A misa por Facebook: varios párrocos da provincia ofician dende as redes

O cura da Fonsagrada tivo 600 reproducións ▶ As oracións están encamiñadas a pedir polos afectados
Captura de pantalla do vídeo da misa de Miguel Ángel Álvarez Pérez. EP
photo_camera Captura de pantalla do vídeo da misa de Miguel Ángel Álvarez Pérez. EP

O párroco da Fonsagrada e Negueira de Muñiz, Miguel Ángel Álvarez Pérez, non deixou de acudir este domingo á capela fonsagradina de Queixoiro. Alí non había ningún fiel, por suposto, pero moitos xa o agardaban dende a pantalla do ordenador ou do teléfono dende a casa.

Miguél Ángel foi un dos curas da diocese de Lugo —xunto cos de Monforte, Castroverde e Lalín— que se preparou para non deixar sen misa aos seus parroquianos no domingo. E tampouco o fará nos próximos días. No Facebook xa anunciou este domingo que as misas continuarán hoxe e nos vindeiros días ás 19.00 horas, dende o seu perfil na rede social.

O vídeo da misa, que reproduciu só en Facebook porque a conexión dende o rural non foi suficiente para facelo tamén dende Youtube, atinxiu un total de 600 reproducións. "Iso, para as miñas publicacións, é moitísimo", comentou. Tampouco sospeitaba que dende esa capeliña na que non entran máis de dez persoas puidese chegar a xente doutras latitudes. "Víronme dende Sevilla", comenta.

Consciente de que moitos dos feligreses das 16 parroquias que atende non se manexan con internet, pediu colaboración da xente máis moza para facerlles chegar a iniciativa e que poidan "ver a misa", indicou.

Dende a Diocese de Lugo lanzaron tamén un comunicado aos fieis para rezar ás 12.00 horas, e manter a unión nas oracións

O que pediu, e pedirá nestes dáis na celebración da Eucaristía, será "por todos os afectados polo coronavirus, polos esforzos do persoal sanitario e por todas aquelas persoas que nestes días traballan en condicións complicadas, para que a ninguén lle falte o necesario. Tamén pediremos, como de costume, por todos os falecidos na semana pasada no noso arciprestado, e por todos os defuntos", engadiu.

A súa iniciativa foi espontánea, pero pronto soubo doutras por toda a diocese, como a súper sofisticada de Lalín, que pertence a diocese de Lugo. Miguel Ángel Álvarez gravou o vídeo ao revés. Nas redes bromeaba: "Espero que non vos dea un cabaleiro", por facer que os veciños inclinasen o pescozo. Pero ningún se queixou diso, valorando o seu xesto de "manter unidos aos parroquianos neste momento tan difícil", comentou.

OUTRAS INICIATIVAS. Dende a Diocese de Lugo lanzaron tamén un comunicado aos fieis para rezar ás 12.00 horas, e manter a unión nas oracións. Este domingo, as campás da igrexa de Santa Mariña de Vilalba repicaron ás 22 horas en homenaxe aos sanitarios.

Comentarios