Unha viaxe ao sistema educativo canadense

Dous docentes de CPI de Castroverde contan a súa experiencia tras un mes no país norteamericano

Unha viaxe de Castroverde a Canadá. DANIEL DÍAZ TRIGO
photo_camera Unha viaxe de Castroverde a Canadá. DANIEL DÍAZ TRIGO

Os docentes do CPI de Castroverde Marlén Solveira López, de inglés, e Daniel Díaz Trigo, de plástica, foron dous dos 70 profesores que participaron no programa Piale, impulsado pola Xunta de Galicia para propiciar a inmersión lingüística e observar un dos sistemas educativos mellor valorados polo informe Pisa.

Do 15 de setembro ao 15 de outubro, estes dous profesores, que forman parte da sección bilingüe do centro castroverdense, coñeceron o funcionamento do homólogo canadense que se lles asignou en Ottawa, e tamén a vida na casa dunha familia. Sen embargo, o que trouxeron, por riba de todo, foi unha sensación de reforzo como docentes, coa certeza de que o sistema educativo galego non lle ten nada que envexar, aínda que si que haxa aspectos dos que aprender.

Unha das cousas que máis lles chamou a atención é a relaxación predominante nos centros. "Non hai obsesión polos contidos, nin polo título universitario", comenta Daniel Díaz, algo que enmarca nun contexto onde o paro está nun seis por cento, e polo tanto os oficios moito máis dignificados que en España. "Por esa mesma razón, non hai tanta presión por sacar boas notas", engade.

"Tampouco teñen a carga de materias que temos aquí. Nun día hai catro sesións, de 75 minutos —o que permite profundizar máis—, e ás veces as materias só se ven durante catro meses, de xeito intensivo. Dentro delas, hai un gran campo de optativas, que serían inviables coa nosa carga curricular e a presión ante a universidade", comenta Marlén Solveira. Sen embargo, "os alumnos teñen sempre que explicar o que fan, reflexionar sobre as actividades, comentalas cos compañeiros... o que lles dá outro grao de autonomía", engade.

Tamén alí se relaxa o control e a vixianza sobre os alumnos, con colexios que son espazos abertos sen muros ou móbiles que poden usarse na aula sen supoñer problemas en termos de bulling e que poden ser "unha ferramenta poderosa", como di Daniel Díaz. "Teñen tanta liberdade para usar o mó- bil que non precisan transgredir", indica Marlén Solveira. Por outra banda, cando o fan, e non usan o móbil con obxectivos pedagóxicos, os profesores non acostuman a rifar con alumnos. "Hai un respecto enorme pola individualidade", indica Marlén Solveira, e tamén unha sensación grande de responsabilidade. "Case todo o mundo adica parte do día ao voluntariado", engade Daniel Díaz.

PROS E CONTRAS. A parte máis negativa, para os dous, provén do sistema de acceso do profesorado. "En lugar de acceder ao sistema, accedes ao centro educativo. Nunha cidade coas dimensións de Ottawa, onde Marlén e Daniel demoraban unha hora para chegar aos seus respectivos centros, a meirande parte dos profesores quere estar no centro das cidades, polo que melloran o seu perfil para concorrer a eses postos. Ao final, é posible que haxa unha élite encuberta de colexios públicos", indica Daniel Díaz. O mesmo ocorre dende un punto de vista social. Nun país onde a metade dos seus habitantes non naceron alí, os centros con máis inmigrantes están nos barrios máis periféricos.

"En xeral, viñemos reforzados como docentes", di Daniel Díaz. Marlén Solveira secunda ao seu compañeiro: "Estou segura de que se viñeran de Canadá ao noso centro, en Castroverde tamén aprenderían moitísimas cousas e se sorprenderían do ben dotado que está, dos recursos que temos", indica. Iso tamén foi o que aprenderon no bus que os levou a Canadá.