"Castroverde solicitou a residencia de maiores porque é necesario que se abra dunha vez"

Xosé María Arias. VICOTRIA RODRÍGUEZ

A conservación e mellora das condicións do medio rural son as principais inquedanzas dun rexedor coñecido por se moi crítico, incluso cos xestores do seu partido, A posta en marcha da residencia de anciáns, anos despois de ser inaugurada, é o seu «cabalo de batalla», por iso non dubidou en coller as rendas el mesmo para que bote a andar

TODO SI TEN o seu pero. Xosé María Arias está contento coa súa xestión á fronte do concello de Castroverde, aínda que, e aquí vén o pero, recoñece que ver a residencia de maiores pechada lle da moita rabia. Os tiras e afrouxas entre as administracións están deixando ao municipio da comarca lucense sen un servizo social importante, polo que ao rexedor non lle quedou outra que coller o touro polos cornos e facerse cargo da situación.

Estará a residencia de maiores aberta antes de que conclúa o actual mandato?

Non me atrevo a calcular nada. Foi inaugurada a finais da anterior lexislatura e aínda estamos así. Por iso o Concello aprobou solicitar a residencia á Deputación. Nós tamén fixemos un investimento grande e pagamos o que nos correspondía. Agora segue pechada por discrepancias políticas, incluso no noso grupo, Suplusa por un lado, a Deputación, si se fai un novo convenio... non sabemos se está todo ben e hai diferencias de criterio no grupo provincial co tema de Martínez que todos coñecemos. A min, a día de hoxe, cóstame crer que entre uns e outros logren abrir a residencia, co cal decidimos actuar e pedímola. Prestamos uns servizos sociais e isto prexudica gravemente aos veciños. Por iso falei co presidente da Deputación e tomamos a decisión. É necesario abrila xa e o Concello sería a vía rápida para facelo.

Quen foi o responsable desta situación?

As discrepancias. Eu non estiven dacordo en como se levou a situación e teño que decilo.

Os convenios que non se sacaron adiante demoraron a apertura?

Non son xurista para interpretar estas cousas. Pero creo que todo foi debido ao incumplimento das persoas. Da súa palabra. O Concello vai tomar as cousas en serio e se ten que pilotar a residencia vaina pilotar.

Se ao final o Concello logra a xerencia da residencia, cando podería estar operativa?

Habería que chegar a un acordo coa Deputación e despois facer unha ordenanza.

Residencia ao marxe, foron capaces de cumplir co esperado nesta lexislatura?

Si, seguimos a folla de ruta do noso programa. A pena é non ver a residencia aberta, que é o noso cabalo de batalla. Pero estou contento pola lexislatura. Fixemos moitas obras, coidamos os pobos e as aldeas nun concello moi rural e agrario coma o noso.

Hai algún logro en concreto do que se sinta máis orgulloso?

Da mellora das infraestruturas do medio rural. Abrir camiños, arreglalos, mellorar os servizos... É moi importante conservar e manter o rural.

E algunha conta pendente?

Non. Considero que nestes últimos anos, por como estivo a economía da provincia, creo que o fixemos moi ben. Temos un Concello saneado, fixemos as cousas con cabeza e só queda seguir traballando.

Seguir traballando.. tamén para a seguinte lexislatura? Vaise presentar?

En ningún momento tiven dúbidas de volver a presentarme. Despois de tantos anos, claro que a cabeza da moitas voltas, pero eu síntome con ánimos e gañas de seguir traballando. Eu sempre vou día a día e non sei que pode pasar dentro de oito ou dez meses. Non podo descartar nada, pero a miña idea é seguir.

Foi moi crítico co goberno provincial. Presentaríase ás eleccións cunha hipotética plataforma independente de Manuel Martínez?

Non. Eu presenteime co PSOE e co Partido Socialista volverei, se eles están contentos comigo. Eu non é que estea de todo contento co partido, pero nunca pensei encabezar unha lista noutro.

Algún proxecto para a próxima lexislatura no caso de ser elixido?

Continuar traballando na mesma liña. Intentaremos que o noso concello siga mellorando. O Camiño Primitivo ten moito auxe, traballaremos para mellorar as infraestruturas de todos os veciños e potenciar o noso polígono industrial. De feito, xa aprobamos tamén no pleno subvencionar o 50 % da compra de parcelas do polígono. Esta medida axudará a fomentar que se instalen empresas e se creen postos de traballo no noso concello.

Nas últimas primarias do Partido Socialista apoiou a Susana Díaz, e Pedro Sánchez é agora o presidente do Goberno. Que opina do secretario xeral?

Eu apoiei a Pedro Sánchez dúas veces. É certo que nas últimas posicioneime a favor de Susana Díaz, pero eu estou no Partido Socialista e débome ao meu secretario, tanto a nivel provincial como autonómico e nacional. Eu son crítico cando teño que selo. Creo que Sánchez ten futuro e, se sabe manexar os tempos, hai presidente para tempo. Era o momento de acabar coa corrupción do Partido Popular.

Unha das funcións do Goberno é negociar en Europa cuestións como a da Política Agraria Común. Como gandeiro, que opina do sector?

Debemos pelexar por el persoas que entendan, que coñezan Galicia e o seu medio rural, o que non pasou nos últimos anos. Desde a Xunta a política agraria é nefasta. É lamentable o que se fixo e agora non hai volta atrás en moitos sentidos.

En canto ás súas afeccións, segue ligado ao mundo da caza?

Si, son moi afeccionado. Os gandeiros queixanse das invasións dos xabaríns e eu son un gran defensor dos tecores e da federación, os verdadeiros xestores do hábitat e o medio ambiente xunto aos gandeiros. Se un ano non cazamos, os xabaríns comerían todo. Ademais, é unha actividade económica moi importante.

Ten algún outro pasatempo?

Teños moitas afeccións, pero a verdade é que a caza é a miña preferida.

O sector gandeiro é vital para os catroverdenses

Castroverde, como moitos concellos da provincia de Lugo, ten unha forte dependencia do sector gandeiro. A poboación do municipio no ano 2017 era, segundo datos do Instituto Galego de Estatística (Ige), de 2.676 habitantes, dos cales 1.361 eran homes e 1.295, mulleres. Pois ben, o propio Ige contabiliza un total de 11.563 cabezas de gando bovino en 286 explotacións, o que da como resultado unha media superior ás catro vacas por cada habitante.

Patrimonio

O municipio castroverdense conta cun rico patrimonio cultural. O máis coñecido é o Camiño Primitivo, unha das rutas xacobeas de maior auxe nos últimos anos, e que transcorre ao longo de 30 quilómetros polo concello. O visitante que chega a Castroverde dispón de varios lugares de interese nos que pousar o seus ollos. A torre da homenaxe do castillo dos Lemos, a igrexa de Santa María de Vilabade ou Soutomerille son algúns dos seus atractivos turísticos.