José Antonio Ferreiro: "Levo moitos anos en política, é o momento de dar paso ás novas xeracións"

Ferreiro leva sendo alcalde do Corgo desde o ano 1995. O rexedor recoñece que esperaba unha lexislatura complicada ao gobernar en minoría; porén, asegura que foi mellor do que pensaba ao principio. Iso si, a pesar do balance positivo, di que este será o seu último mandato, xa que non espera presentarse nas eleccións municipais do ano 2019.

José Antonio Ferreiro. XESÚS PONTE
photo_camera José Antonio Ferreiro. XESÚS PONTE

NO ANO 1995, Microsoft lanzaba o seu navegador Internet Explorer. Yigal Amir asasinaba ao primeiro ministro israelí Isaac Rabin e Arantxa Sánchez Vicario convertíase na primeira tenista española en acadar o número un do mundo. O ano 95 foi moi importante tamén para o concello de O Corgo, xa que José Antonio Ferreiro asumiu por vez primeira a alcaldía do municipio. E dende aquela ata hoxe, continuou como rexedor. Ferreiro, iso si, considera que a súa etapa está chegando á súa fin, xa que asegura que, salvo sorpresa maiúscula, no se presentará ás eleccións nos próximos comicios de 2019.

Neste último mandato está gobernando sen maioría. Que balance fai?
Pensei que ía ser un mandato difícil e teño que darme por satisfeito porque fixemos unhas obras moi importantes e foi das etapas con máis orzamentos.

Preveía catro anos complicados.
Si, pero o certo é que co edil independente (Javier Vila) coincidimos bastante ben e entonces chegamos a acordos fáciles na maioría das obras. Eu propuxen, el tamén e penso que foi un mandato máis que satisfactorio.

Incluso se chegou a falar dunha alcaldía rotatoria con Javier Vila.
Barallouse de que ía entrar pero ao final non se deu. Teño que dicir que estou moi agradecido pola súa colaboración.

E co resto de partidos da oposición?
Ás veces critican que vostede os apoie a nivel plenario, que vote a favor de moitas das mocións que presentan, pero que despois non se execute o votado. Ás veces non se fai por falta de tempo. Apróbanse porque nos parecen xustas e necesarias, cando se fai unha oposición construtiva apoiase. Pero ás veces non hai maneira ou non hai medios. Dicir unha cousa é fácil, pero despois hai que facela e non sempre se pode.

De que proxectos se sente máis satisfeito?
Sacamos a diante as piscinas municipais da área do Chamoso, que era unha asignatura pendente. No seu momento houbo división de opinións, pero ao final estanme dando a razón porque están sendo un éxito. Outra obra que nos parecía complicada era a do cambio de céspede no campo de fútbol. Tamén está a dotación de beirarrúas na N-VI, noutra travesía que tamén se dotará de beirarrúas... Estamos tratando de cambiar o asfalto nalgunhas pistas e poñer aglomerado asfáltico, como na que vai dende o centro de saúde á nacional.

O reparado do firme da N-VI e a dotación de beirarrúas era unha petición de hai moitos anos. Será unha realidade a curto prazo?
Está aprobada polo anterior goberno. Vaise executar agora, pero estaba aprobado polo Partido Popular. Houbo varias mocións que este goberno sempre aprobou porque era unha necesidade para este concello.

E algún asunto pendente?
Un que vai ser difícil porque xa non nos queda tempo son as vivendas sociais. É unha obra importante que queremos iniciar porque o proxecto está feito, pero quedan pendentes uns informes da Xunta. E tamén o Punto de Atención á Infancia (PAI). Temos unha casa niño, pero vese desbordada pola demanda e non houbo prazas. Polo demais, seguir o curso normal e cantas máis cousas queden feitas, mellor.

Incluídas as reformas na piscina?
Claro! Iso é pecata minuta.

Sempre di que se esaxerou moito cos arranxos pendentes...
Alargouse demasiado. Hai que sinalizar un par de cousas e non hai máis. Alarmouse á xente, parece que a oposición desexe que pechen o recinto. Hai que ser construtivo e non tirar pedras ao noso tellado. Parece que hai aí un perigo grandísimo cando non hai nada. De feito, están a ser un éxito.

Volverase presentar nas próximas eleccións?
Levo xa moitos anos na política municipal e é tempo de dar paso ás novas xeracións. Necesítase dar paso á xente nova. Non é que estea decidido ao cen por cen, pero en principio non estarei.

Hai alguén posicionado dentro do partido para sucedelo?
Dentro do equipo de goberno hai xente moi competente e preparada. Pero o próximo candidato terá que decidilo o partido. 

É vostede bastante afeccionado ao mundo do deporte.
Si. En xeral gústanme todos os deportes. Son moi futboleiro, son socio do Corgo, socio do Lugo moitos anos... Pero tamén o resto de deportes. E tamén me gusta tirar a partida de cando en cando cos amigos, tomando un café.

Que fai no seu tempo libre?
Pois un pouco de todo. O típico: andar, dar unha volta por aí, ler, pasear... Tamén me gusta moito viaxar.

Algunha viaxe en concreto que lle quede no recordo?
Unha viaxe... Pois non sabería dicir cal. Bruxelas e Ámsterdam gustáronme moito. Hai pouco estiven por Andalucía e gustoume moito. Sevilla, Córdoba... moi bonitas. A Portugal e a Francia vou bastante polas fillas. Viaxes estrambóticos non fago, tampouco me gustan.

Algún destino pendente?
Nunca estiven en Italia e gustaríame conocer ese país.

Para ver Italia ou para probar a pasta?
Por ver, por ver. Por gastronomía non viaxo que mellor que en Galicia non a hai en ningún lugar do mundo.

Co futboleiro que é, non sei se botou tamén de menos a Italia no Mundial.
Bueno, o Mundial foi como foi. Todos queríamos que España chegara máis lonxe, pero chegaron moi cansos. O próximo vai ser en inverno e penso que o equipo chegará mellor. O próximo é en Qatar.

Iría alí ver o fútbol?
En Qatar vai moita calor, alí non vou.

Curiosidades
Un municipio de 3.523 veciños e case 9.000 vacas

 
Ao igual que acontece en moitos dos municipios da provincia de Lugo, no Corgo o número de cabezas de bovino é superior ao de persoas censadas.

 Segundo datos do Instituto Galego de Estatística (Ige), no ano 2017 O Corgo tiña 3.523 habitantes, dos cales 1.786 eran homes e 1.737, mulleres. O censo de cabezas de bovino ascende, pola súa banda, a 8.861 vacas, repartidas nun total de 307 explotacións gandeiras.

Saldo vexetativo
A poboación do Corgo, tamén como acontece en gran parte dos municipios lucenses e galegos, está envellecida. En 2017 naceron no concello 15 persoas, mentres que as defuncións superaron o medio centenar (59). De feito, hai 232 habitantes de idades comprendidas entre os 0 e os 15 anos, e a poboación maior de 65 anos multiplica por cinco esa cifra (1.279 persoas).

As mulleres do Corgo son nais, de media, aos 34.08 anos, e teñen un termo medio de 0.59 fillos cada unha.

Comentarios