Viñetas de loita e a prol do rural

Ana Moreiras edita un cómic sobre a vida cotiá na súa aldea de Friol. Historias de nais e avoas, "as auténticas transmisoras dos relatos orais", que sostiveron as súas familias nun século difícil
Unha das viñetas do cómic 'Madialeva'. EP
photo_camera Unha das viñetas do cómic 'Madialeva'. EP

Baixo o nome de 'Madialeva' nace unha historia de loita e reivindicación. As protagonistas son as nais, avoas e bisavoas dunha aldea concreta e con nome propio: Miraz. Un lugar situado no concello de Friol que podería ser calquera outra aldea do medio rural galego. "O amor pola miña terra e a nosa lingua levoume a emprender esta aventura. Unha especie de chamada de socorro para alertar da grave crise que sufre o noso rural, que está esmorecendo", así explica a mestra Ana Moreiras unha das motivacións que a levou a deseñar o seu primeiro cómic , un conxunto de viñetas baseadas en esceas da vida cotiá do último século na súa aldea natal.

"Tiven a fortuna de vivir a miña infancia no lugar de Miraz, a medio camiño entre a Terra Chá e Friol. Alí botei as tardes aproveitando a última raiola xunto á tía Pura, Carme, Constantino, Manuel e meus avós Carme e Domingo. Sentíndoos debullar contos na aira ata a hora de recollerse. De inverno, anos máis tarde, seguiría escoitando historias tras a cociña de leña ás mulleres da segunda xeración: a tía Manola, Hortensia, miña nai... Todas esas mulleres guerreiras que sostiveron as súas familias nunha época difícil e son as verdadeiras transmisoras dos relatos orais no rural galego", relata.

SUPERACIÓN. A paixón de Moreiras polo deseño venlle desde nena, pero como todo na vida, sempre hai un detonante para dar un gran paso. No caso desta mestra, saber que non podería ter fillos, tras a diagnose de endiometriose aguda hai catro anos, levouna a cambiar o rumbo da súa vida e a fuxir a Nova Zelanda.

Descubrir que non podía ter fillos levouna a fuxir cara Nova Zelanda e alí decidiu plasmar en papel relatos vitais "de mulleres bravas"

"Constatei que a tristeza da esterilidade non me nacía tanto de quedar sen pequechiños coma da sensación de tronzar a transmisión do relato. Esa carga facíaseme insoportable", recorda a autora, quen comenta que foron momentos moi difíciles. "Lonxe da miña terra puxen a alma co dentro para fóra e boteime a camiñar. Con cada paso ía pasando a agustia, e con ela o adival de historias que formaban o meu niño", precisa.

Un bo día deixou de lado a pena e propúxose un reto: plasmar no papel todos eses relatos que xa non lle podería transmitir aos seus descendentes. "Chorei as últimas bágoas e souben que o peor xa pasara. E así comecei a debuxar e a xestar o meu primeiro proxecto literario", precisa.

FÍO CONDUTOR. Con esmero, moito tempo e, sobre todo, dedicación foron xurdindo as primeiras historias. O trazo do lapis foi contorneando as esceas que Ana Moreiras gardaba na súa retina e no fondo da súa memoria. Así xurdiron un total de once relatos gráficos ao longo de máis de cen páxinas con viñetas coloreadas a man que aínda que abordan temas diversos, están entrelazadas entre sí. "Son independentes, pero as protagonistas dunhas historias dan pé ás outras", di.

Así, neste cómic escrito íntegramente en galego abórdanse temas como a corrupción política, a vida nas escolas unitarias, a emigración, as dificultades de atender negocios no medio rural ou a temática das vodas concertadas. "Arrancan na actualidade e van percorrendo toda a historia desde comezos do século XX. Tratan aspectos que teñen que ver con mulleres reais. Pretendo a través do debuxo plasmar a enerxía e forza desas heroínas", sinala a autora, que actualmente imparte docencia en Boiro pero ten moi presentes as súas raíces a medio camiño entre Friol, concello da súa nai, e Trabada, aldea de seu pai.

"Este proxecto é unha homenaxe á figura das mulleres bravas, pero tamén unha protesta contra esa Galicia baleirada, para reivindicar que se lle preste atención a eses núcleos nos que apenas queda xente. Clamo ás administracións para que miren por ese medio rural noso que vai morrendo pouco a pouco", asegura.

CROWDFUNDING.  O cómic xa está rematado e Moreiras está ultimando os detalles de maquetación, proceso do que se encarga ela mesma. "Decidín non envialo ás editoriais porque é o meu primeiro proxecto literario e non sabía que acollida ía ter", comenta a muller, que puxo en marcha unha campaña de micromecenado (crowdfunding) na plataforma Verkami para financiar a maquetación final e impresión da novela gráfica. "Á xente estalle gustando o proxecto e son moitos os que me preguntan pola obra", indica a docente e sinala que ten previsto lanzar unha tirada inicial de 200 exemplares.

Deste xeito, o seu cómic 'Madialeva' verá a luz nas vindeiras semanas como un relato gráfico da vida na aldea. Unha homenaxe ao día a día no medio rural e un guiño a todas esas mulleres que manteñen viva a historia de cada pequeno recuncho da xeografía galega.

Comentarios