Veciños e negocios volven lamentar a turbidez da auga da billa en Portomarín

"Unha vez máis estamos con este problema. E, sen embargo, o imposto pola auga pagámolo igual", denuncian
Auga embotellada e da billa. EP
photo_camera Auga embotellada e da billa. EP

Choivas fortes, turbidez da auga da billa en Portomarín. Esta ecuación repítese dende hai anos na vila, e o temporal destes días pasados non foi unha excepción. Negocios e veciños lamentaban este xoves o estado da auga, un mes despois da última incidencia neste sentido, cando pasaron unha semana sen poder facer uso da subministración.

"Unha vez máis estamos con este problema. E, sen embargo, o imposto pola auga pagámolo igual, cando moitas veces non se pode utilizar. Neste momento, se non tes un filtro, ou algún sistema para depurala, non vale nin para cociñar", critica unha veciña, que destaca que o Concello debería "repartir garrafas nestes momentos, polo menos", destaca. Os veciños e negocios piden, non obstante, unha solución definitiva ao que, din, afecta "ao día a día da vida e dos establecementos".

O alcalde do municipio, Pablo Rivas, destaca que neste momento está redactado un proxecto que sairá en breve a licitación, para corrixir de forma urxente este problema que se repite, e á espera dunha intervención maior que, segundo indica, pasará pola ampliación da depuradora ou pola creación dunha nova. Así e todo, Rivas declarou que "os parámetros para o consumo cumpren os valores que teñen que cumprir, e a auga non ten problema de potabilidade".

Comentarios