeu esta mesma semana. Aínda está en tramitación, pero pode ser un cambio de modelo no enfoque do eido rural galego.
Creo que o noso rural ten identificados algúns problemas e que ten mecanismos bos como son as concentracións parcelarias. Pero é evidente que non é dabondo. Hai un sentir xeneralizado de que necesitamos mobilizar a nosa terra, sobredimensionar as explotacións agrícolas e gandeiras. Esta lei propón un modelo onde son posibles os tres grandes escenarios actuais: forestal, agrícola e gandeiro, pero con orde. O catálogo de usos do solo é moi importante. En definitiva, é un reto que deberá considerarse como unha lei de país, porque afecta a problemas estruturais, aportando solucións e desenvolvendo unha base xurídica. Agora está no seu momento máis importante, que é cando se pode mellorar con aportacións doutros grupos políticos, entidades do sector primario e sociedade civil. Para min é unha oportunidade importante para Galicia pero tamén son consciente de que é fundamental que ademais de aprobarse despois debe aplicarse en todos os instrumentos que se contemplan: permutas, aldeas modelo... Cada cousa está pensada para territorios diferentes, e haberá que seleccionar o instrumento que máis aporta para cada zona concreta.

Eses instrumentos dos que fala son precisamente algo do que se está a mirar con máis detalle.
Claro, é que ao mellor na Chaira, onde hai unha gandería potente, o instrumento máis acaído poden ser as permutas. En zonas forestais, os polígonos. En partes rurais de Ourense, as aldeas modelo... Isto é unha caixa de ferramentas que ir empregando dependendo das distintas realidades e defendendo a súa colocación no lugar axeitado. Sei que é algo valente, pero tamén necesario, e dentro das miñas posibilidades, vou facer o posible para explicala o mellor posible, fomentar a participación para mellorala e colaborar no Parlamento co resto dos grupos.

De momento, o PSOE non se lle opuxo frontalmente.
E valóroo moi positivamente, aínda que se abstivesen. Nunha lei desta transcendencia é moi importante que sexa o máis apoiada posible e despois o máis aplicada posible porque se non provocará un rexeitamento que en realidade non merece. Hai que mandar a mensaxe de que esta é unha lei para todos: para os que conviven con fincas descoidadas pero tamén para os propietarios de terras, porque todos sabemos o que custou aforrar para comprar un ferrado, e ten que quedar moi claro que eso vai ser respectado. Imos traballar con maiorías moi cualificadas e dar seguridade xurídica en caso de que haxa unha compra-venda. Así que, en definitiva, o que queremos é ofrecer instrumentos para residentes, propietarios e empresarios do sector primario.

É unha caixa de ferramentas con instrumentos para usar dependendo das distintas realidades do territorio

Aínda que realmente iso é o que ofrece a lei que está a defender, o que parece latexar no seu fondo é a ansia de revitalizar o rural galego e de ofrecer un instrumento máis de loita contra o despoboamento.
Ese ten que ser un dos grandes obxectivos: dar alternativas laborais no contorno rural, porque iso é o mellor que se pode facer para fixar poboación. Iso é fundamental e un gran reto. Nós non temos unha variña máxica para arranxar ese problema, así que elaboramos unha estratexia, un paquete de accións e esta ten que ser unha. Hai que axudar a evitar que a xente do noso rural perda o seu traballo. Ten que ser ao revés, temos que conseguir que sexa unha oportunidade porque ademais é moi importante dignificalo e iso tamén axuda a presentar o rural como un escenario de oportunidades. Hai que buscar os instrumentos máis axeitados en función das peculiaridades de cada un e ir facendo atractivo ese entorno. Será importante documentar as parcelas para identificar os propietarios e que o conxunto de propietarios que participa sabe que poderá rematar o proceso cun título de propiedade documentado, algo que tamén é moi atractivo. En definitiva: dar facilidades para ver no rural ese escenario oportunidades.

Aínda que decidíu deixar o posto na alcaldía de Mondoñedo ao seu número 2, Manuel Otero, segue totalmente implicada como primeira tenente de alcalde. De feito, amorea proxectos sen parar. Cales son os que máis lle gustaría que fosen saíndo adiante?
Un dos principais retos que nos fomos marcando desde o principio é que os edificios útiles e baleiros recuperasen a súa funcionalidade. Por iso quero citar especificamente o antigo hospital de Cabanela, as instalacións de Finsa e as naves de San Lázaro. A súa recuperación con actividade trátase de algo fundamental para Mondoñedo pola propia importancia individual de cada proxecto, iso está claro, pero tamén pola mensaxe que enviamos de que é posible recuperar a importancia que historicamente tivo Mondoñedo.

Recuperar edificios singulares envía a mensaxe de que é posible recuperar a importancia histórica do noso concello

Eses proxectos empresariais mestúranse cunha política que emprenderon de reforzar unha serie de servizos na que se están aplicando. Dá os seus froitos?
Para nós sempre foi fundamental que os servizos se mantiveran ou, a poder ser, medraran, como fixemos cos servizos sociais. Pero tamén penso que foi moi importante poñer desde o Concello todo o necesario para impulsar a creación de emprego e, de paso, se eses edificios recuperan a súa actividade, mellor aínda. Por iso o 14 de febreiro, o día que se escrituraron as fincas no polígono industrial que eran todas propiedade do Concello, e a venta a Ecar, foi un día importante. A partires de aí, e seguindo a liña inicial, hai que manter as infraestruturas e o todo dinamismo que se poida cando a situación sanitaria o permita, mellorando tamén accesos a núcleos rurais e as súas posibilidades. 
 

"Este ten que ser, si ou si, o ano do arranxo da Nacional 634"
 

Na súa aposta a cegas por Mondoñedo, Elena Candia cita de forma explícita unha infraestrutura que toda A Mariña, toda A Chaira e, en xeral, todos os usuarios da A-8 levan tempo demandando: o arranxo da Nacional 634 porque é a que serve de alternativa cando se pecha O Fiouco.

Esa é unha teima na que leva tempo, como está a cousa?
Este ten que ser, si ou si, o ano da Nacional 634, porque é unha infraestrutura pola que pasa absolutamente todo o mundo. É fundamental que iso se mellore e merecemos un reforzo desa estrada. E conste que nin é un capricho nin un dardo político, é unha verdadeira necesidade para toda a xente.

Que máis ten pensado para ir avanzando en Mondoñedo?
Queremos ir recuperando as fervenzas, avanzar nalgunha musealización máis e ofrecer un produto mellor cultural e turisticamente, tamén apoiando a publicación de libros e con actividades culturais tan cinguidas ao que é a nosa historia.

Empeñouse na Área Rexurbe e foi pioneira en Galicia.
É un reto, un modelo de cidade cun plan de dinamización que vai máis alá do propio casco histórico. Agora mesmo os nosos obxectivos son ir desenvolvendo de forma áxil e dinámica esa Área Rexurbe e que algún dos proxectos reciba fondos europeos. Estamos moi atentos a todos instrumentos da UE porque son fundamentais economicamente.

Comentarios