"Abrimos a nosa investigación para que a xente poida coñecer lingüisticamente o seu territorio"

Miguel Rodríguez Monteavaro, filólogo e poeta de Boal, é un dos autores do atlas lingüístico da zona Eo-Navia, un territorio que tamén abarca os concellos lugueses da Fonsagrada, Navia, Negueira, A Pontenova, Trabada e Ribadeo. Publicado no 2017, a Universidade de Oviedo compartiuno agora de forma libre
G
photo_camera Miguel Rodríguez Monteavaro. EP

Páxaro, paxaro, paxaru. Unha ducia, ducena, decena, dúcea ou ducia de variedades doutras tantas palabras e acenos podemos atopar no ETLEN, sigla de ‘Estudiu de la transición llingüística na zona Eo- Navia’. É un proxecto de investigación da Universidade de Oviedo asinado por catro autores, entre eles Miguel Rodríguez Monteavaro, filólogo e escritor en galego e asturiano de Boal.

Presentan un atlas lingüístico da zona Eo-Navia. Cal sería ese territorio marcado polos dous ríos?

Esa idea dos ríos é para delimitar grosso modo, porque máis ben falamos das cuncas deses ríos. En Galicia chega aos concellos da Fonsagrada, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, A Pontenova, Trabada e Ribadeo. A variedade lingüística que se fala nesta zona pertence ao dominio galego-portugués, pero presenta moitos trazos compartidos co astur-leonés. O libro foi publicado no 2017, e abriuse agora ao público. Quixemos facer un acto de xustiza poética, regalándollo a todo o mundo —o libro de Trabe custaba 130 euros— para que a xente poida coñecer lingüisticamente o seu territorio.

Como lle gustaría que a xente se achegase a esta publicación?

Trátase dun libro científico, con entrevistas e traballo de campo, no que reflectimos o que hai. É un traballo informativo, non social nin político. Os académicos que se queiran achegar lingüisticamente a esta zona teñen aquí a ferramenta, e tamén a xente que queira coñecela. É útil para coñecérmonos e aportar o noso granín de area na Romania e na Europa.

Poderiamos destacar algunha das características desta variedade lingüística do galego?

Por exemplo, en comparación co galego normativo, a zona da cunca do Navia presenta a palatalización das eles iniciais latinas, e das dobres eles latinas. Dicimos ‘llume’ e ‘lleite’, e non ‘lume’ e ‘leite’. Tamén temos o sistema pronominal do asturiano, polo que non dicimos ‘fágoo’, senón ‘fágolo’. Non temos o artigo ‘o’, senón ‘el’: ‘el neno’. Como en toda a área oriental do galego, as terminacións son en ‘ois’: ‘pantalois’, ‘camiois’. En lugar de ‘unha’, ‘úa’. Habería moitísimas cousas que apuntar.

"Á miña nai pegábanlle por falar galego. A min dicíanme que tiña que acomodar a miña fala ao español"

En que situación está o galego asturiano?

Houbo un retroceso enorme en número de falantes, pero aínda así é a zona de Asturias que máis conserva, con diferenza, a fala tradicional. Fálao e enténdeo preto dun 70% da xente, pero hai unha porcentaxe moi baixa que o escriba. Non hai un estatus xurídico que protexa esa variedade, e aínda por riba temos un conflito político, como se non se puidese dicir que un asturiano fale galego.

Unha visión de identidades que coliden?

Unha visión anticuada. Os falantes non se cuestionan se son asturianos por falar galego. Pero desde Oviedo parece que fose o seu territorio. É unha cuestión de colonialismo. De lexislar e ordenar dende o centro as periferias, que non teñen voz nin voto. Gobérnannos dende Madrid, gobérnannos dende Oviedo, estamos gobernados por todos.

Hai un ano viuse frustrado o intento de lograr a cooficialidade do asturiano e do galego eonaviego.

Nos últimos 40 anos houbo unha reivindicación constante do estatus xurídico de cooficialidade. Parecía que todo ía saír, pero por falta de vontade política non se logrou. Hai xente que di que se perdeu a oportunidade. Necesitamos un aspecto xurídico que nos ampare, pero temos que seguir traballando sen el, porque, do contrario, non imos a ningún lado. Como esperemos a que os políticos nos dean solución... estamos perdidos.

Como escritor, escribe en galego e tamén en asturiano.

Escribo en galego porque é a miña lingua materna. Cando fun á universidade comecei a falar e escribir en asturiano. Tamén podería escribir en castelán. Para min o tema lingüístico é un medio para comunicar as ideas. Hai trazos de militancia, pero utilizo indiferentemente as dúas.

Este día 15 presenta en Compostela o poemario ‘Oi, que dice mamá que volvas’, que gañou o premio Ría del Eo de poesía. No prólogo do seu libro anterior, ‘Superpoderes’, fala de que aínda no instituto lle obrigaban a falar ‘bien’. Viviu esa represión lingüística?

Si, claro. Á miña nai pegábanlle por falar galego na escola. A min non, pero dicían que había que acomodar a miña fala aos estándares españois. E penso que hoxe en día segue igual. Temos un peso educativo moi forte da lingua española e un grande descoñecemento da fala tradicional.

Comentarios