domingo. 28.11.2021 |
El tiempo
domingo. 28.11.2021
El tiempo

A vida sen Europa

Catro lucenses residentes no Reino Unido.
Catro lucenses residentes no Reino Unido.
As fronteiras que levantou o Brexit manteñen en xaque o Reino Unido. Os lucenses explican as consecuencias de non ser europeos

Nun mundo globalizado non é fácil vivir nunha illa. No Reino Unido estano comprobando tras decidir independizarse da Unión Europea. Fixérono sen chegar á maioría de idade, cando a súa estrutura económica e produtiva aínda non estaba madura para desenvolverse con independencia. A poboación británica sofre agora as consecuencias da falta de previsión do Goberno, da desatención aos servizos básicos e do menosprezo ao sector primario. Tamén ten a ocasión de valorar o servizo que os inmigrantes prestan á sociedade e de recoñecer o difícil que resulta suplilos.

Catro lucenses que residen no Reino Unido contan como están vivindo o alonxamento da illa con respecto a Europa. A falta de man de obra estranxeira nótase en sectores básicos. Escasean as froitas e verduras porque non hai quen as recolla, a carne porque non hai quen a despece, o leite porque non hai quen o transporte e os combustibles porque hai que importalos. Os maiores que precisan coidados teñen problemas para atopar quen os asista porque este traballo era realizado basicamente por estranxeiros. Incluso os músicos europeos deben ter un permiso laboral para tocar unha noite en calquera pub.

As empresas afrontan montes de papeis para exportar e importar produtos e moitas están cambiando as sedes sociais para intentar burlar as aduanas, esas que se colapsan tanto de entrada coma de saída por falta de personal que realice os controis.

En resume, que o Reino Unido desfruta dunha independencia desexada, pero que ten unhas consecuencias que a poboación non sopesou, aínda que todas eran previsibles. 

Elvira webELVIRA MALUMBRES GARCÍA. É fisioterapeuta, de Lugo, e vive en Glasgow, onde traballa para o sistema público de saúde. Afirma que a escaseza de produtos que sofre o Reino Unido vai máis aló do desabastecemento puntual dos supermercados. "Non é só o Brexit, é tamén o covid-19, o problema do aluminio a nivel mundial. É difícil separar as causas, pero o certo é que escasean moitas cousas e afecta a múltiples ámbitos, incluído a saúde", apunta.

Esta lucense traballa na rehabilitación de pacientes e explica que ten problemas para dispoñer do equipo necesario. "Muletas, bastóns, andadores… en Escocia iso facilítase de xeito gratuíto, pero agora non temos, custa moito conseguilos", comenta. "Aínda que os proveedores fabriquen dentro do Reino Unido, necesitan materiais que veñen de países de Europa. Con que teñan que importar un parafuso de Alemania xa está. Non son autosuficientes para todo e calquera compoñente que falte pode condicionar unha operación, a produción dun medicamento…"

Elvira Malumbres explica que os problemas de abastecemento no Reino Unido son habituais ao tratarse dunha illa, pero agraváronse seriamente coa imposición de aduanas a Europa. "Sempre houbo problemas porque o mal tempo condiciona o acceso á illa, o tránsito de barcos e avións. Pero agora, ao retraso quer era habitual súmanse as trabas para as importacións".

O covid-19 fixo estragos no sistema público de saúde e incrementaron as listas de espera. "Agora, coa falta de equipos para traballar, non podemos atender a demanda que temos. Por exemplo, hai uns días recibimos uns andadores polos que levabamos catro meses esperando".

Ás dificultades para importar  desde a Unión Europea súmase a falta de man de obra para axilizar a produción nacional. O resultado son "supermercados nos que falta de todo". Elvira explica que os galegos notan especialmente estas carencias, máis que os británicos. "Nós mantemos o noso xeito de cociñar e comemos fresco. Compramos froita, vexetais… e buscamos calidade. Agora, cando vou facer a compra para a semana pensando nun menú, case sempre teño que cambiar algo por non atopar todo o que levaba pensado. Eles comen máis precociñado e conxelado, por iso non notan tanto as carencias na cesta da compra", apunta.

O que máis lle impresionou foi o problema xerado pola falta de combustibles. "Chegabas ás gasolineiras e a metade dos surtidores non funcionaban. Nos que quedaban combustible só podías repostar 30 libras, non che vendían máis. A xente entrou en pánico e había unhas colas inmensas. Metía medo velo. Parecía que estabas nunha desas películas futuristas nas que a xente pelexa polos subministros".

Elvira Malumbres di que a falta de equipos impide axilizar a atención sanitaria

No caso dos combustibles, ás dificultades de importación uniuse a falta de camioneiros para distribuílos polo país. O mesmo acontece con outros sectores, coma o lácteo ou o cárnico, que poderían ser autosuficientes para abastecer a poboación británica, pero atópanse con dificultades derivadas da falta de man de obra para procesar e transportar os produtos.

"Nos matadoiros non teñen xente e tampouco para traballar nos invernadoiros". Esta lucense é crítica coa actitude do Goberno do Reino Unido cara os inmigrantes. "Moita xente quedou sen traballo na pandemia e marchou para o seu país. Agora moitos non queren volver, aínda que poderían, pero séntense ofendidos. Realmente o Brexit é racista. Facilitan a entrada dos traballadores que lles interesan, xa sexa porque teñen unha cualificación determinada ou para explotalos recollendo a froita uns meses e botalos despois. Só deixan entrar o que necesitan, é colonialismo moderno". 

Neste punto, explica que o Goberno escocés se desmarca. "O pobo escocés é máis parecido ao galego, non sei se polo clima, a cultura ou porque tamén foron emigrantes. Son amigables e desde a Administración esfórzanse por mandar a mensaxe de que os inmigrantes son benvidos en Escocia, aínda que despois non sempre sexa certo".

As consecuencias da falta de traballadores están afectando a todos os ámbitos. Elvira Malumbres pon un exemplo: "Escocia exporta peixe e marisco e nestes momentos estase perdendo nas aduanas porque non hai inspectores suficientes para axilizar o trámite que ten que pasar para vendelo ao exterior".

Tampouco hai persoal suficiente para xestionar o que chega do exterior. "Aí os galegos temos un problema porque aínda mantemos o costume de recibir paquetes da familia. Xa non podes enviar os típicos chourizos da casa porque hai que declarar todo e co que tardan en tramitar as entregas quedan os paquetes semanas parados na aduana".

Pero o Brexit non só se nota nos costumes tradicionais, senón tamén nas prácticas modernas, como as compras por internet. "Se queres comprar algo en plataformas como Amazon ou Ebay ten que ser no portal británico. Se o produto está noutro país, ou non cho serven ou tes que pagalo moito máis caro", explica.

Elvira Malumbres di que a sociedade escocesa vive o Brexit dun xeito especialmente crítico. "Cando houbo o referéndum de independencia, moitos votaron en contra porque querían manterse na Unión Europea e agora vense fóra dela precisamente por seguir pertencendo ao Reino Unido».

                                    OLALLA CASTRO ALVAREDO. É natural do Incio e profesora na Universidade de Londres. Leva 16 anos no país, polo que a súa regularización foi sinxela, pero ten constatado que a burocracia que acompaña o Brexit estalle causando problemas a moita xente e dificultades ás empresas.

Olalla Castro explica que "é difícil separar o efecto do Brexit doutros problemas que están afectando ao abastecemento de certos produtos en todo o mundo. Pódese dicir que onde hai problemas globais, o Brexit non axuda, senón que os empeora".

Afirma que moitos atrancos "teñen que ver coa saída do mercado único, que implica controis nos productos importados e exportados que antes non había que facer, o cal impón un custo burocrático enorme que moitas empresas non poden asumir, sobre todo os negocios pequenos. Hai moitos exemplos de firmas que exportan principalmente a países da Unión Europea que están movendo as súas sedes oficiais a Europa para facilitar o funcionamento".

Olalla Castro ten constatado tamén as dificultades para conseguir visados de traballo, o cal deriva nun serio déficit de man de obra. "O problema é que hai novos controis para traballar no Reino Unido, como por exemplo gañar un certo mínimo, que estupidamente exclúe a moitas persoas en sectores con déficit de persoal (hostalería, recolección de froitas e verduras, matadoiros...) pero tamén en profesión que requiren cualificación, como a enfermería. Fai falta un visado que ten custos, nalgúns casos moi substanciais".

Olalla Castro afirma que legalizar o permiso de residencia pode ser complicado e caro

Como profesora universitaria ten comprobado que mesmo neste ámbito é preciso ese desembolso. "O meu novo estudante de doutoramento é italiano e tivo que obter un visado que lle custou uns 800 euros, pero o prezo é maior noutros empregos. Unha estudante española que está facendo unha estadía de só tres meses tamén tivo que gastar uns 400 euros no visado".

Olalla Castro fala tamén do "custo psicolóxico" do Brexit: "Moitos europeos séntense insultados e rexeitados, ao ver que despois de vivir aquí moitos anos teñen que obter documentos que ata agora non existían".

Apunta que ela conseguiu o permiso de residencia permanente sen ningunha complicación, pero outra moita xente non. "Coñezo unha parella dun alemán e unha sueca que viven aquí desde hai máis de 20 anos. Teñen dous fillos nados e criados no Reino Unido, pero nunca se preocuparon de procurarlles un pasaporte británico porque non o necesitaron. Ao chegar o Brexit pediron a nacionalidade e foilles denegada dúas veces para o seu fillo maior por razóns burocráticas. Tiveron que pagarlle a un avogado para resolvelo, pero hai xente que non pode asumir ese gasto e vai ter problemas".

Esta emigrante do Incio explica que Londres "é unha cidade moi cosmopolita e non se notan tanto as tendencias xenófobas que motivaron o voto a favor do Brexit en certas partes do país". Aínda así, considera que "a situación é preocupante, especialmente porque o Goberno británico non infunde confianza".

Nacho Panadero webNACHO PANADERO. A falta de traballadores que está condicionando a actividade en moitos sectores pode chegar a beneficiar aos emigrantes lucenses que marcharon para o Reino Unido na procura de traballo. Ese é o caso de Nacho Panadero, un mozo de Lugo que traballa como profesor de secundaria en Bristol.

Apunta que coa chegada da pandemia marcharon, só de Londres, unhas 700.000 persoas, que agora non poden ou non queren volver. Con ese éxodo de poboación precedente, as ofertas de emprego abundan e, en opinión de Nacho Panadero, "quen quere traballar pode".

Mesmo considera que melloraron as condicións porque "ao haber menos xente hai máis oferta e incluso se pode escoller". No seu caso, traballa a través dunha axencia e asegura que puido decidir cando e canto quería traballar nesta tempada.

A súa compañeira, tamén lucense, traballa para o sistema público de saúde. "Un terzo dos traballadores da sanidade son estranxeiros. Nese sector incluso incrementaron os salarios porque necesitaban xente con urxencia, así que aumentaron o prezo que pagan por hora", explica.

Nacho Panadero non botou en falta nas tendas nada que necesitase. "En Bristol sempre houbo de todo". Si tivo constancia do peche de gasolineiras, pero afirma que foi puntual e que non lle afectou porque cando precisou combustible puido compralo.

Nacho Panadero di que a escaseza de persoal axuda a encontrar traballo e mellora os contratos

Comenta que o Brexit está tendo gran impacto nas pequenas empresas porque conleva "unha burocracia impresionante e non todas dispoñen dos medios necesarios para funcionar con este sistema. Por exemplo, a xente da pesca tírase dos pelos. Hai barcos escoceses que están desembarcando o peixe en Dinamarca para evitar os trámites necesarios para exportar do Reino Unido a Europa".

Considera que non se tiveron en conta as consecuencias do peche de fronteiras para as pequenas empresas. "Miraron para o sector financieiro, pero non para os pequenos. Mentres vaia ben a City, o resto do país dálles igual".

En termos legais, o Brexit non lle afectou porque leva máis de cinco anos de residencia permanente, polo que pode entrar e saír do Reino Unido cando desexe. Como curiosidade, apunta o detalle de que agora, para viaxar a España, "hai que coller o avión na terminal internacional, non por Europa coma antes".

Irene Vidal webIRENE VIDAL CAL. É de Vilalba e vive desde hai nove anos en Falmouth, onde rexenta unha librería-cafetería. Afirma que o Brexit sacou á luz un mercado laboral "con condicións terribles" para moita xente, que nin sequera pode xustificar o mínimo de ingresos esixido para conseguir o permiso de traballo. Cre que unha vez que se constataron os fallos sería interesante "unha introspección para mirar o que se está facendo mal".

Explica que en vilas coma Falmouth é fácil completar a cesta da compra porque "compramos en tendas pequenas ou directamente a agricultores, pero os estantes dos supermercados están cheos de fotos dos produtos que lles faltan, para que non se vexa baleiro e lles dea menos vergoña".

O que realmente está sendo un problema é a falta de traballadores no sector dos coidados, sobre todo para maiores. "A xente está desesperada porque non atopa. Hai unha falta de apoio brutal que está tendo impacto na comunidade enteira".

Os servizos de coidado de maiores e nenos estaban ata o de agora cubertos cunha alta porcentaxe de traballadoras inmigrantes e a súa saída deixou o país literalmente desatendido.

Pero a situación percíbese en eidos moi diversos. Por exemplo, na música en directo. "É traballo, así que os músicos que veñen de Europa necesitan unha visa. Os do resto do mundo xa estaban afeitos a estes trámites, pero agora para vir desde Francia ou desde calquera outro país tamén fai falta e é máis difícil xestionar un concerto"

Irene Vidal ve preocupante a falta de xente para coidar maiores, labor habitual de foráneos

Esta vilalbesa emprendeu unha aventura empresarial en plena pandemia e conta que non lle foi mal. "Abrimos unha cafetería-librería en xuño do 2020, cando precisamente os negocios tiñan que pechar, pero en contra das previsións foinos ben. Coa pandemia a xente volveu aos libros e en canto se puido tamén había ganas de voltar ás cafeterías. Queda mal dicilo, pero a pandemia case nos veu ben para recuperar o hábito da lectura".

As previsións de escaseza de produtos de cara á campaña de Nadal non van coller desprevenida a Irene Vidal. "Na cafetería consumimos moito produto local, así que non hai problema de suministros, e as estanterías están repletas de libros", polo que se non hai outros sobresaltos a campaña será tranquila.

Os lucenses que residen en terras británicas sobrelevan as consecuencias do Brexit sen graves problemas, pero conscientes das dificultades que provoca nunha sociedade que depende tanto coma calquera outra do intercambio cos seus veciños.

Todos se senten integrados e ben tratados nos seus lugares de acollida, aínda que recoñecen o pouso xenófobo dunha sociedade que respaldou a saída da Unión Europea seducida por unha independencia da que non mediron todas as consecuencias. Confían en que a medio prazo a estrutura económica se rearme e todo volva á normalidade.

A vida sen Europa
Comentarios