Un xardín do xurásico en Outeiro de Rei

A asociación Arboretum Pinetum reuniu nunha parcela do concello un tesouro botánico con algunhas das especies máis raras do planeta
undefined
photo_camera Un dos membros da asociación sinala unha wollemia nobilis. SEBAS SENANDE

"Se queres ser feliz un mes, namora. Se queres ser feliz un ano, casa. Se queres ser feliz toda a vida, faite xardineiro", reza un proverbio chinés. Hai 17 anos, este mesmo terreo que pisamos, estes 2.400 metros cadrados na parroquia de Mosteiro, en Outeiro de Rei, eran un prado a piques de devir en toxeira pola falta de uso. Hoxe son un xardín botánico que garda algunhas das especies máis raras do mundo, moitas en perigo de extinción.

                      Sobre estas liñas, a árbore máis alta é a wollemia nobilis, especie que tamén ensina un dos membros de Arboretum Pinetum na imaxe da dereita nun exemplar máis pequeno. Abaixo, nas pedras do estanque construído para albergala, a pherosphaera fitzgeraldii. Á dereita desta, arriba, chamaecyparis obtusa, orixinaria de Xapón, e abaixo a brassaiopsis mitis, do Himalaia.
Chamaecyparis obtusa, orixinaria de Xapón. SEBAS SENANDE

Arboretum Pinetum Lucus Augusti é a asociación que operou este milagre. A súa orixe está a milleiros de quilómetros, entre centos de araucarias. "Pasei un ano de estudos no Brasil e tiven a oportunidade de estar nun deses bosques", comenta un dos impulsores da entidade. O bosque, coma no proverbio chinés, pode transformar a unha persoa. "Si, eu quedei tocado por aquela experiencia, da que naceu o meu interese nas árbores, nas plantas", indica. E así, o bosque deu lugar ao xardín. "Comprei esta parcela e pouco a pouco foron sumándose persoas interesadas", engade. E tamén especies, ata chegar ás preto de 400.

As queridas coníferas

O nome da asociación non podía ser outro: por arboretum coñécense as coleccións de árbores destinadas a fins científicos ou de exhibición; por pinetum, os arboretos especializados en coníferas. Aínda que este lugar ten algunhas anxioespermas, está sobre todo centrado nese xénero, o das amadas araucarias.

                      Sobre estas liñas, a árbore máis alta é a wollemia nobilis, especie que tamén ensina un dos membros de Arboretum Pinetum na imaxe da dereita nun exemplar máis pequeno. Abaixo, nas pedras do estanque construído para albergala, a pherosphaera fitzgeraldii. Á dereita desta, arriba, chamaecyparis obtusa, orixinaria de Xapón, e abaixo a brassaiopsis mitis, do Himalaia.
Brassaiopsis mitis, do Himalaia. SEBAS SENANDE

"Esta é a estrela do xardín". As mans sinalan unha das wollemia nobilis que alí habitan, unha especie coñecida por restos fósiles que se remontan millóns de anos atrás, pero que foi descuberta viva nos anos 90 nas Montañas Azuis, en Australia. "No ano dos incendios devastadores, o goberno australiano enviou a ese lugar o exército para protexer o bosque de wollemias, e logrou salvalo", conta. Do contrario, ao estar restrinxida a unha pequena zona desa serra, a especie desaparecería do planeta na súa vida silvestre. Ese é tamén o sentido deste lugar de Outeiro: servir de reservorio de especies en perigo, fráxiles a pesar de erguerse con habelencia nos apenas tres lustros que levan no chan galego.

A outra wollemia deste xardín lugués é xa a máis alta que se pode contemplar na Europa continental, e paira aquí o desexo de que mude o horizonte deste lugar de Outeiro cos 40 metros que podería chegar a atinxir. "Vedes? Só falta que saia un dinosauro de aquí", di, e non se alonxa da realidade, pois o que fai tan especial a especie é non ter mudado dende o xurásico, estender as mesmas ramas hoxe que naqueles tempos, cando non había aínda flores na Terra.

                      Sobre estas liñas, a árbore máis alta é a wollemia nobilis, especie que tamén ensina un dos membros de Arboretum Pinetum na imaxe da dereita nun exemplar máis pequeno. Abaixo, nas pedras do estanque construído para albergala, a pherosphaera fitzgeraldii. Á dereita desta, arriba, chamaecyparis obtusa, orixinaria de Xapón, e abaixo a brassaiopsis mitis, do Himalaia.
A árbore máis alta é a wollemia nobilis. SEBAS SENANDE

A outra xoia do xardín son as pherosphaera fitzgeraldii, unha especie da que se estiman só 455 exemplares en vida silvestre, restrinxidos en sete zonas de fervenza tamén nas Montañas Azuis. Para acollela, o verán pasado, a asociación foi unha das tres entidades estatais que recibiu unha axuda da Botanic Gardens Conservation International, canda os xardíns botánicos de Madrid e de Marimurtra, en Girona. Co importe da axuda, crearon un estanque que lle dá a humidade ambiental que precisa.

Abeto de Sicilia, ciprés da Patagonia, cedro do Himalaia, agave da montaña mexicana, tamareira cretense, ciprés dourado de Vietnam -descuberto aínda en 2002- ou, como non, distintos tipos de araucaria, viven neste espazo. "E o gatiño tamén?". Tamén, si, e case é responsable de que ningún paxaro cante neste bosque recente e antigo a un tempo. Porén, debaixo de nós, as raíces talvez estean tendo unha conversa, como veñen demostrando as últimas investigacións científicas. "Cando falamos da extinción acostumamos ter máis empatía cos animais, pero as árbores son tamén extraordinarias", indica. "Tal vez elas, as árbores, estean falando máis ca nós", engade.

E que dirán, ademais de clamar pola súa supervivencia, nun mundo cego á extinción acelerada da biodiversidade? Dirán que este xardín é unha esperanza. Que están encantadas de recibir visitas, que se poden concertar na asociación. Que para ser felices durante toda a vida, están aí.

Comentarios