Se eu fose alcalde...

"Traballarei para crear emprego, dar máis servizos aos veciños e axudar aos autónomos e gandeiros"

Pablo Figueiras. EP
photo_camera Pablo Figueiras. EP
Pablo Figueiras Reguera
Candidato do PP en Castroverde
Idade: 48 anos
Lugar de nacemento: Castroverde
Primeiro ano como candidato: 2023
Afeccións: Ciclismo e familia


Pablo Figueiras Reguera (Castroverde, 1974) encabeza a lista electoral do PP de Castroverde nas eleccións municipais do 28 de maio. Figueiras é avogado de profesión e profesionalmente tamén está moi vinculado coa hostalería local e lucense.

Está a traballar para acadar a alcaldía e liderar un proxecto político que dea estabilidade a este municipio que, nos últimos anos, di, "pouco ou nada avanzou". Por iso se presenta e faino —di— con moita ilusión, pero, sobre todo, "con moita responsabilidade" na que, considera, que a xestión e o traballo serán a base da súa folla de ruta. Entre os seus obxectivos figura impulsar proxectos que teñan un beneficio directo no pobo e que se traduzan na creación de emprego, dar máis servizos a Castroverde, mellores prestacións aos maiores e impulsar o sector primario que é do que vive a maior parte da poboación deste municipio. Asegura que concorre ás eleccións "porque lle chegou o momento e porque Castroverde é a súa prioridade".

O alcaldable cando se lle pregunta polo seu principal obxectivo non dubida en respostar. "Nada me faría sentir máis satisfeito que poder facer cousas polo meu pobo. Creo que poido estar á altura pois, na situación actual, considero que no noso Concello falta esa persoa que teña unha verdadeira altura de miras para traer investimentos que o fagan progresar. Estamos moi preto de Lugo e, sen embargo, semella que somos un municipio afastado".

E iso pasa —di— porque non se xestionaron proxectos que nos sitúen como un lugar referente na comarca de Lugo. "Recursos temos para ser un concello referente na provincia. Por iso, creo humildemente que podo reverter o declive no que se atopa Castroverde".

O PP, a única alternativa en Castroverde e na Deputación

Figueiras fai esta reflexión porque apoiar nestes momentos ás forzas de esquerda sería "avalar gobernos como o de Pedro Sánchez ou o da Deputación de Lugo que, pola vía dos feitos, demostraron e demostran cada día que non están á altura do que necesitan os concellos, do que necesita esta provincia e, moito menos, do que necesita este país". Como exemplo pon a residencia da terceira idade construída polo organismo provincial nesta localidade. Neste caso concreto, bota a vista atrás e lembra como por Castroverde pasaron todos os presidentes socialistas da Deputación, incluído o actual alcalde que é tamén deputado nesa institución.

"Pasou Besteiro, pasou Darío Campos, pasou Tomé e todos nos dicían o mesmo. Por suposto, José Arias de acompañante. E cal é a realidade? Que a residencia aínda se abriu hai pouco máis de 24 meses. Entre uns e outros, tivemos que esperar anos, a pesares de que as obras comezaran no ano 2013. Por tanto, Castroverde tamén ten que aportar o seu grao de area para que o cambio na Deputación chegue o 28 de maio. Estou convencido de que se o organismo provincial estivese gobernado polo Partido Popular teriamos a residencia aberta moito antes", afirma con rontundidade.

Impulso económico

Defende que "temos que ser máis prácticos que nunca e apostar polo que é máis útil, resolutivo e pola persoa que ofrece máis garantía para mellorar a situación que temos, na que cada vez o custe da vida está máis alto, na que cada vez temos máis impostos e na que cada vez é máis difícil chegar a final de mes ou ter uns pequenos aforros para o día de mañá ou para facer fronte aos imprevistos que poidan xurdir".

A este respecto, lamenta que exista un polígono industrial vacío e que dende o Concello non se este a facer nada para que os autónomos locais emprendan o seu proxecto empresarial en Castroverde. "Existen fórmulas para cambiar esta situación. Só hai que traballar e buscalas. Dende logo, pola miña parte, o esforzo será importante. Un dos meus compromisos, insisto, é atraer empresas porque iso supón impulsar a nosa economía e crear novos postos de traballo no noso pobo".

"Coidar a quen nos coidou"

O despoboamento é outro dos problemas que lle ocupa e preocupa a Figueiras. Os datos oficiais do Instituto Nacional de Estatística (INE) revelan que Castroverde ten algo máis de 2.500 habitantes, dos que case o 34% superan os 65 anos (aproximadamente 873 persoas); de aí que manifeste que "non podemos permitir que sigamos indo por esta costa abaixo". "O Concello debe ser unha administración aliada para frear a sangría demográfica".

Relacionado con isto, Pablo Figueiras avoga por mellorar a atención ás persoas que viven soas ou que son dependentes. "Temos que coidar a quen nos coidou", remarca.

Máis oportunidades para o rural, nenos e mozos

Por outra banda, o alcaldable do Partido Popular subliña que as máis de 37 parroquias que conforman o municipio teñen que mellorar en servizos, no sentido de que non pode haber diferenzas, e cita a modo de exemplo, entre os veciños de Furís, de Pereiroá, de Grandón, de Paderne ou de Barredo.

Castroverde é un concello no que o rural ten un peso moi importante. Consciente diso, asegura que, entre outras actuacións, seguirá moi de preto o desenvolvemento da parcelaria de Riomol que impulsa a Xunta de Galicia, e na que o Goberno galego inviste preto de 1,5 millóns de euros. Son moitos os veciños implicados que demandan a súa posta en marcha canto antes e 500 hectáreas que, con esta reordenación, a rendibilidade das explotacións aumentará notablemente.

Un concello "que precisa un cambio político"
O alcaldable popular cre que "é o momento de dar paso a un goberno do Partido Popular centrado en Castroverde e nas necesidades dos nosos veciños e veciñas; despois de 16 anos de gobernos socialistas que deron como resultado o descenso da poboación e a perda de servizos".

Pablo Figueiras sinala, así mesmo, que "despois de case dúas décadas co PSOE no Concello de Castroverde vemos claramente os resultados. Se seguimos apoiando o mesmo goberno os resultados serán os mesmos. Por iso hai que cambiar o goberno e dar a oportunidade ao Partido Popular de facer as cousas doutro xeito durante catro anos".

O proxecto do Partido Popular non é outro que dar mellor calidade de vida aos veciños e veciñas con máis e mellores servizos; accesos e infraestruturas de calidade, garantindo a seguridade; e ofrecer prestacións para a atención dos maiores e tamén dos máis novos cunha oferta atractiva e instalacións axeitadas. "O rural é unha fonte de riqueza e oportunidades. Hai que apoiar aos gandeiros, facer rendibles os recursos medioambientais e turísticos e aproveitar o Camiño de Santiago".

Comentarios